DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cargo do grupo de investigación Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos BV1

Un proxecto estatal busca valorizar especies invasoras como materia prima para enerxía e bioprodutos

Biososinv desenvolve un proceso de biorrefinería a partir de Acacia dealbata e Sargassum muticum

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 12/07/2021

O desenvolvemento e optimización dun proceso de biorrefinería multiproduto para a valorización integral de materias primas de carácter invasor (como os materiais lignocelulósicos de Acacia dealbata e a macroalga Sargassum muticum) mediante produción de bioetanol e lignina, empregando pretratamentos avanzados e respectuosos co medio ambiente. Este é o obxectivo do proxecto estatal Biososinv, desenvolvido desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense.

O proxecto, titulado Avances cara unha biorrefinería sostible baseada na valorización de especies invasoras (Biososinv), está financiado pola convocatoria de 2019 de Proxecto de I+D+i, na modalidade Retos de Investigación, do Ministerio de Ciencia e Innovación, e prolongarase ata maio de 2023. Desenvolvido no marco do grupo de investigación Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos BV1 da UVigo, ten como investigadores principais a Gil Garrote e Beatriz Gullón, formando parte do equipo Julia Carballo, María José Pérez, Pablo García, Álvaro Rodríguez, Carlos Orestes Martín Medina e Maria Inês Ferreira da Mota.

Actualmente, explican as e os responsables do proxecto, “hai un grave problema enerxético a nivel mundial, derivado do incremento continuo do consumo enerxético e da gran dependencia de fontes fósiles como o petróleo”. Por este motivo, detallan, a procura de fontes de materias primas alternativas e renovables resulta de grande interese e neste contexto a produción de biocarburantes, como o bioetanol de segunda e terceira xeración, empregando procesos respectuosos co medio ambiente “resulta unha opción idónea”. Neste contexto, as e os investigadores de Biososinv destacan que os materiais lignocelulósicos (MLC) son unha fonte necesaria e probablemente a máis abundante para producir a suficiente cantidade de biocarburantes. Ademais dos MLC, a biomasa mariña, entre ela as macroalgas, engaden, está a ser considerada recentemente como unha contramedida ao quecemento global e como un recurso prometedor para a produción de biocombustibles.

Unha alternativa real e accesible

“Biososinv enmárcase no campo tecnolóxico da biorrefinería, ofrecendo unha alternativa real e accesible a diferentes retos da nosa sociedade, en particular, no referido ao aproveitamento e utilización da biomasa de tipo lignocelulósica e mariña como materias primas renovables e abundantes para a xeración de enerxía e bioprodutos”, afirman as e os seus responsables. O carácter renovable da biomasa, así como a compensación na súa utilización no seu balance de carbono, detallan, contribúen “á mitigación e adaptación ao cambio climático, especialmente se se compara esta tecnoloxía coas actividades industriais derivadas da petroquímica”. Por outra banda, engaden, nun país como Galicia, cun forte compoñente agrícola e forestal, “buscar estratexias que permitan a mellora da economía deses sectores ten múltiples beneficios económicos e sociais, permitindo a creación e fixación de emprego no medio rural ameazado polo despoboamento”. Tamén apuntan “a importancia de desenvolver fontes alternativas que poidan mitigar a dependencia enerxética de España do exterior (un 80%), especialmente acusada nas enerxías derivadas do petróleo, que supoñen practicamente a metade do noso consumo enerxético”.

Acacia dealbata e Sargassum muticum

No seu proxecto, as e os investigadores da Facultade de Ciencias estudarán a produción de bioetanol a partir de materias primas de baixo custo que teñen carácter invasor (como o MLC Acacia dealbata e a macroalga Sargassum muticum) empregando novos procesos respectuosos co medio ambiente e facendo fincapé no aproveitamento de todas as fraccións (especialmente no relativo á lignina, a fracción usualmente menos estudada) e no estudo global do proceso, realizando análises de ciclo de vida das diferentes opcións.

O proceso de produción de bioetanol a partir de biomasa mediante tecnoloxías respectuosas co medio ambiente, lembran as e os responsables do proxecto, adoita dividirse nas seguintes etapas: pretratamento da biomasa (para alterar a estrutura da parede celular, podendo solubilizar algunha ou varias das súas fraccións constituíntes); a hidrólise encimática dos polisacáridos para producir azucres, principalmente glicosa; a produción fermentativa de bioetanol a partir dos azucres, mediante microorganismos, e a separación e purificación do etanol. Concretamente, Biososinv márcase como obxectivos específicos a determinación da composición detallada das materias primas e a optimización da produción de bioetanol de segunda xeración a partir de madeira de acacia mediante autohidrólise asistida por microondas. Tamén abordará o estudo e optimización do pretratamento de acacia mediante disolventes eutécticos (DEAS); do acoplamento de etapas de autohidrólise asistida por microondas seguida do tratamento mediante DEAS da fase sólida e da produción de bioetanol de segunda xeración a partir de madeira de acacia de modo conxunto á produción de bioetanol de terceira xeración a partir de Sargassum. O estudo da compatibilidade e reutilización do DEAS; a recuperación de lignina da produción de bioetanol; a revalorización da lignina; a realización dunha avaliación tecno-económica dos procesos e a realización dunha análise do ciclo de vida da sostibilidade dos procesos de biorrefinería propostos son outros dos retos propostos nesta iniciativa