DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo é un das 23 entidades europeas que participan nesta iniciativa

O proxecto Granular aposta por mellorar as políticas rurais a través do coñecemento

Esta semana Ribadavia acolleu un dos seus talleres

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 21/06/2024

Desde o ano 2022 e ata 2026, 23 entidades europeas, entre elas a Universidade de Vigo, desenvolven o proxecto Granular. Trátase dunha iniciativa que pretende mellorar as políticas rurais a través do coñecemento. No marco da súa programación, esta semana celebrouse un taller en Ribadavia no que participaron axentes da contorna.

Granular está liderado polo Instituto Agronómico Mediterráneo de Montpellier (Francia) e financiado polo Programa de Investigación e Innovación Horizonte Europa da Unión Europea. No caso da Universidade de Vigo participa un grupo multidisciplinar procedente das facultades e escolas de Educación e Traballo Social, Historia, Enxeñaría Forestal e Telecomunicación. O proxecto agrupa a arredor de 23 organizacións de Europa que suman “múltiples coñecementos e habilidades que abarcan ciencias sociais, desenvolvemento rural, ciencias ambientais, economía, ciencias políticas, sociedade, sostibilidade, planificación espacial, análise estatístico, modelización, teledetección, intelixencia artificial e big data.

O reto xeral de Granular é “identificar, desenvolver e proporcionar datos novos e ferramentas reutilizables para comprender as características, dinámicas e impulsores das zonas rurais e, deste xeito, apoiar a elaboración de políticas baseadas no territorio e nos datos”. Concretamente, a iniciativa ponse como obxectivos, sempre en relación coas zonas rurais, conceptualizar a súa diversidade de características e funcionalidades; xerar e avaliar datos novos para apoiar a toma de decisións nestas zonas e desenvolver indicadores para comprender mellor as súas tendencias, ameazas e oportunidades. Tamén quere contribuír a facer operativo o mecanismo rural de garantía; colaborar con axentes de diferentes contextos rurais para recompilar, analizar, validar e avaliar datos; compartir coñecementos e dotar aos axentes rurais de ferramentas para a toma de decisións e apoiar transicións xustas, neutras en carbono e integradoras destas zonas.

Implicando aos axentes das zonas rurais

Para acadar estes obxectivos, o proxecto opta por un enfoque baseado na co-creación e a participación de múltiples actores. Así, ao longo do seu desenvolvemento está previsto que leve a cabo sete “living labs” en diferentes zonas rurais de Europa (Francia, Países Baixos, Italia, Polonia, España, Suecia e Reino Unido). Neles, axentes rurais, da academia, da política e da sociedade civil reúnense e co-deseñan, proban e validan o traballo de Granular. Posteriormente avaliarase como reproducir esas ferramentas e métodos do proxecto noutros países (Albania, Finlandia, Grecia, Italia, Letonia, Lituania, Moldavia, Romanía e Serbia).

No marco destes “living labs”, Ribadavia acolleu esta semana a celebración dun Workshop Reflexivo Living Lab RIO. Nel, participaron, entre outros, axentes de entidades como Agader, Asociacións de Persoas con Alzhéimer, Cruz Vermella, alcaldías de San Xoán de Río e Ribadavia, Deputación de Ourense, Delegación Territorial de Medio Rural en Ourense, Fundación Juana de Vega e CDR O Viso-Lodoselo. Na actividade, Maribel Doval, profesora da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, membro do grupo de Investigación Educativa e coordinadora na Universidade de Vigo de Granular, foi a encargada de presentar o proxecto ás entidades asistentes. Na cita tamén participaron por parte da UVigo Breixo Martins, Tania Lago e Laura Alonso. O taller tivo un marcado carácter participativo, de diálogo e de traballo conxunto entre as entidades participantes arredor das temáticas de Granular.