Participaron catro universidades e unha ONG de Portugal, Turquía, Romanía e España
O proxecto europeo Coblages remata propondo unha metodoloxía de aprendizaxe comunitaria intexeracional
Por parte da UVigo estivo profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social
Desde setembro de 2023 catro universidades e unha ONG de Portugal, Turquía, Romanía e España, entre elas a Universidade de Vigo, desenvolveron o proxecto europeo Coblages. A iniciativa acaba de rematar propondo unha metodoloxía de aprendizaxe comunitaria intexeracional en ensino superior “para ter estudantado mellor preparado para un mundo envellecido”.
Coblages (Using community-based learning to prepare higher education students for an ageing world), contou cun orzamento total de 250.000 euros e estivo financiado pola Axencia Nacional Erasmus+ de Portugal e pola convocatoria KA220-HED Cooperation Partnerships in Higher Education, da Unión Europea. Coordinado polo Instituto Politécnico de Viseu (Portugal), ademais da Universidade de Vigo foron socios Aproximar-Cooperativa de Solidariedade Social (Portugal); a Ankara Bilim Üniversitesi (Turquía), e a Asociatia European Association for Social Innovation e a Universitatea de Vest din Timisoara, de Romanía. Por parte da UVigo participou un equipo da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense coordinado por Xosé Manuel Cid e formado por Jesús Deibe Fernández Simo, Esther Pérez, Miguel Ángel Vázquez e Santiago Abal. Este equipo liderou o desenvolvemento da metodoloxía para usar Coblages como ferramenta para a cidadanía interxeracional na preparación das e dos estudantes; a formación conxunta dos socios e o establecemento de directrices e ferramentas para a implantación activa e facilitación de obradoiros de cidadanía interxeracionais.
Ao longo destes dous anos e medio de traballo conxunto, o obxectivo de Coblages foi crear unha metodoloxía que puidese ser usada por profesorado de educación superior, xestores comunitarios e alumnado para fomentar a cooperación interxeracional entre mocidade e persoas maiores de 60 anos. Nun contexto no que “cada vez hai menos diálogo entre xeracións” e un maior envellecemento, subliña Xosé Manuel Cid, os socios do proxecto traballaron arredor de como fomentar esas relacións interxeracionais partindo da idea de que “a calquera idade temos opinións válidas e que poden achegar solucións aos problemas da nosa sociedade”. Igualmente buscouse unha metodoloxía que permitise ao estudantado obter competencias contemporáneas (verde, dixital e lonxevidade) para estar mellor preparados para o envellecemento da poboación.
Obradoiros de diálogo e co-creación
A metodoloxía desenvolvida por Coblages céntrase na community-based learning (aprendizaxe baseada na comunidade) levada á educación superior para a cooperación interxeracional e para preparar ao estudantado para afrontar os retos dunha sociedade envellecida. Esta aprendizaxe, indican desde o proxecto, “permite situar a aprendizaxe do estudantado en contextos reais en estreita colaboración coa comunidade” e a través do traballo conxunto con persoas maiores e axentes locais, “favorece a aprendizaxe significativa baseada na experiencia, o diálogo interxeracional e a co-creación de coñecemento”. Este enfoque, explican, contribúe ao desenvolvemento de competencias sociais, cívicas e profesionais, ao mesmo tempo “fortalece os vínculos entre a educación superior e a comunidade local, promovendo a cidadanía activa e a loita contra o idadismo”.
A metodoloxía foi desenvolvida e implementada en cada país participante con diferentes obradoiros interxeracionais nos que se traballaron aspectos como a identificación de desafíos emerxentes; as historias de vida e elaboración de mapas conceptuais. Estas experiencias foron aproveitadas para extraer modelos, ferramentas e metodoloxías reproducibles. No caso da UVigo, os obradoiros leváronse a cabo en Galicia e contaron coa participación de estudantes vinculados ao proxecto así como persoas maiores de diferentes asociacións. Concretamente desenvolvéronse catro grupos de debate en Ourense: un formado por membros do Coro Universitario do Campus de Ourense de diferentes idades; dous na Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer AFAOR e un no CDR o Viso de Lodoselo. Cada grupo traballou en seis sesións e de maneira colaborativa sobre unha temática ou reto social seleccionado, co gallo de identificar necesidades comunitarias e propór solucións dende unha perspectiva interxeracional. “En cada grupo decidiuse o tema, recolléronse as diferentes posicións, chegouse a acordos e fixéronse propostas interesantes de como facer chegar esas conclusións a distintas autoridades locais e internacionais”, comenta Xosé Manuel Cid.
Segundo detalla o equipo da UVigo, a participación nos obradoiros interxeracionais permitiu ao estudantado mellorar a súa comprensión dos problemas comunitarios e sociais ao traballar directamente coa comunidade. De igual xeito, engaden, a experiencia favoreceu unha maior comprensión do outro, provendo a empatía, a escoita activa e o recoñecemento de perspectivas diversas entre xeracións. “O intercambio de historias de vida consolidouse como un elemento chave para fortalecer as relacións interxeracionais e xerar aprendizaxes significativas”, sinala Xosé Manuel Cid. Dende o punto de vista metodolóxico o diálogo interxeracional e a co-creación identificáronse como os aspectos que mellor funcionaron para fomentar o compromiso, a participación activa e a aprendizaxe mutua. “A experiencia desenvolvida no marco do proxecto Coblages pon de manifesto o potencial da aprendizaxe baseada na comunidade como enfoque pedagóxico para abordar os retos dunha sociedade envellecida. Os obradoiros interxeracionais configúranse como espazos eficaces para a aprendizaxe experiencial, a cidadanía activa e o fortalecemento de vínculos entre a educación superior e a comunidade”, conclúen desde a organización do proxecto.
