DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Convértese en membro sénior da Institute of Electrical and Electronics Engineers

A profesora Mónica Fernández Barciela acada o rango máis elevado da IEEE

Formada por profesionais das novas tecnoloxías, é a maior asociación técnica profesional do mundo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Investigación
M. Del Río DUVI 04/12/2020

Está considerada como a organización técnica profesional máis grande e prestixiosa do mundo e, dentro dela, tan só o 10% dos seus 400.000 membros acadan o grao de membro sénior. Neste selecto grupo acaba de entrar a profesora do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións Mónica Fernández Barciela. Trátase do grao profesional máis alto de IEEE que un membro pode solicitar e require unha ampla experiencia e reflicte os logros profesionais e madurez. Mónica Fernández Barciela únese así a un rango de elite de membros sénior del IEEE, entre os que tamén están outros docentes da UVigo como Alfonso Lago, que forma parte da directiva da sección española da IEEE ou Xosé Manuel López Fernández.

Para a profesora do centro de investigación atlanTTic esta é “unha honra, un recoñecemento internacional á carreira profesional e traballo técnico desenvolvido, no meu caso, no ámbito da electrónica de comunicacións a frecuencias de microondas e ondas milimétricas”. Se ben hai un grao superior, IEEE Fellow, que se outorga a unha traxectoria profesional extraordinaria, a docente explica que para obter o grao de sénior “é necesario dispor de polo menos dez anos de experiencia profesional nunha ou varias áreas de IEEE, ademais de demostrar achegas técnicas ou científicas relevantes como publicacións, dirección de proxectos, cargos de responsabilidade, etc. Tamén se esixe que varios membros sénior ou fellow avalen a traxectoria profesional” e engade que acadar este grao supón un recoñecemento “dos teus propios colegas, o que xa por si é importante, pero ademais permíte acceder a postos executivos en IEEE e avaliar a outros membros que aspiran a este grao”.

As liñas de investigación principais de Fernández Barciela son o modelado e caracterización lineal/non lineal de dispositivos activos de microondas e ondas milimétricas; deseño de circuítos integrados híbridos e monolíticos de microondas para comunicacións. É investigadora principal en sete proxectos ou subproxectos nacionais, ademais de autonómicos e con empresas españolas e internacionais. Forma parte de IEEE dende hai preto de 30 anos, dende que terminou a carreira, e recoñece que “está sendo unha experiencia moi gratificante e apaixonante.” Durante dous anos, ata 2019, tamén foi presidenta do capítulo español conxunto de dúas sociedades de IEEE (AP-S e MTT-S) e actualmente pertence ao subcomité Women in Microwaves.

425.000 membros e presente en 160 países

A IEEE é unha asociación mundial de profesionais da enxeñaría dedicada á normalización e o desenvolvemento en áreas técnicas. Con preto de 425.000 membros e voluntarios en 160 países, é a maior asociación internacional sen ánimo de lucro formada por profesionais das novas tecnoloxías, dende áreas como Enxeñaría Eléctrica, Enxeñaría Industrial ou Enxeñaría de sistemas a matemáticas aplicadas, biomedicina ou telecomunicación. A asociación foi creada en 1884 por Thomas Alva Edison, Alexander Graham Bell e Franklin Leonard Pope pero non foi ata 1963 cando adoptou o actual nome, tras fusionarse co AIEE (American Institute of Electrical Engineers) e o IRE (Institute of Radio Engineers). O seu obxectivo é promover a creatividade, o desenvolvemento e a integración, compartir e aplicar os avances nas tecnoloxías da información, electrónica e ciencias en xeral para beneficio da humanidade e dos propios profesionais. Actualmente IEEE patrocina ou copatrocina máis de 1000 conferencias técnicas internacionais cada ano e está considerada como a organización técnica profesional máis grande e prestixiosa do mundo, sendo responsable de publicar arredor do 30% da literatura mundial en electrotecnoloxía e líder no desenvolvemento e promoción de estándares para a industria tecnolóxica.