DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto da Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo

A profesora Soledad Torres desenvolve a primeira asistencia dixital con perspectiva de xénero no contexto galego

Despois de identificar os nesgos sexistas dos principais axentes conversacionais españois

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Investigación
Rebeca López Villar DUVI 22/06/2021

Nun mundo cada vez máis dixitalizado, xa hai tempo que naceron os sistemas de asistencia, deseñados para facilitar a experiencia virtual das usuarias e usuarios. Empregando intelixencia artificial, este tipo de software combina referencias históricas, datos de navegación, preferencias e informacións variadas para simular conversas coas persoas que o empregan, solucionar as súas dúbidas e realizar tarefas diversas. Decatándose de que a maioría das voces dos asistentes son femininas, Soledad Torres, docente do Departamento do Sinal e Comunicacións da UVigo, analizou estes programas informáticos utilizando a perspectiva de xénero e desenvolveu unha asistencia dixital feminista. 

O proxecto, titulado Desenvolvendo desde un enfoque igualitario: asistencia dixital wikifeminista, enmárcase na Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo, que busca incrementar a presenza feminina nas áreas STEM (ciencias, tecnoloxías, enxeñarías e matemáticas) e eliminar os nesgos sexistas do mundo dixital. Xunto a Torres, participaron no estudo Iria Vázquez, profesora do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía, e Mercedes Rodríguez, experta en asistentes dixitais e chatbots.

Os sistemas de recoñecemento de voz en español e galego, a exame

Observando as respostas das principais asistentas dixitais (Siri, Alexa e Cortana) a enunciados como “You are hot!”, “Are you a woman?” ou “What are you wearing?”, as investigadoras comezaron a traballar nunha achega feminista no eido da asistencia dixital. Primeiramente, seleccionaron 11 asistentes presentes no marco xeográfico español, entre os que se atopan Carol (Universidad Complutense de Madrid), Irene e Martín (Renfe), Siri (Amazon) e Google Assistant. 

Co fin de identificar os estereotipos de xénero e nesgos sexistas, as autoras do traballo elaboraron un cuestionario con 45 preguntas para os asistentes co que deduciron que “o aspecto e a linguaxe empregada polos asistentes reforza os estereotipos de xénero con imaxes hipersexualizadas, voces con marca de xénero, chistes con características sexistas e linguaxes non inclusivas”. Coa súa análise puideron comprobar tamén que os asistentes “toleran o acoso e os comentarios sexuais e intimidatorios” e ademais amosan pouco interese pola igualdade de xénero e a diversidade sexual e afectiva, exceptuando Google Assistant, “que se declara feminista”. 

O resultado: unha asistencia científica e feminista

Fronte ás carencias dos programas estudados, Soledad Torres, Iria Vázquez e Mercedes Rodríguez desenvolveron por primeira vez en Galicia unha asistencia dixital con perspectiva de xénero. Neste senso, as características do programa deseñáronse atendendo aos tipos de conversas, o trato e o uso de linguaxe non sexista. Así mesmo, as creadoras decidiron engadir no seu proxecto información sobre contidos wikifeministas, de xeito que o sistema achega datos de mulleres destacadas no eido científico. 

No proceso de desenvolvemento desta asistencia, as investigadoras levaron a cabo unha análise pormenorizada das plataformas existentes para decidir cal era a máis adecuada para facer un axente conversacional con perspectiva de xénero. Despois de estudar a natureza de 12 plataformas e servizos de integración web, as autoras elixiron Actions on Google e Dialogflow. A asistenta proposta é unha muller científica inspirada na bioquímica Margarita Salas que, nas súas conversas coas usuarias e usuarios, visibiliza outras mulleres científicas, achegando información verificada e empregando unha linguaxe non sexista. 

Como conclusión da investigación, Torres sinala que este tipo de programas pode “reforzar estereotipos ou, deseñados desde un enfoque igualitario, axudar a cambiar a realidade”, polo que cre necesario que empresas e administracións introduzan criterios de igualdade na avaliación de asistentas dixitais.