DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora do Geaat Berta Morell é unha das súas responsables

Un proxecto estudará a mobilidade das primeiras agrícolas e gandeiras da conca dos Cárpatos

Centrarase na análise con isótopos de estroncio e radiocarbono de ósos de diversos asentamentos

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Ourense 29/09/2020

Estudar a mobilidade das primeiras sociedades agrícolas e gandeiras da conca dos Cárpatos, un dos primeiros focos de expansión do Neolítico no centro de Europa, a partir da aplicación de técnicas de isótopos de estroncio e de radiocarbono en mostras de ósos de diversos asentamentos. Este é o obxectivo dun proxecto dirixido pola investigadora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo Berta Morell xunto a Alba Masclans, da Institución Milà i Fontanals do CSIC, que acaba de pórse en marcha este mes de setembro.  

Investigadora de posdoutoramento da Xunta no Departamento de Historia, Arte e Xeografía da UVigo, Berta Morell, doutora en Arqueoloxía Prehistórica, desenvolve este traballo en colaboración co Grupo de Bioxeoloxía do Institut für Geowissenschaften, da Eberhard Karls University of Tübingen, onde se atopa de estadía. Segundo explica, o proxecto leva por título Gender on the move: chronology and exogamic practices at the beginning of farming. The case of The North Carpathian Basin e está financiado pola fundación alemá Gerda Henkel Stiftung. Ademais, a iniciativa conta coa colaboración de Marta Díaz-Zorita (Eberhard Karls University of Tübingen), de Penny Bickle (York University), Zdeněk Tvrdý (Museo de Moravia) e Juan F. Gibaja (Institución Milà i Fontanals-CSIC).

Cunha duración dun ano e medio, o estudo arrancou a principios deste mes de setembro e con el a investigadora da UVigo dá continuidade ao seu traballo centrado nos patróns de mobilidade e as redes de intercambio de materiais primas das sociedades neolíticas do noreste peninsular e Europa central baseadas na análise de isotopos de estroncio e datación por radiocarbono.

Busca de patróns

Segundo explica Berta Morell, o proxecto ten por obxectivo analizar os patróns de mobilidade das primeiras sociedades agrícolas do norte da conca dos Cárpatos, "que situamos entre o 5500-4900 data calibrada antes de Cristo". “Unha das hipóteses que queremos probar é se existiron patróns de mobilidade diferentes entre homes e mulleres e se podemos relacionar estes grupos con prácticas exogámicas de tipo patrilocal”, comenta a investigadora. As diferenzas nos patróns de mobilidade entre homes e mulleres son interesantes de analizar, indica, xa que “permiten debuxar un pouco as diferenzas por razón de sexo e/ou xénero no pasado” e isto “axúdanos a entender un pouco máis como se organizaban estas comunidades a nivel social e que tipo de desigualdades poderían existir entre os membros dun mesmo grupo”. Sobre as prácticas exogámicas apunta a que se refiren “a que quizáis, por normal social, eran as mulleres, polo feito de que poden parir, as que cambiaban de comunidade para "emparellarse" e ter fillos, e os homes, en cambio, pasaban toda a súa vida nun mesmo grupo”.

Para probar esta hipótese lanzada anteriormente por outros investigadores, detalla Morell, o equipo que desenvolve o estudo traballará con dous métodos: por un lado, o método de datación por radiocarbono sobre mostras de ósos humanos, que lles permitirá fixar a cronoloxía destes grupos e, por outro lado, a análise dos isótopos de estroncio que documentarán no esmalte dental dos individuos e que lles permitirá detectar o seu lugar de procedencia e comparalo coa área onde se documentou o seu enterramento. Neste senso, apunta como “se a pegada isotópica que encontramos no esmalte dental, o cal mineralízase durante os primeiros anos de vida dun individuo, é diferente á pegada isotópica de estroncio da área xeolóxica onde atopamos os enterramentos, entendemos que ese individuo moveuse de rexión ao longo da súa vida”.

O interese en estudar a mobilidade destas primeiras sociedades, comenta Berta Morell, está en que “a mobilidade foi un dos moitos factores que contribuíron á difusión e adopción das técnicas agrícolas e gandeiras”. Así, recalca, “este cambio é moi importante porque pasamos de cazar e recolectar a ter un control sobre os recursos, feito que supuxo moitos cambios a nivel social e económico (sedentarización, crecemento demográfico, etc)”. Sobre a elección do norte da chaira dos Cárpatos para o estudo, a investigadora indica como “é unha zona interesante, pois é a primeira zona en colonizarse polos grupos agricultores da chaira de Hungría, un dos primeiros focos de expansión do Neolítico no centro de Europa”.

No marco dos primeiros pasos do proxecto, a investigadora do Geaat estivo recentemente no Museo de Moravia, na cidade da República Cheva Brno, recollendo mostras para poder realizar as análises a partir de isótopos de estroncio e de radiocarbono no laboratorio da Eberhard Karls University of Tübingen, “onde teñen todo o equipamento necesario”. Concretamente, detalla Berta Morell, “estudaremos enterramentos procedentes dos cemiterios de Vedrovice e Nitra e dos asentamentos Tesetice-Kyjovic, Vedrovice-Za Dvorem e Brno-Stary Liskove".