DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na iniciativa participan 15 socios de oito países, entre eles a UVigo

O proxecto europeo SARIL fai balance en Ourense do seu traballo para mellorar a sostibilidade e resiliencia das redes de infraestruturas e loxística da UE

Están a desenvolver metodoloxías e ferramentas de xestión fronte a eventos disruptivos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Investigación
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 20/05/2025

Desde xuño de 2023, 15 socios de oito países, entre eles a Universidade de Vigo, levan a cabo con financiamento europeo o proxecto Saril. O seu obxectivo é mellorar a sostibilidade e a resiliencia das redes de infraestruturas e loxística da UE, desenvolvendo metodoloxías e ferramentas de xestión fronte a eventos disruptivos, como poden ser incendios ou ciberataques. Esta semana, os seus membros reúnense no campus de Ourense para facer balance do traballo feito e planificar o último ano de proxecto.

O obxectivo desta xuntanza é, explicaron os seus responsables, “avaliar o estado global do proxecto, compartir os traballos da fase de simulacións obtidos das ferramentas desenvolvidas e comezar a traballar no período de validación que lideramos dende a UVigo". A programación arrancou este martes na Biblioteca Rosalía de Castro do campus coa participación dunha trintena de persoas en representación dos 15 socios da iniciativa, desde universidades e centros de investigación a grandes empresas. Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, foi o encargado de darlles a benvida, destacando nas súas palabras o enriquecemento académico que supón o desenvolvemento deste tipo de proxectos pero tamén pondo en valor o impacto social que teñen, neste caso no eido da sostibilidade e resiliencia das infraestruturas.

Saril (Sustainablity and resilience for infrastructure and logistics networks), que rematará en xuño de 2026, conta cun orzamento total de arredor de catro millóns de euros, dos que 282.000 corresponden á Universidade de Vigo. Está financiado polo programa Horizonte Europa, concretamente pola convocatoria Novos conceptos e enfoques para redes de loxística e transporte de carga resilientes fronte a eventos disruptivos, incluídas pandemias (Horizon-CL5-2022-D6-02-07). O equipo da UVigo participante está encabezado por Higinio González e formado por Raquel Ortega e Gonzalo Durán, membros da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (Ifcae) da Universidade de Vigo. Ademais da UVigo participan a Autoridade Portuaria de Vigo e Cemosa, de España; Fraunhofer Gesellschaft EMI (líder), de Alemaña; Politecnico de Milano, Rina Consulting SPA e Agenzia Interregionale per il Fiume Po, de Italia; Marlo AS e Sintef AS, de Noruega; Gebüder Weiss GmbH, de Austria; Universidade de Minho e Rangel Invest SA, de Portugal; Alliance for Logistics Innovation through Collaboration in Europe, de Bélxica, e Siec Badawcza Lukasiewicz-Poznanski Instytut Technologiczny e CSL Sp. z o.o., de Polonia.

Cadeas de subministración modernas e globalizadas pero vulnerables

Sobre a relevancia deste proxecto, desde a súa organización explican que en todo o mundo o transporte de mercadorías e loxística viuse baixo presión nos últimos anos. “A pandemia da covid-19, o bloqueo da canle de Suez en 2021 e, máis recentemente, a guerra en Ucraína, provocaron perturbacións sen precedentes nas redes loxísticas internacionais. Ademais, os fenómenos meteorolóxicos extremos, como inundacións e incendios forestais, tamén causan importantes perturbacións no transporte e agárdase que aumenten en frecuencia no futuro debido ao cambio climático”, sinalan. As cadeas de subministración modernas globalizadas e "xusto a tempo", comenta o equipo investigador, son particularmente vulnerables a estas interrupcións das redes de transporte, o que pode provocar obstrucións en cascada e atrasos nas entregas de bens críticos, como medicamentos, alimentos, etc.

Neste contexto, o proxecto Saril quere desenvolver un enfoque holístico que permita respostas eficientes e sostibles a eventos disruptivos na rede de transporte de mercadorías. O seu punto de partida é investigar, en estreita colaboración coas partes interesadas ao longo de todo o proxecto, tres escenarios concretos supostos en diferentes áreas xeográficas e dimensións: un escenario rexional, relacionado con perturbacións locais como inundacións e eventos similares que afectan á rede de transporte e os efectos en cascada inducidos por un ciberataque simultáneo; un escenario estatal, relacionado coa interrupción do transporte de carga debido a eventos climáticos extremos como incendios forestais, e un escenario a escala europea, en relación a perturbacións no transporte de mercancías marítimo e terrestre na UE causadas por acontecementos globais como una pandemia, unha guerra en países veciños e outros acontecementos que teñen consecuencias a largo prazo.

O resultado do proxecto serán metodoloxías e ferramentas de xestión loxística verde e resiliente, validadas en contornas reais, que poderán utilizar as partes interesadas e os formuladores de políticas para responder a eventos disruptivos, maximizando a resiliencia, a eficiencia e a sostibilidade da rede de transporte de carga. Así, apuntan os seus promotores, Saril “desenvolverá ferramentas e metodoloxías que permitirán avaliar a resistencia das redes loxísticas e proporcionarán información sobre as incidencias e estado das infraestruturas, entre outros aspectos”.

Participación da UVigo

Concretamente, o equipo da UVigo participante traballa en algoritmos xeoespaciais para predicir perturbacións inducidas por eventos climáticos extremos. “Actualmente existe unha gran cantidade de información xeoespacial que proporciona datos interesantes que poden ser útiles para modelar redes de transporte e estimar como poden verse afectadas por perturbacións climáticas. Estes datos proveñen principalmente de satélites de observación ou de sensores in situ, sendo quizais as máis coñecidas as redes de estacións meteorolóxicas”, apuntan. A xestión destes datos combinada con algoritmos de xestión forestal e predición meteorolóxica/climatolóxica será, segundo indica o equipo investigador, de grande interese para analizar no futuro como un evento climático extremo (como unha onda de calor que provoca un incendio forestal debido á seca e ao mal manexo da vexetación) pode influír na rede loxística e contribuír a acelerar a recuperación.

“Nós centrámonos en estudar as disrupcións derivadas de catástrofes naturais, fundamentalmente incendios forestais”, explica Higinio González. O investigador da UVigo sinala que na súa parte do proxecto xa conseguiron desenvolver un modelo dixital que, tomando datos das vías de transporte (fundamentalmente ferrocarril e estradas) e das características da contorna (se hai poboación ou non, o tipo de masa forestal, como está conservada esa masa forestal, etc.), permite ver como se propaga un incendio forestal e avaliar a probabilidade de que haxa ou non afectación da vía ferroviaria. “O modelo dixital xa está desenvolvido e no que nos queda de proxecto vamos transferir este modelo a outras rexións e validalo con datos físicos tomados en campo”, apunta por último.