DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No XXVIII Seminario de Loxística organizado na EE Industrial polo grupo GIO

Profesionais e expertos na cadea de subministro poñen ao día os seu coñecemento sobre un dos sectores de maior crecemento en España

Coa participación de empresas como Coca Cola, Selmark Lingerie ou Arnoia Distribución de Libros

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Académica
M. Del Río DUVI 25/05/2022


O sector da loxística e da cadea de subministro é un dos que rexistran maior crecemento e maior demanda de traballadores. Segundo os datos do Ministerio de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones, existen 981.606 profesionais que traballan neste eido en España, un cifra en constante crecemento, sobre todo debido aos cambios nos hábitos de consumo. Os datos e abril, respecto dos do mes anterior, amosan un crecemento da contratación neste sector dun 5,4%, consolidándose como dos principais creadores de emprego en España.

Para debater sobre os avances deste sector, as novas tecnoloxías e os retos de futuro neste campo, máis de 150 profesionais e expertos reuníronse este mércores na Escola de Enxeñería Industrial do campus de Vigo no marco do XXVIII Seminario de Loxística, que organiza o Grupo de Ingeniería de Organización (GIO). 
Os encargados de inaugurar o seminario foron o director da Escola de Enxeñaría Industrial, Juan E. Pardo, o seu organizador, o catedrático do Departamento de Organización de Empresas e Márketing José Carlos Prado. Na súa intervención, o director do seminario, amosábase moi satisfeito pola elevada cifra de persoas inscritas e por poder regresar con este evento “tras estes tristes anos de pandemia” cun programa de catro sesións sobre as últimas tendencias nesta área nas que tamén se abordaron experiencias prácticas a través das intervencións de prestixiosos profesionais de empresas como Coca Cola Europacific Partners, Shelmark Lingerie ou Arnoia Distribución de Libros.

Da loxística á cadea de subministro

Lembraba Carlos Prado que cando arrancou este simposio, “alá por 1988, falábamos de loxística, con esa visión global do que agora se chama cadea do subministro”. A este respecto, apuntaba o director da escola, os máis de 30 anos que pasaron permiten tamén constatar “o espectacular avance que tivo a loxística en todo este tempo. Naquel momento era algo moi innovador e incipiente e non se sabía como ía evolucionar e agora podemos ver o avance que tivo”. De feito, Pardo apuntou que, segundo o Observatorio da Loxística do Transporte de España, o sector está crecendo nos últimos meses por riba do 3% no que respecta á contratación de expertos, chegando ao 5,4% de abril. 

Este crecemento foi parello a unha evolución tecnolóxica evidente. “Temos moitas tecnoloxías e moi diversas que están influíndo na loxística e transformando a contorna dunha maneira vertixinosa, como se reflicte nas poñencias deste seminario, que van dende o blockchain ata a automatización integral da intraloxística”, apuntaba Pardo. De feito, este sector é un dos que “mellor aproveitou nas últimas décadas o uso das TIC” e, en consonancia, dende a EEI estase traballando en diversos campos relacionados, como o impacto que poden ter na loxística os vehículos eléctricos e autónomos, os drones, etc.

O blockchain na loxística

Precisamente no marco da aplicación das novas tecnoloxías ao sector da loxística, a primeira conferencia da xornada centrouse no blockchain aplicado á cadea de subministro e no potencial desta tecnoloxía para crear valor ao cliente e mellorar a eficiencia nos procesos. Nesta primeira parte das xornada os relatores foron Jose Iglesias Álvarez, director executivo en Trazum Galicia e Gerardo Estévez Suárez, CEO en Trazum Galicia e socio director en Elige Plus Consultores de Dirección.

Estévez foi o encargado de introducir o tema e lembrou a súa participación nas primeiras edicións deste seminario, na década de 1990. “Esa experiencia serviu para transformar Galicia e moitos dos que estaban naquelas edicións hoxe están dirixindo empresas ou áreas de loxística e foron os responsables de implantar melloras significativas en moitas compañías”.

Con todo, a pesar das tres décadas transcorridas, destacaba, “esencialmente a loxística segue tendo o mesmo obxectivo: eficiencia no fluxo, entregando a tempo, con calidade e co menor investimento posible. O que cambiou nestas décadas foron as tecnoloxías, as ferramentas e metodoloxías que se empregan para acadar este obxectivo. Unha desas novas tecnoloxías é o blockchain. Segundo puntualizou o CEO de Trazum, Jose Iglesias, “aínda que se puxo moi de moda a raíz das criptomoedas e do Bitcoin, esta tecnoloxía ten un percorrido de décadas e semella ser un traxe feito a medida para a cadea de subministro, que permite cambiar a maneira na que nos estábamos comunicando ata agora”. 

En concreto, o blockchain é un conxunto de tecnoloxías que permiten levar a cabo un rexistro seguro, descentralizado, sincronizado e distribuído das operacións dixitais. Deste xeito, explicaba Iglesias, “axúdanos, nun único rexistro, a ter toda a información como se fose un libro maior compartido e inmutable. As transaccións rexístranse só unha vez, eliminando a duplicación e ningún participante pode cambiar ou falsificar unha transacción unha vez gravada no libro maior compartido”. Neste sentido, destacaba o experto “permite que todos esteamos comunicados, sen importar o idioma ou as ferramentas de xestión, nunha mesma cadea”. Entre as principais vantaxes da aplicación desta tecnoloxía na loxística sinalou a  seguridade (usa unha encriptación matemática que oculta os datos), a capacidade de descentralizar (depende de múltiples nodos e non dun servidor central) e o feito de ser escalable (adáptase tanto a pequenos como a grandes proxectos empresariais). Respecto dos principais beneficios, Iglesias destacou que “ten a capacidade de executar os pagos de forma automática, os smart contracts, reducindo tempos e custes; fomenta unha contorna colaborativa, onde todos os participantes poden acceder á información e tomar accións inmediatas e ten a capacidade de autoexecutar accións de acordo cunha serie de parámetros xa programados”. 

Para a cadea de subministro, isto tradúcese “nunha maior coordinación; máis eficiencia, xa que hai menor intervención de persoas; máis transparencia, porque unha vez que os datos están na cadea non se poden tocar; reduce o risco de fraude e falsificación e achega rapidez”. Como mostra do seu potencial, Iglesias referiuse á trazabilidade alimentaria e puxo como exemplo á cadea Walmart. Ante un caso de alerta por un produto ou lote en mal estado, a empresa tardaba sete días en atopar o foco retirar a mercancía das tendas. Empregando blockchain o tempo de reacción reduciuse a 2.7 segundos. “É, en resumo, unha ferramenta potentísima para toda a cadea de subministro, que xera beneficios principalmente na mellora de procesos e optimización e na xeración de valor para os clientes”. 

Tes relatorios para completar a xornada

O programa da xornada contou tamén coa intervención de Diego Piñeiro, director de Innovación en Selmark Lingerie, que falou sobre OpenInnovation ou innovación aberta como fórmula para achegar solucións loxísticas nunha empresa téxtil e de Mario Díaz, técnico de loxística en mananciais central e David Rey, técnico de procesos e sistemas de almacén, ambos en Coca Cola Europacific Partners, que falaron sobre a excelencia operativa. A xornada pechouse cun relatorio sobre o reto da automatización integral da intraloxística nun sector supostamente tradicional como é o caso de Arnoia Distribución de Libros SA, cuxo director financeiro, Alberto Pérez Abreu, foi o poñente.