DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En ‘Te lo cuentan las matemáticas’ participan 15 colexios de Vigo, Pontevedra, Vilagarcía e Moaña

Un proxecto busca espertar vocacións matemáticas en máis de 800 escolares de catro localidades

A través de actividades centradas nas súas aplicacións na vida cotiá

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 16/01/2026

Coordinado polo grupo de innovación docente MaReMa da Universidade de Vigo e cofinanciado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, o proxecto de divulgación Te lo cuentan las matemáticas amplía no presente curso as súas actividades a catro localidades da provincia: Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Moaña. Un total de 15 centros educativos destes catro concellos participan na sexta edición dunha iniciativa coordinada pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Marta Pérez e centrada en espertar “vocacións matemáticas” entre as e os escolares, amosándolles a utilidade desta ciencia e a súa presenza no día a día a través dun conxunto de actividades. 

Ao longo do presente curso, 858 estudantes de quinto e sexto de primaria toman parte nas diferentes actividades dun proxecto que contou tamén co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo. “Queremos fomentar o gusto e o interese polas matemáticas coa finalidade de xerar vocacións. Para iso, o programa apoia a ensinanza da materia desde un punto de vista científico, tecnolóxico, atractivo, innovador e complementario aos currículos”, sinalan as responsables dunha iniciativa que avoga por “metodoloxías activas, baseadas na manipulación, a acción, a tecnoloxía, os retos e as tarefas auténticas, co obxectivo de acadar unha aprendizaxe significativa, transversal e funcional”. 

Nese obxectivo insírense os talleres impartidos nos diferentes centros por 82 estudantes da facultade e que permiten a nenos e nenas “experimentar as matemáticas en diversos ámbitos e valorar a súa utilidade e contribución ao desenvolvemento da sociedade, desde unha perspectiva histórica e de xénero”. De feito, cada un dos bloques temáticos baséase nos logros dunha matemática de referencia, cuxas achegas son abordadas así mesmo nos encontros con investigadoras e investigadores novos que completan os contidos de cada trimestre. 

Colexios de catro localidades

O CEIP Plurilingüe Domaio, en Moaña, e o CEIP O Piñeiriño, de Vilagarcía de Arousa, son dous dos centros que no presente curso participan por primeira vez nun programa que ata agora desenvolvera as súas actividades en colexios de Pontevedra e Vigo. Esta última cidade está representada nesta edición por nove centros de ensino: os CEIP Valle-Inclán, Javier Sensat, García Barbón, Vicente Risco, Balaídos, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Santa Mariña e Paraixal e pola Escola Rosalía de Castro. No caso de Pontevedra, toman parte nesta iniciativa os CEIP Santo André de Xeve, A Xunqueira II, Marcos de Portela e Froebel. Tamén forma parte do proxecto, por segundo ano, a Aula Hospitalaria do Complexo Universitario de Santiago de Compostela, na que unha das investigadoras imparte os diferentes talleres, adaptando os seus contidos a rapaces e rapazas de entre 8 e 15 anos.

Coa participación de investigadores e investigadoras do CITMaga, o equipo do proxecto está integrado por Marta Pérez, José Manuel Casas e Raquel Meaños, da UVigo; María Isabel Borrajo, da USC; os docentes de secundaria Jesús Álvarez e Beatriz Martínez e os profesores de primaria María Fernández Carrera e Benito Gil.

Unha espía, unha programadora ou unha epidemióloga 

Te lo cuentan las matemáticas estrutúranse en tres bloques para 5º de primaria e noutros tres para 6º, que abranguen un taller de carácter manipulativo, outro tecnolóxico e un encontro con investigadoras. Cada bloque “céntrase en contidos e aplicacións das matemáticas como os algoritmos, a criptografía, a astronomía, as telecomunicacións ou os mapas”, conectados á súa vez coas traxectorias de figuras como Ada Lovelace, Hipatia de Alexandría, Maryan Mirzakhani, Dorothy Vaughan, Florence Nightingale e Emmy Noether. 

O proxecto arrancou a finais de novembro cos primeiros talleres, Te lo cuenta una espía e Te lo cuenta una programadora, que permitiron aos e ás escolares empregar claves de cifrado para enviarse mensaxes ocultas ou coñecer a importancia de códigos como o Morse ou o binario na comunicación a longa distancia. Neste trimestre, as propiedades das cónicas e os movementos no plano centrarán as actividades de Te lo cuenta una astrónoma e Te lo cuenta una artista. Xa no último bloque, nenos e nenas gozarán de actividades centradas nas magnitudes xeográficas latitude e lonxitude e nos conceptos de probabilidade e estatística, nos bloques Te lo cuentan los mapas e Te lo cuenta una epidemióloga

Os talleres son impartidos de xeito simultáneo por 82 estudantes do Grao en Educación Primaria, dos que Pérez destaca a súa “alta participación” nunha iniciativa na que amplían coñecementos sobre a didáctica das matemáticas, á vez que “adquiren outra serie de competencias, xa que enfróntanse á realidade das aulas”.

Encontros inspiradores, formación e recursos

Coa idea de "achegar referentes" ás e aos estudantes, cada bloque complétase cos “encontros inspiradores”, que teñen lugar na facultade e nos que investigadores e investigadoras abordan “o seu percorrido persoal e científico”, así como a traxectoria científica de matemáticas de referencia. O pasado mes de decembro, Xabier García, Pilar Páez e Marta Pérez protagonizaron os primeiros encontros, centrados en Ada Lovelace e Dorothy Vaughan.

O proxecto abrangue tamén accións formativas para o profesorado, así como un conxunto de materiais e recursos para docentes e familias, dispoñibles na súa web.