DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sucede a Manuel Morquecho na Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración

A profesora Eulalia Agrelo, nova responsable de cultura no campus

O vicerreitor destacou dela a súa “proximidade co tecido cultural galego”

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Institucional
DUVI Pontevedra 01/02/2021

“Temos que buscar a ecuación que nos permita manter viva a cultura. Sexa a través da virtualidade, sexa a través de pequenos encontros cando estes se poidan realizar, debemos introducir dinámicas e mecanismos para que a cultura dalgunha forma siga latexando”. Deste xeito puña sobre a mesa a docente da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Eulalia Agrelo a importancia de facer fronte ao “parón” que a covid-19 está a provocar na programación cultural, despois de ser nomeada nova directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus. Profesora do Departamento de Didácticas Especiais, Agrelo toma o relevo do recentemente xubilado Manuel Morquecho á fronte desta área, responsabilidade que recibe con “ilusión” e que ve como “unha oportunidade para poñer en marcha ideas e proxectos”.

Experta en literatura infantil e xuvenil e coordinadora do Congreso Internacional de Mediación Lectora, Agrelo foi definida polo vicerreitor do campus, Jorge Soto, como “a persoa máis acaída para levar a cabo este importante traballo na Vicerreitoría, dada a súa proximidade co tecido cultural galego”. Tras un encontro coa nova directora de área, Soto quixo tamén pór de relevo o labor desenvolvido polo seu predecesor, o membro do persoal de administración e servizos Manuel Morquecho. “Quería agradecer de corazón, todo o esforzo e o traballo que vén de facer durante estes anos, que sempre foi máis aló do que se lle pedía”, salientou o vicerreitor, que destacou a “paixón e profesionalidade” de Morquecho, á vez que puxo en valor tanto o labor que realizou no campus como as relacións establecidas “con todo o tecido cultural da cidade”.

Analizar o xa creado e “sementar” novas propostas

No referido á súa nova responsabilidade, Agrelo destacou que o “punto de inicio debe ser revisar o xa feito”, coñecer “toda a programación cultural e educativa que se fai desde este área coas persoas que as levaron de primeira man” para a partires de aí “buscar novas fórmulas para optimizalas”. En segundo termo, o seu obxectivo será tamén “poñer a semente de pequenas ideas e pequenos proxectos, aínda que sei que neste momento é moi difícil poder levalos a cabo”, recoñece. Nese senso, Agrelo salientou a posibilidade que esta área lle brinda para desenvolver iniciativas “relacionadas co meu ámbito de traballo, que é a cultura, a educación e a integración” e salientou, por exemplo, a súa vontade, dada a súa área de investigación, de “traballar bastante no ámbito da lectura, dunha lectura aberta e transdisciplinar que nos permita chegar ao teatro e a música e, ao mesmo tempo, ter un contacto máis directo coa sociedade”. Neste punto, tanto Agrelo como Soto puxeron de relevo que a Vicerreitoría do campus “forma parte do tecido social da cidade” e, polo tanto, a necesidade “de crear sinerxías entre a comunidade universitaria e a sociedade de Pontevedra”.