DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As solicitudes poden presentarse ata o 16 de decembro

O programa Iacobus destina 150.000 para a mobilidade de PDI e PAS entre as institucións sociais

As estadías deberanse levar a cabo dende o día 1 de marzo ata o día 31 de xullo de 2023

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Internacional
  • Institucional
M. Del Río DUVI 23/11/2022

O persoal docente, investigador e de administración e servizos que queira participar nunha experiencia de mobilidade transfronteiriza na eurorrexión Galicia-norte de Portugal durante o próximo curso pode solicitar xa unha das prazas que oferta o programa Iacobus. A décima convocatoria de axudas para realizar intercambios entre as institucións socios de Iacobus está aberta ata o vindeiro 16 de decembro e poden concorrer a ela tanto o PDI como o PAS das universidades e institucións de ensino superior e dos centros tecnolóxicos socias de Iacobus. As estadías concedidas deberán realizarse entre o 1 de marzo e o 31 de xullo de 2023.

Iacobus, o programa de cooperación cultural, científica e pedagóxica que busca configurar un espazo de integración interrexional entre as universidades e outras institucións de ensino superior da Eurorrexión Galicia-norte de Portugal, destina para esta convocatoria de mobilidade un total de 150.000€ en axudas. A finalidade é fomentar a cooperación e o intercambio entre os recursos humanos de institucións socias, para a posta en común de actividades formativas, investigadoras e divulgativas. Do total do orzamento desta convocatoria do programa Iacobus, 60.000€ son para mobilidades do PDI, 60.000€ para investigadores, 10.000€ para PAS, 10.000 € para persoal xestor da innovación e 10.000 € para persoal técnico de I+D+i.

Quen pode participar?

Esta convocatoria de estadías na eurorrezión está aberta, por unha banda, aos membros das universidades socias de Iacobus, incluíndo tanto ao persoal docente e investigador, como ás e aos investigadores pre-doutorais ou pos-doutorais con relación de investigación en vigor e integrados nun grupo de investigación e ao persoal de administración e servizos (PAS). Por outra banda, tamén pode solicitar unhas destas estadías de intercambio o persoal dos centros tecnolóxicos adheridos á rede Iacobus, tanto o persoal investigador ou xestor de proxectos de I+D+i con polo menos cinco anos de experiencia acreditada nestas tarefas (xestores da innovación), como o persoal con funcións de investigación ou xestión de proxectos de I+D+i que non acade os cinco anos de experiencia acreditada nestas tarefas (técnicos de I+D+i) .

Todas as persoas solicitantes deberán ter contrato ou relación investigadora en vigor durante o período de realización do intercambio, así como estar en condicións de poder traballar no país no que se solicita a estancia. Os participantes deberán estar en condicións de cumprir os requisitos necesarios para ser beneficiarios dunha axuda no país de orixe. 

Ademais, o  programa Iacobus, poñendo o foco na igualdade de oportunidades, reserva un 5% das estancias de investigación para persoas con diversidade funcional que acrediten, mediante certificado, un grao de a lo menos un 33% de discapacidade, sempre que superen a nota de corte definida pola Comisión de Avaliación.

Contía das axudas

O programa Iacobus comprende tres modalidades de pagamento, en función da persoa beneficiaria. Así, o  PDI de universidades e institutos politécnicos e o persoal xestor da innovación dos centros tecnolóxicos percibirá unha cantidade de 600 € por cada semana de estadía, que terá unha duración mínima de unha semana e máxima de dúas semanas. 

O PAS percibirá unha cantidade de 600 € por semana, sendo a única opción de estancia unha semana de duración. Finalmente, o persoal investigador tanto de universidades e institutos politécnicos como o persoal técnico de I+D+i dos centros tecnolóxicos percibirá unha cantidade de 800 € por cada mes de estadía na institución de destino. A estancia mínima será dun mes e a máxima de tres meses.

As estadías da convocatoria do programa Iacobus deberanse levar a cabo dende o día 1 de marzo ata o día 31 de xullo de 2023