DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun curso de 20 horas que se impartirá na primeira quincena de febreiro

O profesorado poderá formarse en edición de vídeo e son para publicar contidos educativos en internet

Oprazo de matrícula estará aberto ata o 31 deste mes de xaneiro

Tags
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • TIC
  • Académica
DUVI 25/01/2023

Os vídeos estanse a converter, cada vez máis, nunha ferramenta estratéxica no eido educativo e na divulgación científica. A docencia virtual, as aulas invertidas, os podcast, as canles de Youtube... son múltiples as opcións didácticas que poden ter os vídeos, polo que é importante que o persoal docente e investigador potencie e mellore os seus coñecementos neste eido. Con este fin, o Programa de Formación Permanente do Profesorado inclúe na súa oferta para o segundo cuadrimestre un curso de edición sinxela de vídeo e son e de publicación e difusión web.

Ao abeiro da Escola Aberta de Formación Permanente, este curso terá unha duración de 20 horas e impartirase entre o 1 e o 16 de febreiro a través de Campus Remoto da man de Luis Pena, responsable de produción de UVigoTv. A actividade formativa busca fornecer ao profesorado de técnicas de produción de vídeo a través do emprego de ferramentas libres e recursos de publicación web da Universidade de Vigo. Para iso, as e os docentes participantes porán en práctica técnicas relacionadas coa edición de vídeo e realizarán pezas audiovisuais para colgar na web.

Contidos e datas

O programa comprende nove módulos, nos que se abordarán os parámetros básicos da imaxe e son dixital; a gravación, cámara virtual e streaming con OBS (Windows/Linux/iOS); a edición e retoque de vídeo con Kdenlive (Windows/Linux/iOS); a edición, captura e retoque de audio con Audacity (Windows/Linux/iOS); a transcodificación e reprodución de vídeo con VLC; a transcodificación e queimado de subtítulos con HandBrake; os podcast con Audacity; as plataformas web de publicación de vídeo e streaming e os bancos de recursos audiovisuais, como imaxes, vídeos, música e efectos son,) libres e en liña.

O curso desenvolverase os días 1, 6, 8, 13 e 15 de febreiro de 16.00 a 19.00 horas e o prazo de matrícula estará aberto ata o 31 deste mes de xaneiro para calquera docente da UVigo, aínda que terán preferencia aqueles e aquelas que estean no POD deste ano académico. 

Para realizar esta formación será necesario que as persoas inscritas instalen nos seus ordenadores o programa OBS, que inclúe a interface de usuario/a; a configuración básica; a creación de escenas e fontes; o e emprego dos periféricos (webcam, teléfono móbil, micrófono, auriculares e altofalantes) e a gravación, uso de cámara virtual e emisión en streaming.