DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade desenvolverase na Facultade de Ciencias e no IES O Couto

O Proxecto MicroMundo volverá ás aulas para concienciar a escolares sobre o uso responsable de antibióticos

Rapazas e rapaces implicaranse na busca de microorganismos produtores de novos medicamentos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Institucional
DUVI Ourense 17/11/2022

Co gallo da celebración da Semana Mundial de Concienciación sobre o Uso dos Antibióticos, un curso académico máis ponse en marcha o proxecto MicroMundo@Uvigo co dobre obxectivo de espertar nas novas xeracións a vocación científica e a conciencia sobre a necesidade dun uso responsable destes medicamentos. Para acadalo, alumnado e profesorado da Facultade de Ciencias do campus de Ourense traballará con estudantes preuniversitarios nun proxecto de investigación real no que máis de 14 países e 26 universidades de España e Portugal buscan microorganismos produtores de novos antibióticos.

MicroMundo é un proxecto internacional que pretende transmitir á sociedade as bases científicas do problema da resistencia aos antibióticos e tomar acción involucrando a estudantes e sociedade en liñas de investigación orientadas a solucionalo. O seu nodo na Universidade de Vigo está formado por persoal docente e investigador do Grupo de Innovación Docente Mundo Microbio, da Área de Microbioloxía. A institución académica participa nesta iniciativa desde 2017 cun equipo coordinado desde a Facultade de Ciencias pola profesora María José Pérez.  No caso da UVigo, a actividade está apoiada pola convocatoria de Proxectos de Innovación Educativa en Aprendizaxe-Servizo 2022/23. Para presentar esta edición do proxecto e continuar divulgando a problemática sobre a que traballa, a Facultade de Ciencias acolle este xoves pola tarde a celebración da IV Xornada de concienciación sobre o uso dos antibióticos, que arrancará cunha conferencia sobre o impacto na salmonicultura do piollo do salmón, a cargo de Raúl Iglesias, profesor da Área de Parasitoloxía da Universidade de Vigo.

A problemática da crecente resistencia aos antibióticos, comentan desde MicroMundo@Uvigo, é unha prioridade para a Organización Mundial da Saúde, estando dentro da súa Axenda 2030 e dos seus obxectivos de desenvolvemento sostible. Por esta relevancia, e pola boa acollida que cada curso académico ten esta actividade entre as persoas e entidades implicadas, o proxecto volve a celebrarse unha edición máis. Entre outros aspectos positivos destacan que o método de aprendizaxe-servizo que emprega “dá moi bos resultados” e a importancia de contribuír á “ciencia cidadá” e implicar polo tanto á sociedade no coñecemento.

Na pel de investigadoras e investigadores

As actividades de MicroMundo@UVigo realízanse cada ano nos laboratorios dos centros educativos elixidos titorizadas por estudantes dos graos de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Ciencias Ambientais da Universidade de Vigo voluntarios e previamente formados que exercen de docentes. Ao longo das sesións, rapazas e rapaces póñense na pel de investigadores e investigadoras en busca de novos antibióticos, realizando en pequenos grupos desde o procesamento de mostras ata a detección e illamento de bacterias. Este curso académico o centro elixido para participar é o IES O Couto de Ourense, que repite de anteriores edicións. Concretamente participará unha vintena de estudantes de cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria.

As sesións no centro educativo está previsto que comecen en xaneiro/febreiro. Serán arredor de cinco sesións de dúas horas de duración cada unha delas, que terán unha pequena parte teórica e que consistirán fundamentalmente en traballo experimental de laboratorio. Nas sesións, abordaranse contidos científicos, principalmente de microbioloxía, como por exemplo a toma e a análise de mostras de bacterias do solo e a busca concreta de substancias de antibiose entre as distintas bacterias. O alumnado universitario ensinará aos rapaces e rapazas como teñen que facer a busca de bacterias produtoras de antibióticos e os propios rapaces e rapazas farana, coas garantías e condicións precisas. Posteriormente, nos laboratorios da Universidade, as e os estudantes da facultade procesarán as mostras e farán as análises finais. Desde a organización da actividade destacan o impacto que ten nas e nos escolares “iniciarse deste xeito nas tarefas de investigación e verse facendo un experimento real que pode ter repercusión” e tamén o contacto co mundo universitario que supón, ademais do feito de adquirir concienciación sobre o uso racional dos antibióticos.