Promovidas polo grupo dx5, terán lugar o luns 13 e martes 14 en Belas Artes e na Vicerreitoría
Profesionais do cómic e a ilustración protagonizan unhas xornadas sobre autoedición
A programación combina talleres cunha serie de coloquios cos autores e autoras
Baixo o título de Autoedición etc, o grupo de investigación dx5 de Belas Artes promove o luns 13 e o martes 14 unhas xornadas sobre autoedición que reunirán na facultade e na sede da Vicerreitoría do campus diferentes profesionais do mundo do cómic e da ilustración, cunha ampla experiencia no eido dos fanzines e dos proxectos autoeditados. Aberta ao conxunto da cidadanía, esta programación comprende tanto unha serie de coloquios cos autores e autoras participantes como dous talleres, con inscrición previa, a cargo dos debuxantes Yeyei Gómez e Martín López Lam.
Coordinada polos docentes Miguel Cuba e José Andrés Santiago, esta iniciativa insírese nos encontros de interacción gráfica nos que o grupo dx5 (digital & grahpic art research) busca promover un “diálogo con artistas e profesionais”, como sinalan os promotores dunhas xornadas que contan co financiamento do Programa de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas da Xunta de Galicia. O seu obxectivo, explica Santiago, é “explorar diferentes posibilidades no mundo da autoedición”, de tal xeito que se ben as e os participantes contan cunha “traxectoria importante no mundo do cómic e do fanzine”, esta actividade poida tamén abordar “outras manifestacións” vinculadas á idea da autoedición e á “liberdade creativa” que esta achega aos autores e autoras. De feito, trátase da primeira edición dunha iniciativa que busca dar resposta a unha “demanda do alumnado” da facultade e que permitirá tanto afondar na “escena do fanzine en Galicia, que é realmente potente dentro do contexto español”, como achegarse á “propia práctica artística” das e dos ilustradores, así como ás súas traxectorias no eido da autoedición.
Dous talleres e seis coloquios
As xornadas arrancarán na mañá do luns, no Laboratorio de Técnicas Gráficas de Belas Artes, cun taller de Yeyei Gómez, para o que é precisa inscrición previa a través do correo miguel.cuba@uvigo.gal. Esta debuxante, cuxa traxectoria profesional céntrase no mundo da ilustración editorial, o cartelismo e o humor gráfico. afondar neste taller nas posibilidades da viñeta “como ferramenta para contar a realidade” e no seu potencial para abordar “a actualidade política e social desde un posicionamento crítico e irónico”, sinalan desde a organización.
Ao día seguinte, terá lugar neste mesmo espazo un obradoiro dedicado á creación dunha historia colectiva que poña o foco “naqueles detalles que, por cotiáns, pasan desapercibidos ou se nos esquecen”. Tamén con inscrición previa, a actividade correrá a cargo do debuxante e artista gráfico Martínez López Lam, impulsor do selo independente Ediciones Valentes e un dos fundadores do festival de autoedición Tenderete de Valencia.
Os dous autores participarán ademais, na tarde do luns na Casa das Campás, nos primeiros coloquios de Autoedición etc. Programados para as 17.00 horas, nesta sesión, López Nam protagonizará un relatorio titulado Habitar la extrañeza, mentres que Gómez afondará na autoedición como proceso creativo, completándose a xornada co relatorio que Miguel Cuba dedicará á autoedición en Galicia.
O martes 14, esta actividade trasládase ao espazo 16 de Belas Artes, nese mesmo horario. Nesta ocasión, abrirase co coloquio que o ilustrador e deseñador gráfico Bernal Prieto, responsable do festival de cómic autoeditado Autobán da Coruña, centrará nos “procesos colectivos de autoedición”. A continuación, Uxía Larrosa, unha autora galardoada en diferentes concursos de cómic, reflexionará sobre os usos pedagóxicos do fanzine, completándose o encontro cun coloquio, centrado tamén nos proxectos colectivos, co artista, ilustrador e docente Berto Fojo, egresado da facultade pontevedresa.
