DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo é un dos 13 socios que participan nel

O proxecto internacional Coppereplace buscará reducir o uso de cobre en viñedos

A iniciativa está financiada polo Programa Interreg Sudoe

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Ourense 17/02/2021

Un total de 13 entidades españolas, francesas e portuguesas relacionadas co sector do viño veñen de xuntar as súas forzas para “reducir de maneira significativa o uso de cobre en viticultura, así como o seu impacto medioambiental”. É a través do proxecto de I+D+i Coppereplace, liderado pola Plataforma Tecnolóxica do Viño e do que a Universidade de Vigo é un dos seus socios. Dotado polo Programa Interreg Sudoe cun financiamento superior ao millón de euros, desde o proxecto destacan que se trata dunha “innovadora iniciativa que pon a ollada en Europa para ofrecer solucións integradas, sostibles e aliñadas con métodos de produción respectuosos co medio ambiente”.

O proxecto Coppereplace, indican os seus responsables, levarase a cabo entre novembro de 2020 e febreiro de 2023 baixo o título Desenvolvemento e implementación integral de novas tecnoloxías, produtos e estratexias para reducir a aplicación de cobre en viñedos e remediar solos contaminados na rexión Sudoe. O seu obxectivo será “validar unha serie de solucións integradas, innovadoras e viables para reducir o uso do cobre en viticultura e o seu impacto medioambiental. Estas solucións serán transferibles e duradeiras, para que o sector vitivinícola cumpra coa nova lei europea, promovendo una produción respectuosa co medio ambiente”. Para facelo, conta cun orzamento superior a 1,6 millóns de euros, recibindo máis dun millón de euros de financiamento por parte do Programa de Cooperación Territorial Europa Suroccidental (Interreg Sudoe).

Socios de España, Portugal e Francia

O consorcio internacional de Coppereplace está liderado pola Plataforma Tecnolóxica do Vino e forman parte del a Universidade de Vigo; a Associaçao para o Desenvolvimento da Viticultura Duriense; o Institut Français de la Vigne et du Vin; o Centro de Valorización Ambiental del Norte; a Universitat Politècnica de Catalunya; o Vignerons Bio Nouvelle Aquitaine; a Fundación Eurecat; a Universidade do Porto e as bodegas Sogrape Vinhos, LBS (Gérard Bertrand), Familia Torres e Jean Leon. Ademais, o consorcio ten o apoio da consultora Artica Ingeniería e Innovación (artica+i), que exerce como oficina técnica do proxecto. Coppereplace creará ademais, tal e como indican desde a súa organización, unha rede de “stakeholders” que incorporará “non só a viticultores senón tamén a outros representantes do panorama vitivinícola internacional, co fin de involucrar a todos os axentes interesados no proxecto para que poidan achegar o seu coñecemento e experiencia”.

Por parte da Universidade de Vigo participa en Coppereplace a Área de Edafoloxía e Química Agrícola do grupo de investigación BV1, con sede na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, sendo David Fernández Calviño o seu investigador principal neste proxecto. A súa participación nesta iniciativa enmárcase na súa liña de traballo sobre os impactos da aplicación de funxicidas de base cúprica sobre a calidade dos solos de viñedo. Neste proxecto Interreg Sudoe, o equipo da UVigo será responsable da actividade 2, de identificación dos solos de viñedo máis vulnerables á contaminación por cobre.