DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Propoñen un selo de excelencia co que distinguir as ideas de negocio máis prometedoras

O proxecto MoBAE lanza unha convocatoria para apoiar iniciativas de emprendemento sobre mobilidade avanzada e estendida

As propostas seleccionadas terán acceso a asesoramento e servizos de apoio, participación en eventos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Emprender
  • Investigación
DUVI 03/03/2021

O proxecto MoBAE Cadea de Valor da Mobilidade Avanzada e Estendida en Galicia e Norte de Portugal, coordinado pola Universidade de Vigo e integrado por investigadoras e investigadores da  UVigo, a Universidade do Minho, o CSIC, o Igape e o Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), acaba de lanzar unha nova iniciativa, neste caso  en forma de selo de excelencia, unha medida coa que pretenden distinguir os proxectos ou ideas de negocio máis prometedores dentro do sistema produtivo de mobilidade.

Os proxectos recibidos someteranse a un proceso de avaliación en varias fases co obxectivo de seleccionar aqueles cun maior potencial, que será os que reciban o Selo de Excelencia MoBAE, unha distinción que lles permitirá acceder a múltiples beneficios, entre eles, asesoramento e diferentes servizos de apoio, incluíndo un informe de avaliación, unha folla de ruta personalizada, mentorización e/ou titorización, así como acceso a programas de apoio e posibles fontes de financiamento. Doutra banda, acadar este selo de excelencia tamén dará acceso a participar en diferentes eventos, desde foros de posibles investidores ata xornadas demostrativas e de traballo en rede e suporá unha porta aberta á creación e á ampliación de contactos clave, con acceso a socios potenciais, empresas e investidores do sistema produtivo, rede de contactos internacionais ou visibilidade das iniciativas a través da comunidade en liña e o propio consorcio MoBAE.

Solicitudes abertas ata o 22 de marzo

A convocatoria está aberta á participación de estudantes ou grupo de estudantes tanto de ensino universitario como de Formación Profesional de todas aquelas titulacións que teñan algún tipo de vinculación co sistema produtivo da mobilidade e que estean desenvolvendo proxectos innovadores e de emprendemento. Tamén a todas aquelas starpups, spin-offs, spin-outs ou calquera outra modalidade de empresa tecnolóxica de recente creación que busquen desenvolver unha idea emprendedora para a súa colocación no mercado como produto ou servizo innovador e, por último, a empresas xa establecidas e con un percorrido previo con novas ideas de negocio no eido da mobilidade.

As solicitudes de inscrición para a participación no proceso de obtención do Selo de Excelencia MoBAE poden presentarse ata o vindeiro día 22 a través do formulario dispoñible na web do proxecto.