DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A encargada da recensión é Dolores Miloro, investigadora, documentalista e PAS da FCEE

O proxecto Reseñas propón como lectura estival ‘La fantasía de la individualidad’

A autora do libro, sobre a construción sociohistórica do suxeito moderno, é Almudena Hernando

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Publicacións
  • Cultura
DUVI 14/06/2022

Co elixido para os meses de xuño e xullo, o proxecto Reseñas suma xa 26 libros propostos para a súa lectura. Esta iniciativa de divulgación lectora, que naceu en 2018 na Biblioteca de Torrecedeira, ten como obxectivo recomendar, cada dous meses, unha obra e, arredor dela, toda unha serie de iniciativas e documentos cos que espertar a curiosidade e a inquietude por temas de actualidade, investigación ou cultura e, ao tempo, difundir os fondos da biblioteca. Para estes dous meses o libro proposto é La fantasía de la individualidad: Sobre la construcción sociohistórica del sujeto moderno, da arqueóloga e catedrática de Prehistoria da Universidad Complutense de Madrid Almudena Hernando.

Este volume é a escolla de Dolores Miloro, investigadora e documentalista e PAS da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, que explica que “este interesante estudo” rebate “a convicción de que o individuo pode construírse á marxe da comunidade ou que a razón pode existir á marxe da emoción”. No libro, Hernando analiza cando e por que comeza a dominación sobre as mulleres e, a través dunha perspectiva arqueolóxica baseada na cultura material, explica que a desigualdade entre sexos non ten unha orixe biolóxica. Pola contra, a catedrática sostén que o patriarcado ten unha natureza histórica relacionada co modo no que homes e mulleres construíron a súa identidade no mundo occidental. 

Miloro explica que escolleu esta obra porque se trata dunha investigación que, “de forma rigorosa e exhaustiva, trata de romper, iluminar e ilustrar un comportamento social que nega a emoción e que oculta a forma en que o individuo se sustenta na comunidade. Para concluír que sen a emoción a razón non poderá transformar a orde social”. 

En resumo, para a traballadora da UVigo, libros como este de Almudena Hernando “contribúen a contemplar o mundo dende outra perspectiva e con determinación e esperanza. Axudan a entender que o ser humano debe e ten que coñecer os seus límites e só dende ese coñecemento poderá mellorar a vida do planeta, seriamente ameazado. Este ensaio afonda e pon de manifesto que outro modelo é posible, que outro mundo é posible. Algo nada despreciable e moi necesario nestes tempos escuros”. 

O modelo ilustrado, unha fantasía

Segundo relata Dolores Miloro na súa recensión, a autora do libro afirma que o “modelo ilustrado sobre o que se apoia a orde social, a ciencia e a identidade dos homes, que rexen a sociedade, é unha fantasía. A fantasía da individualidade. Ese modelo social que só ten en conta a orde da razón e dos comportamentos recoñecidos e conscientes, que converten aos humanos en máquinas, obvian accións nos que interveñen comportamentos inconscientes, ligados ás emocións, de cuxa alianza depende o acerto na toma de decisións para a comunidade. A subordinación das mulleres construíuse sobre esta orde social na medida que desvirtuaron ou negaron eses vínculos comunitarios e emocionais”. 

En opinión da investigadora da UVigo é necesario poñer en xogo a percepción emocional para lograr chegar a decisións racionais beneficiosas e eficaces para a humanidade. “A afirmación máis contundente deste estudo e coa que concordo é que non existe unha razón autónoma da emoción”.