DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo participa con dous paquetes de traballo: Fábrica ecoamigable e Smart connectivity

O proxecto Facendo 4.0 acada un 84% de execución con 117 accións realizadas e 18,8 millóns de euros investidos 

Liderado por Stellantis Vigo, céntrase na investigación industrial e desenvolvemento experimental 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI 02/12/2022

Na súa segunda anualidade, o proxecto Facendo 4.0 (Competitividade Industrial e Electromobilidade a través da Innovación e a Transformación Dixital), liderado por Stellantis Vigo, acadou un 84% de execución, segundo a revisión do estado de avance das accións en curso realizada polos socios que nel participan: a Universidade de Vigo, CTAG, Gradiant e Aimen. O proxecto de I+D, centrado na investigación industrial e o desenvolvemento experimental para incrementar a competitividade e reforzar as competencias do tecido empresarial galego, conta co apoio económico da Xunta, cuxo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou, este mediodía, xunto ao director de Stellantis, Ignacio Bueno, e representantes das entidades socias, como a vicerreitora de Investigación da UVigo, Belén Rubio, na presentación pública do estado de avance das investigacións desenvolvidas ao seu abeiro.
Coa intervención de preto de 400 técnicos e investigadores investigadoras de diferentes ámbitos, segundo confirmaron os responsables do proxecto, executáronse ou puxéronse en marcha 117 actuacións nos ámbitos tecnolóxicos de Fábrica do futuro, Vehículo do futuro e conectividade e Tecnoloxías da información. En total, no transcurso dos dous primeiros anos do proxecto, realizáronse investimentos por valor de 18,8 millóns de euros, dos 22,3 millóns totais previsto para Facendo 4.0. Durante este período, dedicáronse máis 690.000 horas de investigación e enxeñaría avanzada, que deron lugar, ata o momento, a unha decena de patentes rexistradas. 

O proxecto, que rematará en abril de 2023, conta un investimento por parte dos socios de 22,3 millóns de euros, cunha axuda pública de 12,2 millóns da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), cofinanciada con cargo a fondos Fedes da UE.

A participación da UVigo en Facendo 4.0  

Fábrica ecoamigable e Smart connectivity son os dous paquetes de traballo cos que investigadores e investigadoras da UVigo participan en Facendo 4.0. Green factory e Mantemento preditivo son as actividades máis destacadas do paquete Fábrica amigable, mentres que Automatización da xestión de recursos, é a máis salientable das accións de Smart connectivity.

No caso de Green factory, co obxectivo de evolucionar cara unha fábrica máis ecoamigable, o Grupo de Tecnoloxía Enerxética da UVigo, a través de indicadores clave de rendemento (key perfomance), traballa na análise da situación actual da factoría, a avaliación das diferentes solucións térmicas existentes, a análise da súa aplicabilidade ao caso de Stellantis Vigo e finalmente a definición dunha folla de ruta para a súa consecución. O plan de actuación sobre a emisión de compostos orgánicos volátiles e a compensacións das emisións de dióxido de carbono no proceso produtivo, con dous, dos cinco ámbitos de actuación que na actualidade se están a executar, establecendo un conxunto de medidas na procura dun proceso industrial máis eficiente enerxeticamente, como o autoconsumo con renovables ou a análise de eficiencia da rede de aire comprimido. Outros ámbitos de actuación, aínda incipientes no proxecto, son unha xestión máis eficiente da auga, mellora e segregación dos residuos e fomento da conservación da biodiversidade.

En relación co mantemento preditivo, a actividade céntrase na monitorización do estado de certas instalacións, mediante a análise do consumo de potencia eléctrica, coa intención de simplificar o proceso de recollida de información. Neste caso, a proposta consiste en explorar a posibilidade de usar como única fonte de información o consumo eléctrico do equipo. Para desenvolver esta actividade, seleccionouse unha prensa PTD como instalación a monitorizar e realizouse unha campaña de medidas para rexistrar os datos de consumos eléctricos, aplicándose, a partir dos datos obtidos, algoritmos baseados en redes neuronais para detectar o estado da produción. Actualmente, as tarefas que se están a desenvolver son a mellora dos algoritmos de recoñecemento de patróns de produción, análise de desvíos temporais de cadencia e desenvolvemento de algoritmos de detección e caracterización de paradas.

En canto ao segundo dos paquetes de traballo nos que está implicada a UVigo, Smart connectivity, a actividade de Automatización da xestión de recursos, céntrase no deseño dun sistema automatizado de asignación de recursos por slice de rede. Trátase de aplicar a técnica do network slicing, onde se poden crear múltiples redes virtuais sobre unha infraestrutura física compartida común, dividindo as arquitecturas de rede tradicionais en elementos virtuais que se poden vincular a través do software. Como resultado desta actividade, agárdase coñecer completamente a arquitectura de rede a nivel de planta e a súa contorna e dispor dun sistema automatizado de asignación de recursos por slice de rede.