DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolvido polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo

O proxecto arqueolóxico de Armea continúa con tarefas de restauro e laboratorio

Dando continuidade ás escavacións realizadas no verán

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 06/11/2024

Este verán o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo volveu un ano máis escavar na 'cibdá' romana de Armea, na parroquia ourensá de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz). O equipo retoma agora o proxecto levando a cabo tarefas de restauración do xacemento e de investigación en laboratorio do material atopado nos traballos de campo.

A iniciativa é froito dun convenio de colaboración existente entre a institución académica e o Concello de Allariz e conta co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense. O director do proxecto arqueolóxico é Adolfo Fernández e a directora de campo Alba Rodríguez, completando o equipo outros membros do GEAAT. Este proxecto é un dos que ten unha máis ampla traxectoria na arqueoloxía galega. Así, o grupo da UVigo leva desde o ano 2011 estudando este enclave, que destaca polo seu grao de conservación e o feito de estar nunha contorna rural, cunha campaña arqueolóxica cada verán. É ademais, un referente para o alumnado peninsular que cada ano busca realizar prácticas no eido arqueolóxico.

Bos resultados

Durante a campaña de 2024 de Armea, desenvolvida a finais de xullo e principios de agosto, continuáronse os traballos en zonas nas que se tiña escavado en anos anteriores: a domus (casa) leste ou dos pináculos e a domus norte ou do hexáscele (e zonas exteriores). Na primeira, explica o equipo do GEAAT, escaváronse por completo dúas estancias novas, que estarían datadas entre os séculos I e II d.C., así como unha posible zona de acceso dende o leste. Na segunda, os labores centráronse en recuperar niveis antigos, das ocupacións anteriores da finca da Atalaia, que datan arredor do cambio de era (séculos I a.C.-I d.C.). Na realización destas tarefas destacan “a actitude e o bo facer dos case 30 estudantes que participaron, chegados de varias universidades españolas e portuguesas”.

Ademais de atopar novos muros e pavimentos, recolléronse durante a campaña de verán unha gran cantidade de materiais arqueolóxicos (cerámicas, vidros, metais e pezas líticas) e mostras. Estes materiais están sendo agora procesados e estudados no laboratorio de arqueoloxía da Universidade de Vigo situado no campus de Ourense e o seu estudo está servindo tamén para formar a alumnado do Grao en Xeografía e Historia da Facultade de Historia e do programa conxunto dos graos de Xeografía e Historia e Turismo interesados no traballo de gabinete con materiais arqueolóxicos. Igualmente, no marco do proxecto e xa no propio xacemento están a realizarse traballos de restauración dirixidos por Marta Lago Cerviño, que teñen como obxectivo “protexer as estruturas recuperadas e facer os restos máis visibles e comprensibles para os visitantes”.