Foi unha das 129 persoas seleccionadas polo padroado da fundación que a impulsa
A profesora Lola Dopico, membro fundadora da Academia da Moda Española
Formou parte do xurado responsable de outorgar os primeiros premios desta entidade
O Teatro Fernando Fernán Gómez de Madrid acollía na noite deste xoves o acto de entrega Premios Academia de la Moda Española 2024, a iniciativa coa que se pon en marcha unha academia recentemente constituída, que reúne representantes dos ámbitos do deseño, a industria, a imaxe ou a investigación. Promovida pola Fundación Academia de la Moda Española, esta iniciativa botou andar co nomeamento de 129 académicos e académicas fundadores, entre os que se se atopa a coordinadora do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda da Universidade de Vigo, Lola Dopico.
Como explica Dopico, esta iniciativa foi promovida por unha fundación de recente creación, presidida polo deseñador Modesto Lomba e impulsada precisamente co obxectivo de pór en marcha unha academia “onde teñan cabida os deseñadores e deseñadoras, pero tamén a parte de artesanía, a investigación e a difusión”, de tal xeito que permita congregar “todos os colectivos que se reúnen en torno á moda”. Para a súa a posta en marcha, o padroado desta fundación convidou a converterse en académicos e académicas fundadoras a profesionais de diferentes ámbitos, entre os que se atopa a investigadora da UVigo. Neste punto, Dopico, que participaba este xoves no acto de entrega de premios, recoñece este nomeamento como unha posta en valor “do traballo formativo, de investigación e de difusión que vimos facendo, primeiro co título propio de Esdemga e despois mestrado” adscrito á Facultade de Deseño. Nese senso, destaca o seu nomeamento como académica fundadora como unha posta en valor “do traballo desenvolvido desde a Universidade de Vigo e desde o mestrado, que ten unha repercusión da que ás veces non somos moi conscientes”.
Nomeamento por dous anos
Como explica esta fundación, a Academia da Moda Española nace con catro “eixes estratéxicos”, os de contribuír “o recoñecemento nacional e internacional da moda española, a recuperación da moda de creador e dos oficios tradicionais, o fomento da sostibilidade e responsabilidade medioambiental e social e a promoción e dixitalización nos procesos creativos, conxugando investigación, desenvolvemento, innovación e tradición”. Para a súa posta en marcha, foron nomeadas e nomeados 129 membros fundadores, en representación das áreas de deseño e creatividade, artes e oficios, tecido industrial, imaxe e comunicación de moda e investigación e estudos, formando Dopico da vintena de representantes deste último apartado.
Este nomeamento de membros fundadores realizouse por un período de dous anos, co obxectivo de que tomen parte tanto no impulso destes galardóns e na votación das súas dúas primeiras edicións, como na definición da que será a estrutura final deste ente. De feito, rematado este período, poderán ser escollidos académicos e académicas numerarios ou asociados.
O seu primeiro labor foi tomar parte nas votacións que decidiron os gañadores e gañadores das oito categorías dos premios outorgados este xoves, nun proceso que, como, explica Dopico, levouse a cabo “en dúas fases”. A primeira levou a definir os 40 nomeados e nomeadas de entre as máis de 400 inscricións rexistradas, mentres que na segunda ditaminaron os premios en cada apartado, que se deron a coñecer na noite deste xoves, nun acto organizado pola fundación e RTVE. Respecto desta “primeira misión”, Dopico destaca a importancia de atopar “as colaboracións necesarias” para pór en marcha uns premios que “ao final son un recoñecemento ao sector” e nos que, como sinalou a academia, buscábase a posta en valor “de todos os actores que conforman o ecosistema da moda en España”. A esta iniciativa, explica, sumarase proximamente o traballo “para definir outras liñas que xa están esbozadas e nas que irán desenvolvéndose outras accións, de difusión, divulgación, exposición ou publicación”.