DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro dun convenio de cooperación da UVigo coa universidade de Bremerhaven

Un programa internacional ofrece a posibilidade de obter simultaneamente os graos de Turismo e Xestión de Turismo de Cruceiros

O alumnado seleccionado realiza cuarto curso na institución académica alemá

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Académica
DUVI Ourense 14/07/2022

Entre as novas opcións académicas que ten o alumnado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense está un programa internacional que lle permite obter simultaneamente o Grao en Turismo pola Universidade de Vigo e o Bachelor of Arts in Cruise Tourism Management (Grao en Xestión de Turismo de Cruceiros) pola Hochschule Bremerhaven, universidade alemá de ciencias aplicadas.

A iniciativa, explica Elena de Prada, vicedecana de Relacións Internacionais da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, é froito dun acordo de cooperación inter-institucional entre as dúas universidades para a posta en marcha deste programa de recoñecemento mutuo de estudos. O acordo, comenta, foi asinado en plena pandemia da covid-19 e non se puido implentar na práctica dadas as restricións de mobilidade existentes. “Agora xa estamos nunha situación de normalidade e activamos o programa para os estudantes de ambas institucións, para que poidan beneficiarse desta posibilidade tan interesante para os seus curriculums”, comenta Elena de Prada.

A idea da posta en marcha deste programa, subliña a vicedecana, “naceu do compromiso da nosa facultade por intentar ofrecer ao noso alumnado a maior formación posible a nivel competencial en todos os ámbitos do turismo”. A Hochschule Bremerhaven, sinala, “é un socio preferente para nós, co que temos en marcha diferentes liñas de colaboración” e ao coñecer que impartían este Grao en Xestión de Turismo de Cruceiros “consideramos interesante que o noso alumnado puidese adquirir en Alemaña formación específica en turismo de cruceiros, ademais de que o alumnado alemán puidese adquirir aquí competencias máis xerais de xestión turística”. O sector do turismo de cruceiros, tanto marítimo como fluvial, explica a profesora da UVigo, “é un sector á vangarda, que está medrando moito (arredor dun 7% anual) e que require unha formación específica” e nel hai “un nicho de mercado e de opcións profesionais moi importante”. Neste contexto, apunta, non teñen constancia da existencia de opcións formativas similares noutras universidades galegas e estatais.  

Un elemento diferenciador

Para participar neste programa internacional de recoñecemento mutuo de estudos, o alumnado da Universidade de Vigo interesado deberá de ter superados os tres primeiros cursos do Grao en Turismo (180 créditos ECTS) que se imparte no campus de Ourense e solicitalo mentres está cursando terceiro, unha vez saia a convocatoria Erasmus+. O alumnado será seleccionado e admitido en base aos seus resultados académicos, a súa motivación e as súas destrezas lingüísticas. Este proceso de selección levarase a cabo en colaboración entre as dúas institucións implicadas. O período de estudo a tempo completo das e dos participantes na Hochschule Bremerhaven non excederá de dous semestres (un ano). A titulación en Alemaña será impartida en inglés, polo que ao remate do primeiro semestre alí as e os estudantes terán que ter acadado o nivel C1 de inglés e coñecementos básicos (A1.2) de alemán, recibindo neste senso formación por parte da universidade de acollida.

A vicedecana de Relacións Internacionais da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense destaca que esta oportunidade supón un aliciente para o alumnado e para o futuro alumnado interesado no ámbito do turismo, xa que lle permite poder obter estes dous títulos ao mesmo tempo e contar así cun elemento diferenciador moi interesante no seu curriculum. O estudantado beneficiario, sinala, “terá a oportunidade de vivir unha experiencia internacional imprescindible para unha contorna profesional cada vez máis global” e poderá “mellorar as súas competencias interculturais e comunicativas e consolidar os seus coñecementos en linguas estranxeiras, algo imprescindible no eido do turismo”. O vindeiro curso 2022/2023 o alumnado que curse terceiro xa poderá solicitar entrar neste programa e facer cuarto curso en Alemaña. Na actualidade, indica Elena de Prada, xa “hai varias alumnas do Grao en Turismo que se están enfocando neste senso, traballando sobre todo o tema de idiomas”.

No marco das relacións internacionais da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, a Hochschule Bremerhaven ocupa un lugar destacado. Con esta universidade alemá, o centro ten outro acordo de cooperación segundo o cal o alumnado do Grao en Administración e Dirección de Empresas da facultade ourensá tamén pode obter ademais da súa titulación pola UVigo a de Bachelor of Arts in Business Administration pola universidade alemá. Ademais, cada curso académico as dúas institucións realizan unha serie de actividades conxuntas, como a International Week e seminarios, que este ano retomaron a presencialidade despois do parón provocado pola pandemia.