DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A partir dun estudo no que participaron investigadoras da UVigo e da USC 

Un proxecto define unha serie de propostas para mellorar a atención ás vítimas de violencia machista no Ecuador

Tras a realización de entrevistas a 130 mulleres 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Igualdade
  • Investigación
DUVI Pontevedra 23/11/2022

Definir unha serie de propostas que permitan mellorar a atención das vítimas de violencia machista no Ecuador desde unha perspectiva de xustiza terapéutica constituía o propósito central do proxecto que o grupo de investigación PS1 da Universidade de Vigo e a Unidade de Psicoloxía Forense da Universidade de Santiago de Compostela (USC) desenvolveron ao longo do último ano co financiamento da Xunta, a través de Cooperación Galega. Tras a realización de 136 entrevistas a vítimas na cidade ecuatoriana de Cuenca, esta investigación permitiu detectar necesidades de mellora no referido á implantación de medidas de protección ás vítimas e nos programas de acompañamento, así como a necesidade das denunciantes de obter maior información do proceso xudicial.

Seleccionado na convocatoria de proxectos de investigación en cooperación para o desenvolvemento da Axenda 2030 de Cooperación Galega, Desarrollo y bienestar de las mujeres víctimas de violencia de género desde la Justicia Terapéutica (DesdevictimdesdeJT) tomaba como como punto de partida o paradigma da xustiza terapéutica, que busca que tanto a lexislación e os procedementos legais como a súa aplicación estean orientados a acadar o maior benestar posible das persoas que acoden ao sistema legal. Realizadas por un grupo psicólogas que previamente recibiron formación no marco deste proxecto, as entrevistas buscaban nese senso analizar aspectos como as condicións da toma de declaración, as medidas adoptadas, a duración do proceso ou as condicións asociadas ao desenvolvemento do xuízo. 

Vítimas que sinalan espazos de mellora

Os resultados presentáronse no marco do VII Congreso Iberoamericano de Justicia Terapéutica, que se desenvolve na Universidad del Azuay e que se abriu cunhas xornadas centradas neste proxecto, que puideron seguirse a través do Campus Remoto da UVigo. Nun encontro no que interviñeron varias das mulleres participantes no estudo, a catedrática de Psicoloxía Xurídica do Menor da UVigo Francisca Fariña e a profesora da USC Mercedes Novo protagonizaron a mesa de presentación de resultados, que derivarán na elaboración dunha guía na que se recollan “unha serie de accións para a mellora da atención das vítimas e dos seus fillos”. 

No proxecto participaron 136 mulleres de entre 18 e 72 anos, o 96% con fillos e que no 70% dos casos xa contaban cunha sentencia firme. Nestes casos, o “tempo medio” entre a presentación da denuncia e o xuízo foi de 53 días e no caso das sentencias condenatorias, establecíanse medidas de prisión “cunha media de 80 días”, explicou Novo. En termos xerais, as vítimas sinalaron sentirse “tratadas con respecto e dignidade” por parte dos operadores xurídicos, “que se preocuparon polo seu benestar, o que mellora a súa confianza na xustiza”. Do mesmo xeito, “as entrevistadas mostráronse satisfeitas por ter iniciado o proceso de denuncia”, sinalouse nunha presentación que puxo o foco nunha serie de aspectos no que “queda un espazo de mellora”, como apuntou a investigadora da USC.

Por exemplo, o protocolo de atención ás vítimas activouse “no 22% dos casos” e as 17 medidas de protección recollidas no cuestionario implantáronse cunha “frecuencia variable”, sendo as máis frecuentes a emisión dun documento legal, “a boleta de auxilio”, e a prohibición ao agresor de achegarse á vítima, no 67% dos casos. Ao mesmo tempo, as entrevistadas sinalaron tamén unha “necesidade de maior información sobre o proceso xudicial e sobre as indemnizacións e procedementos para solicitar axudas”, así como que se lles informe “sobre a situación da persoa denunciada”, apuntou Novo. O estudo permitiu detectar tamén unha “marxe de mellora” no referido aos programas de acompañamento ás vítimas, xa que o 83% acudiron ao xulgado pola súa conta e no relativo á percepción temporal dun proceso, que viron “excesivamente dilatado”. 

“As mulleres deben ser escoitadas plenamente. Temos unha ampla marxe para mellorar”, concluíu Fariña tras a presentación destes resultados nun congreso que o grupo PS1 e a Unidade de Psicoloxía Forense da USC coorganizan coa Universidad del Azuay e a Asociación Iberoamericana de Justicia Terapéutica, da que Fariña é presidenta, e que se enmarca nas iniciativas da Cátedra Unesco Educación transformadora: ciencia, comunicación e sociedade da Universidade de Vigo. “A xustiza terapéutica é imparable”, concluíu Fariña nun foro que, lembrou, dá continuidade a iniciativas como o III Congreso Internacional de Justicia Restaurativa y Justicia Terapéutica, celebrado este mes en Costa Rica no marco do programa Adelante 2 da UE, no que participan tanto o grupo PS1 como a USC, ou “un encontro de avogadas e avogados de familia, fiscalía, equipos psicosociais, maxistrados e xuíces” na sede do Consejo General del Poder Judicial (CGPJ), do que unha das conclusións, “aprobada por unanimidade, foi a de que todos os operadores xurídicos teñen que ter esta orientación de xustiza terapéutica”.