DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Publicado en inglés, inclúe relatos de Galicia e de áreas de fala galega de Asturias, León ou Zamora

A profesora Camiño Noia presenta un catálogo de referencia internacional sobre os contos galegos tradicionais

Constitúe unha valiosa fonte de información para investigadores da tradición oral europea

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Publicacións
  • Investigación
M. Del Río DUVI 21/10/2021

A medida que as aldeas foron sendo abandonadas, que os oficios tradicionais se foron perdendo e que a transmisión oral foi substituída pola tecnoloxía, os contos galegos foron tamén quedando no esquecemento. A catedrática emérita da Universidade de Vigo Camiño Noia, leva décadas traballando na súa recollida, catalogación e divulgación dun patrimonio oral “riquísimo” pero en perigo de desaparición. Tras publicar en 2002 Contos galegos de tradición oral e no 2010 Catálogo tipolóxico do conto galego de tradición oral: clasificación, antoloxía e bibliografía, desta volta presenta Catalogue of Galician Folktales, un volume que rexistra tipoloxicamente os contos galegos dentro da tradición oral europea.

O libro, publicado en inglés, foi presentado este xoves na Facultade de Filoloxía e Tradución no marco dunha xornada titulada Os contos galegos alternan cos do mundo, conducida polo profesor Xosé Mª Gómez Clemente e coa participación do docente da Universidade do Algarve Paulo Correia. Autor de varias antoloxías e catálogos de contos tradicionais portugueses, Correia analizou na súa intervención como nos diversos países europeos se comezou a recoller e poñer en valor as distintas tradicións de narrativa oral. 

O libro de Camiño Noia representa o volume 322 da serie de monográficos Folklore Fellows' Communications, editada pola rede internacional de folcloristas Folklore Fellows, que na súa web define este monográfico como “unha obra de referencia para o estudo dos contos de tradición oral en Galicia e nas áreas de lingua galega de Asturias, León, Zamora e Cáceres (Val do Ellas), e constitúe unha valiosa fonte de información para aquelas/es investigadoras/es de contos tradicionais internacionais”. Os contos están ordenados baixo o sistema de índice ATU (Aarne – Thompson – Uther) recoñecido internacionalmente, usa a clasificación de catálogos rexionais e inclúe novas propostas de catalogación para etno-textos sen catalogar, coa denominación Noia. 

Un traballo que se inicia na década de 1990

No acto de presentación, Noia lembrou como comezou a traballar na recollida e compilación da tradición oral na década de 1990, “cando me din conta de que en Galicia non tiñamos coleccións de contos populares”, que si existían en Cataluña ou Portugal, ademais de noutros países pioneiros neste eido como os nórdicos ou Alemaña.

A compilación dos contos, lembra a docente, desenvolveuse ata os anos 2000 coa axuda do seu alumnado e de bolseiros, “facendo un traballo de gravación de contos á xente que aínda os recordaba e buscándoos en vellas revistas, libros e antoloxías publicadas”. A partir dese momento, comezaron a constatar que o proceso de transmisión entre xeracións estaba roto, “os netos vivían unha vida urbana e os avós e as avoas ou ben morreran ou ben esqueceran esta tradición”. A partir desa colección de narrativa recollida publicouse en 2002 Contos galegos de tradición oral e posteriormente comezou o traballo para catalogar estes contos, un proceso que culminaría en 2010 coa publicación do Catálogo tipolóxico do conto galego de tradición oral. O seguinte paso foi este catálogo en inglés, para o que foi preciso realizar un resumo narrativo dos contos, que non se recollen enteiros como si sucede no volume en galego, e a posterior tradución, “unha tarefa que non foi doada, porque utilizan un léxico da oralidade e moita fraseoloxía que non é nada fácil de poñer en inglés”. Para estes dous procesos contou co financiamento dos grupos de investigación GAELT e BiFeGa, aos que trasladou o seu agradecemento, “por iso, este libro é tamén parte do traballo da Universidade de Vigo”, institución á que agradeceu “estes anos que me regalou como profesora emérita”.

Respecto deste novo libro, Noia recalca que ten unha estrutura diferente ao catálogo do publicado en galego en 2010. “Neste, poñía un conto de modelo de cada tipo, mentres que no inglés, seguindo o que se fai no catálogo internacional The Types of International Folktales (e noutros), poño o argumento do tipo cos motivos esenciais, e nas referencias ás versións recollidas só figura a provincia, non o lugar exacto de onde proceden os contos”. Por outra parte, destaca, “nesta edición corrixín a clasificación de varios contos e aumentei o número de versións respecto á edición en galego”. 

Facilitar a investigación e manter viva a tradición

A finalidade deste catálogo en inglés, apunta a docente, “é manter e reavivar a nosa tradición narrativa”, con tres obxectivos principais. Por unha banda, espertar interese entre os posuidores do patrimonio literario oral en transmitilo e mantelo; por outra, poñer ao alcance dos investigadores galegos material de interese e axudalos nos seus traballos de investigación relacionados coa antropoloxía, o folclore, a lingüística ou a socioloxía; e finalmente, dar a coñecer internacionalmente a narrativa oral galega, para que o noso folclore sexa valorado e os nosos contos poidan ser incluídos en catálogos universais e catálogos dos repertorios de outras áreas lingüísticas. En definitiva, destaca Noia, “esta obra está especialmente dirixida á comunidade investigadora do folclore internacional pero tamén á sociedade galega. Gustaríame que a sabedoría popular contida nas súas páxinas fose a semente que ten froito na revitalización da narrativa oral galega. Un mundo imaxinario creado pola fantasía da xente e que forma parte de nós, a nivel global e local. É un patrimonio que nos leva ao mundo rural dos nosos devanceiros - que pode aínda ofrécenos a sabedoría que contén e que debería facernos compartir sentimentos, afectos e formas de vida comúns”, sinala.

Con todo, a catedrática non é optimista respecto do futuro dun patrimonio oral que foi “riquísimo” pero que non se recolleu cando estaba activo, é dicir, “cando se estaba transmitindo oralmente de xeración en xeración, como fixeron en Portugal, Bretaña, noutras partes de Francia, Cataluña, etc”. Como consecuencia, hoxe “está moi minguado” e a capacidade de transmisión oral está “practicamente perdida”, sobre todo “desde que as aldeas quedaron despoboadas e se foron cambiando os modos de vida. A televisión primeiro e agora internet substituíu a recepción de contos dos avós e dos pais. Desapareceron as actividades domésticas onde se contaban contos e mesmo a xente maior das aldeas foinos esquecendo. Desapareceu a realidade e a fantasía que nos transmiten os contos tradicionais e ás novas xeracións os vellos contos tradicionais non lles din nada. Con todo, moitos pódense adaptar ó mundo de hoxe, pois os valores que transmiten continúan sendo necesarios”, conclúe.