DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O consorcio, formato por grupos de catro países, celebrou en Vigo a súa primeira reunión anual

O proxecto Biocellphe avanza na procura dunha tecnoloxía de vangarda para a diagnose do cancro a nivel de célula individual

Liderado por Isabel Pastoriza, Jorge Pérez Juste e Gustavo Bodelón, do grupo de Química Coloidal do

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Saúde
  • Investigación
M. Del Río DUVI 25/04/2022

Tras un ano de traballo, o consorcio do proxecto Biocellphe, liderado pola Universidade de Vigo e do que forman parte outras seis institucións europeas, reuniuse en Vigo para avaliar os primeiros resultados obtidos na procura dunha tecnoloxía de vangarda para a diagnose do cancro a nivel de célula individual. Á fronte deste proxecto, cun orzamento de 3,5 millóns de euros da convocatoria europea FET-OPEN, está Isabel Pastoriza, investigadora principal do grupo Functional NanoBioMaterials do Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, da Universidade de Vigo. 

Biocellphe, Ultrasensitive BIOsensing platform for multiplex CELLular protein PHEnotyping at single-cell level, céntrase na detección de marcadores tumorais a nivel unicelular empregando bacterias e nanopartículas de ouro. Os investigadores explican que a causa principal das mortes por cancro, que chegan aos 8,2 millóns anuais en todo o mundo, “son as metástases que se producen tras a intravasación de células tumorais circulantes (CTC) na circulación sanguínea”. Destacan que a enumeración de CTC mediante biopsia líquida representa un predictor eficaz da progresión metastásica e a eficacia terapéutica. “A caracterización destas células malignas mediante a determinación fenotípica da presenza de biomarcadores tumorais específicos, é dicir, proteínas que son características dun tipo de cancro en particular, podería axudar significativamente para acadar unha estratificación correcta, estimar o prognóstico, instaurar terapias precoces, avaliar a resposta aos tratamentos realizados e descubrir novas dianas terapéuticas”, explica Pastoriza. Non obstante, a diagnose temperá do cancro mediante o illamento e o estudo fenotípico das CTCs “é un método tecnicamente moi desafiante debido á cantidade extremadamente baixa destas células no torrente circulatorio”. É neste contexto no que xurde o proxecto Biocellphe, na procura de novos avances tecnolóxicos que permitan a análise fenotípica a nivel unicelular para posibilitar a oncoloxía de precisión e a medicina personalizada.

Unha nova estratexia para loitar conta o cancro

O proxecto está constituído por un consorcio multidisciplinar de grupos de investigación europeos que inclúe expertos en bioloxía sintética, nanotecnoloxía, plasmónica, microfluídica, intelixencia artificial e cancro de mama. Pola parte española están implicados o Cinbio, que lidera o proxecto, o Centro Nacional de Biotecnología e a Universidad Politécnica de Madrid. Ademais, hai dous grupos franceses, procedentes do Centre de Biochimie Structurale e do Institut national de recherche pour l’agriculture, l’alimentation et l’environnement (INRAE). A eles súmase o Istituti Clinici Scientifici Maugeri SpA Società Benefit, de Italia, o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía, con sede en Braga e as empresas Rubynanomed, de Portugal e Tematis, de Francia.

Estes grupos traballan co obxectivo de xerar bacterias modificadas xeneticamente que actúen como sensores capaces de recoñecer e unirse a determinadas proteínas biomarcadoras situadas na superficie das células tumorais. “Este recoñecemento por parte da bacteria desencadeará a produción de sinais químicas que poden detectarse simultaneamente e con extremada sensibilidade mediante dispersión Raman mellorada en superficie. Isto é o que se coñece como SERS, unha técnica analítica ultrasensible baseada en nanopartículas de ouro plasmónicas que permite acadar niveis de detección dunha única molécula”. O obxectivo final de Biocellphe é implementar estes elementos nun dispositivo de microfluídica lab-on-a-chip para posibilitar a miniaturización e portabilidade da ferramenta de diagnose. Como proba de concepto, este dispositivo analítico empregarase para a detección de certos biomarcadores presentes en CTCs obtidos mediante biopsia líquida en pacientes con cancro de mama. 

Balance do primeiro ano de traballo

25 representantes dos nove grupos dos catros países que forman o consorcio reuníronse nestes días en Vigo, na que foi a primeira xuntanza presencial do proxecto dende que botou a andar hai xusto un ano. Neste encontro, que tivo lugar no Hotel Ciudad de Vigo, cada un dos grupos presentou os avances obtidos nos diferentes paquetes de trabalo e tamén se planificaron as próximas tarefas. As discusións, destaca Pastoriza, foron “moi frutíferas e púidose comprobar que Biocellphe non só se está desenvolvendo dentro do previsto, senón que ademais se están acadando grandes avances” de cara á consecución do obxectivo final de desenvolver unha tecnoloxía de vangarda para a diagnose do cancro. Ademais, tamén participou na reunión o doutor Florian Formaneck, da empresa Horiba, como membro da xunta asesora científica.