DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvólvese na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo

O programa Meta une a directivos e alumnado para compartir tempo e aprendizaxe

Na actualidade hai formadas sete parellas de mentor-mentorizado

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Ourense 03/03/2021

Meta. Mentores de Empresariais e Turismo de Ourense é o proceso de aprendizaxe persoal no que un mentor (directivo) comparte o seu tempo e coñecementos para que un mentorizado (estudante) descubra novas perspectivas que lle axuden a progresar cara as súas metas futuras”. Deste xeito preséntase o programa de mentorización que este curso académico se implantou na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense despois dos bos resultados acadados nunha experiencia piloto levada a cabo o pasado ano.  

O equipo de Meta está coordinado polo profesor do centro Ernesto López-Valeiras e composto por un grupo de mentores, directivos da contorna empresarial implicados no programa a título persoal. A iniciativa, indica Ernesto López-Valeiras, naceu o pasado curso académico 2019/2020 froito da inquedanza dun grupo informal de profesionais da contorna, e do que el mesmo formaba parte, “disposto a contribuír a unha mellora da sociedade” achegando a súa experiencia. De Meta, Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, destaca como “este tipo de programas favorecen a relación entre a universidade e o mundo empresarial, tanto durante a etapa que o alumnado está cursando os seus estudos como unha vez finalizados”. Actualmente participan no programa sete estudantes da facultade que foron seleccionados nunha convocatoria aberta polo centro e na que se valorou fundamentalmente a súa motivación. En función do seu perfil e das súas inquedanzas e intereses, a cada un destes estudantes se lle adxudicou un mentor ou mentora afín por un período de dous anos. Tres dos estudantes foron os que arrancaron a experiencia  piloto o pasado curso académico, estando este ano no seu segundo e último ano de mentorización, e catro incorporáronse este curso académico 2020/2021.

Beneficios para uns e outros

A iniciativa consiste en que durante os dous últimos cursos da carreira, as e os estudantes seleccionados que forman parte deste programa participan nunha serie de actividades en grupo, como xornadas ou presentacións, e actividades individuais cun mentor ou mentora nas que reciben consellos e axuda ou poden resolver dúbidas. As e os mentores, indican desde a organización de Meta, son “xente próxima, atenta e cunha enorme experiencia nos seus diversos sectores” á que o alumnado pode recorrer para, por exemplo, recibir consello respecto a como enfocar o paso da vida académica á profesional. Sobre os beneficios que ten para as e os estudantes formar parte desta actividade, os seus responsables sinalan como “ao alumnado ofréceselle a oportunidade de ter contacto coa realidade da empresa, poder coñecer de primeira man a unha persoa con responsabilidades de xestión e aprender dela”. Ademais, o feito de estar en contacto cos demais mentores e mentoras do programa, engaden, dálle a oportunidade ao estudante de ter unha rede contactos no mundo empresarial interesante de cara ao seu futuro laboral. Polo que respecta aos mentores e mentoras, desde a organización subliñan como para eles e elas, que non reciben contraprestación polas súas achegas, formar parte desta actividade “é un exercicio de responsabilidade coa sociedade, moita é xente que tivo unha boa experiencia con mentores ou persoas que nos seus inicios lles axudaron ou asesoraron e entón eles tamén queren contribuír cedendo tempo e coñecementos para apoiar a estudantes”.

Entre as e os participantes en Meta, que conta co apoio de Ecobas, está o alumno Manuel Ramos, que destaca do programa como se trata dunha “experiencia inesquecible” que recomenda xa que lle permitiu achegarse ao mundo profesional “estando moi seguro de min mesmo”. Entre outros aspectos, da iniciativa subliña como o seu mentor “foi moi próximo e comunicativo, respondendo ás miñas dúbidas e orientándome en todo momento”. Entre os mentores do programa está o enxeñeiro industrial Carlos Rivo, que apunta como “Meta completa o meu desexo de contribuír a un mellor Ourense coa axuda e escoitas activas do mentorizado, aprendendo durante o proceso a andar por un camiño de coñecemento por ambas partes”. Este proceso, indica, “é un beneficio mutuo que agardo xere un ambiente de ilusión para estender Meta e lograr máis impacto na sociedade”.

Primeiros froitos

Entre as actividades das e dos mentores están animar ao alumnado a presentarse a convocatorias e iniciativas. Froito deste traballo, os tres estudantes que participaron na experiencia piloto de Meta o pasado curso (Laura Álvarez, Manuel Ramos e Marcos Vázquez) veñen de obter, co apoio do programa, unha bolsa na 28ª edición do Programa Internacional de Becas AECA para Estudantes Universitarios de Administración de Empresas. A AECA é a Asociación Española de Contabilidade e Administración de Empresas, a institución profesional española emisora de principios e normas de contabilidade xeralmente aceptados e de pronunciamentos e estudos sobre boas prácticas en xestión empresarial. As e os seleccionados van a recibir toda a documentación e información emitidas pola asociación como se fosen un membro máis dela, beneficiándose ademais de determinados servizos complementarios.

Alén do traballo de mentorización individual, este curso académico Meta puxo en marcha un ciclo de conferencias no que baixo o título Conversas persoas do ámbito académico comparten escenario con profesionais, directivos, empresarios, emprendedores e outros axentes sociais, abordando con carácter divulgativo temas de interese xeral relacionados co mundo da empresa e a súa relación coa sociedade e o medio ambiente. Entre os relatores que xa participaron neste ciclo estiveron o chef Pepe Solla, o comunicador Luis Fraga e o emprendedor Hassan Ahmed e na organización de cada sesión participa un mentor e un mentorizado. “Estamos moi contentos co programa. A experiencia piloto do pasado ano saíu ben e a facultade deulle o seu apoio, ampliando este curso as actividades e o número tanto de mentores como de mentorizados. Agora estamos na fase de captación de patrocinadores para poder ampliar as nosas actividades”, indica por último Ernesto López-Valeiras.