Outorgado pola Universidad de Castilla-La Mancha
A profesora Francisca Fernández Prol, distinguida co VII Premio de Investigación en Igualdade e Xénero Lola Martínez
O galardón concédeselle por un estudo sobre a representación das mulleres no ámbito sindical
Francisca Fernández Prol, profesora da Facultade de Dereito do campus de Ourense, acaba de recibir o VII Premio de Investigación en Igualdade e Xénero Lola Martínez, outorgado pola Aula de Igualdade e Xénero da Universidad de Castilla-La Mancha (UCLM). O galardón concédeselle polo seu traballo Participación e muller. Liberdade sindical, dereitos de representación e autonomía colectiva en clave de xénero.
A entrega do premio, patrocinado pola empresa Ajusa e a UCLM, celebrouse esta semana nun acto institucional que tivo lugar na Universidad de Castilla-La Mancha, en Ciudad Real, presidido polo seu reitor, Julián Garde. A el asistiron ademais Aurora Galán, decana da Facultade de Relaciones Laborais e Recursos Humanos de Albacete; María José Romero, directora da Aula de Igualdade e Xénero Lola Martínez e profesora da UCLM; e Albino Escribano, decano do Colexio da Avogacía de Albacete. Francisca Fernández Prol recolleu “feliz e honrada” este galardón que distingue “as investigacións no ámbito do dereito do traballo e da seguridade social efectuadas dende unha perspectiva de xénero”. Alén dunha dotación económica, o premio contempla a publicación do estudo nunha monografía na editorial Bomarzo.
O traballo premiado
No seu traballo, a profesora da Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo analiza as ferramentas de participación no ámbito laboral -as representacións unitaria e sindical e a negociación colectiva- dende unha perspectiva de xénero. Trátase, sinala Fernández Prol, dunha abordaxe dual: de carácter transversal ou de xénero e, así mesmo, de dereito colectivo. Sobre os resultados acadados, detalla que “o estudo pon de manifesto que as mulleres adoitan participar menos na empresa” xa que por unha banda son menos as representantes mulleres e por outra banda as comisións negociadoras de convenios colectivos e de acordos de crise aínda adoitan estar masculinizadas.
Segundo explica a investigadora no seu estudo, nel “os procesos de elección de representantes sindicais e unitarios son examinados desde unha perspectiva transversal, procurando a identificación daqueles extremos, de formulación neutra, determinantes de efectos perversos en termos de xénero”. Tamén se analiza nel, desde a óptica de xénero, a negociación colectiva, especificamente desenvolvida a efectos de consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes, así como dirixida, máis xenericamente, á regulación de condicións de traballo ou desenvolvida no marco de procesos de reestruturación. A investigación, abordada en termos críticos e propositivos, procura, nas materias enumeradas, a identificación de nesgos de xénero, así como a formulación de propostas de reforma.
A autora conclúe no seu estudo que, “malia o compromiso do sindicalismo co feminismo, son posibles melloras, é dicir, son posibles reformas legais dos procesos electorais a representantes unitarios e sindicais, así como da composición das comisións negociadoras para impulsar unha maior presenza de traballadoras”.