DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celso Cancela forma parte do equipo de traballo dunha iniciativa centrada na Cadea Báltica

Un profesor do campus participa nun proxecto europeo sobre a mobilización que supuxo “o principio do fin” da URSS 

Dirixido a analizar e divulgar a súa contribución á integración comunitaria 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 18/01/2023

“O 23 de agosto de 1989, aproximadamente dous millóns de persoas uniron as súas mans nunha cadea humana que se estendeu preto de 675 quilómetros ao longo dos tres estados bálticos, Estonia, Lituania e Letonia, que aínda estaban baixo a ocupación soviética”. Deste xeito presentan os responsables do proxecto Baltic Chain (Bacha) a mobilización pacífica que centra e dá nome a esta iniciativa seleccionada na convocatoria comunitaria European Remembrance. A través tanto de actividades divulgativas como do estudo desta mobilización, o proxecto busca afondar na “contribución que supuxo de cara á integración europea” a Cadea Báltica, un acontecemento que “marcou dalgunha forma o principio da fin do réxime soviético”, como sinala o profesor da Facultade de Dirección e Xestión Pública Celso Cancela, único representante dunha universidade española neste proxecto europeo.

Coordinado polo investigador da Universidade Tecnolóxica de Tallin Archil Chochia, Bacha foi seleccionado nunha convocatoria dirixida a “destacar personaxes ou eventos que contribuíron dalgunha forma a resaltar e configurar a identidade europea”, como lembra Cancela. Con esa idea, o proxecto comprende a organización dunha serie de accións divulgativas en sete países grazas á participación, xunto á institución coordinadora e á UVigo, da Universidade de Letonia, da Vytautas Magnus University (Lituania), da Palacký University Olomouc (República Checa), da Universidade de Bialystok (Polonia) e da Comenius University de Bratislava (Eslovaquia), xunto coas organizacións Eesti Poliitiliste Liit MTU e Radosas Idejas.

Un acontecemento cunha “repercusión global”

Como apunta Cancela, os impulsores de Bacha non buscan “facer un estudo histórico”, senón “ver en que medida estes acontecementos axudan a crear identidade europea”, á vez que explorar como “os valores da liberdade e a democracia” asociados á Unión Europea influenciaron ás reivindicacións a prol da independencia dos estados bálticos, que en 2004 entraron a formar parte da UE. “A cadea báltica é un evento cunhas connotacións e unhas dimensións políticas considerables”, engade este investigador, que lembra que a mobilización dirixida a “pór sobre a mesa a ilexitimidade da ocupación soviética” fíxose coincidir co 50 aniversario do pacto Molotov-Ribbentrop, no que a Unión Soviética e a Alemaña nazi acordaron, lembra, “o reparto desa zona”. Neste punto, o investigador da Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza G3 incide en que a Cadea Báltica supuxo en certa medida o “inicio da fin da URSS”, contribuíndo ao “clima que foi erosionando o bloque” e a que, sete meses máis tarde, Lituania se convertese na primeira república soviética en declarar a súa independencia.  

Ao mesmo tempo, Cancela incide no interese que ten desde o punto de vista investigador o feito de que fose unha mobilización “que partiu da sociedade civil”, para analizala desde “a perspectiva da acción colectiva”. Outro dos puntos de interese do estudo da Cadea Báltica, engade, será a “repercusión global” da que foi “probablemente a primeira mobilización masiva” e como esta deu lugar a “réplicas” en décadas posteriores, “como a cadea formada en Cataluña en 2013 ou outra anterior en Hong Kong”.

Da análise á divulgación

Alén da propia análise do acontecemento, o obxectivo de Bacha, como recolle a súa memoria, é pór de relevo como “a participación cidadá é necesaria para crear unha sociedade máis cohesionada e xusta”, a través dun “evento histórico extremadamente importante” cuxo grao de coñecemento “é moi diferente” nas repúblicas bálticas con respecto ao resto de Europa. Con esa idea, entre as actividades que está previsto que se desenvolvan en 2023 e 2024 figura tanto a organización de talleres, seminarios web, conferencias e mesas redondas, como outra serie de accións de carácter divulgativo. Entre elas, unha exposición itinerante nos diferentes países participantes, que reunirá fotografías da Cadea Báltica xunto a información e vídeos sobre o contexto histórico desta mobilización, así como a posta en marcha dunha web que reúna testemuños de cidadáns involucrados neste acontecemento.