proxecto FreeFlow
Un dos grandes retos ambientais de Europa é a restauración da conectividade fluvial. O proxecto FreeFlow busca atopar solucións innovadoras para restaurar o fluxo natural dos ríos europeos, aplicando intelixencia artificial, teledetección e procesos de participación social para facer fronte a un dos principais obstáculos para a biodiversidade fluvial na UE. Co obxectivo de informar sobre esta problemática, celebrouse en Pontevea (Teo) unha xornada na que se presentou o proxecto e se incidiu na necesidade de avanzar cara unha xestión máis sostible dos recursos hídricos. O evento estivo organizado polo investigador do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo e coordinador do proxecto, Carlos García de Leaniz, xunto co Servizo de Patrimonio Natural do departamento da Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático. O proxecto FreeFlow conta coa financiación do programa Atrae do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
Unha xornada de posta en común
Con algúns dos ríos máis alterados do mundo e miles de barreiras artificiais obsoletas, Europa enfróntase ao reto de reconectar polo menos 25.000 km de ríos de fluxo libre antes de 2030, en cumprimento da Estratexia Europea de Biodiversidade e a Lei de Restauración da Natureza. Neste contexto nace o proxecto FreeFlow, que foi o que trouxo á Universidade de Vigo ao profesor García de Leaniz dentro do programa Atrae de captación de talento. Dende o pasado mes de outubro, o científico traballa nesta liña de investigación que propón utilizar a lóxica difusa e a intelixencia artificial para modelar o número, localización e impacto das barreiras que non están rexistradas co fin de diminuír a incerteza e a deficiencias de datos. Este martes, o investigador presentou o proxecto no marco dunha xornada sobre fragmentación fluvial, na que tamén participaron outros membros do seu equipo interdisciplinar que afondaron en cuestións vinculadas coa xestión sostible dos recursos hídricos.
Concretamente, Amaia Ángulo explicou a importancia de manter a conectividade dos ríos para garantir ecosistemas saudables e resilientes, mentres que Alba Franco ofreceu unha panorámica dos diferentes tipos de barreiras e os seus impactos. Gabriel Tedone expuxo as novas ferramentas de inventariado e técnicas de teledetección que permiten localizar e avaliar barreiras mesmo en zonas pouco accesibles, optimizando así as accións de restauración. Pola súa banda, Pablo Caballero presentou o caso do salmón atlántico no río Ulla, cuxa recuperación depende en gran medida da eliminación ou modificación dos obstáculos que impiden a súa migración natural. O programa completouse coa proxección dun vídeo de sensibilización sobre o salmón elaborado por AEMS Ríos con Vida e unha visita ás instalacións de captura no río Ulla.
Solucións innovadoras para un reto ambiental da UE
Europa ten algúns dos ríos máis modificados do planeta e tamén una das faunas fluviais máis ameazadas. Presas, azudes e outras barreiras artificiais interrompen o curso natural dos ríos, dificultando o movemento de especies migradoras, alterando os ecosistemas e fragmentando hábitats que deberían ser continuos. Moitas destas estruturas están obsoletas, pero seguen condicionando gravemente a saúde dos ríos europeos.
Para afrontar este desafío, a Estratexia de Biodiversidade da Unión Europea e a nova Lei de Restauración da Natureza establecen o obxectivo de reconectar polo menos 25.000 quilómetros de ríos de fluxo libre antes de 2030. Con todo, logralo implica superar numerosos obstáculos técnicos, sociais e políticos: a falta de datos fiables sobre as barreiras existentes, a ambigüidade na definición do que é un río libre de obstáculos ou o conflito entre a necesidade de restauración ecolóxica e o uso de presas para paliar os efectos do cambio climático.
O proxecto Freeflow aposta por unha nova vía para afrontar este reto, empregando ferramentas como a intelixencia artificial e a lóxica difusa para modelar o número, localización e impacto das barreiras que non están rexistradas co fin de diminuír a incerteza e a deficiencias de datos. Ademais, co-creará mapas cognitivos difusos coas partes interesadas para construír unha comprensión común e unha narrativa adecuada que axude a reducir o conflito.