Os seus socios reúnense este mércores e xoves en Limoges (Francia)
O proxecto RuralSilverHubS busca respostas innovadoras aos retos do envellecemento, o despoboamento e a accesibilidade no rural
Participan da UVigo investigadoras de Educación e Traballo Social, do grupo HC1 e de Ecobas
Investigadoras da Facultade de Educación e Traballo Social, do grupo HC1 e de Ecobas participan este mércores e xoves en Limoges (Francia) na xuntanza de socios do proxecto europeo RuralSilverHubS. A iniciativa ten como obxectivo promover a economía prateada rural a través da innovación social, dixital e emprendedora. Nestes dous días de actividade traballarán na coordinación e no avance do desenvolvemento do proxecto, que dispón dun orzamento de 1,2 millóns de euros para abordar tres retos comúns no espazo Sudoe: o envellecemento, o despoboamento rural e a limitación no acceso a determinados servizos no rural.
RuralSilverHubS Mellora da calidade de vida en áreas rurais impulsando a economía social na silver economy arrancou en 2025, dura tres anos e está financiado pola 2ª convocatoria Sudoe 2021-2027, do Programa Interreg e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) da Unión Europea. Liderado pola Diputació de Tarragona, conta cun consorcio formado por 19 entidades de Francia, Portugal e España no que destaca a presencia de administracións públicas e entidades expertas en desenvolvemento territorial e no que a representación galega inclúe ademais da Universidade de Vigo á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. A participación da UVigo está encabezada por Maribel Doval, do grupo de investigación Historia Contemporánea 1 e da Facultade de Educación e Traballo Social, e Raquel Arévalo, do grupo de Investigación en Economía, Enerxía e Medio Ambiente Rede e da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
Mellorar a calidade de vida da poboación maior de 55 anos
O proxecto busca dinamizar as zonas rurais "articulando respostas emprendedoras para mellorar a calidade de vida da poboación maior de 55 anos". Para iso, traballará na recompilación e xeración de datos específicos que axuden á toma de decisións. Ao mesmo tempo, contribuirá a crear sinerxías entre os axentes crave do territorio impulsando medidas emprendedoras que dean resposta aos retos identificados pola poboación maior de 55 anos do espazo Sudoe. O equipo da Universidade de Vigo desempeña un papel principalmente científico-técnico e estratéxico no proxecto. Concretamente achega coñecemento académico para a análise do envellecemento nas zonas rurais do espazo Sudoe, identificando necesidades, oportunidades e boas prácticas vinculadas á ‘silver economy’; participa na conceptualización e avaliación dos Silver Hubs, contribuíndo a metodoloxías, indicadores de impacto e criterios de sostibilidade social e económica e actúa como ponte entre a investigación universitaria e os axentes territoriais (administracións, empresas, entidades sociais), facilitando a aplicación práctica dos resultados. Ademais, este equipo colabora no desenvolvemento e pilotaxe de solucións innovadoras orientadas a mellorar a calidade de vida das persoas maiores en contornas rurais e contribúe á divulgación científica e técnica dos resultados do proxecto, reforzando a súa replicabilidade e escalabilidade noutros territorios.
A reunión que se celebra estes días en Francia conta coa participación dos socios do proxecto, así como actores locais e persoas expertas, co fin de examinar os avances realizados ata o de agora no proxecto e coordinar as vindeiras fases de implementación. Por parte da UVigo están Maribel Doval e Estefanía Couñago. O programa inclúe a realización de obradoiros colaborativos centrados no desenvolvemento das accións clave de RuralSilverHubS, en particular os RS-Labs (laboratorios de innovación social e dixital en contornas rurais despoboadas). “Estes laboratorios están concibidos como espazos de cocreación nos que os actores locais e a poboación maior de 55 anos traballan conxuntamente para deseñar solucións emprendedoras e innovadoras adaptadas aos contextos rurais”, sinalan desde o proxecto.
Outro dos elementos clave da reunión é o intercambio de experiencias entre os territorios piloto do proxecto: Tarragona e Burgos (España), Nova Aquitania e Occitania (Francia), Algarve e Ave (Portugal), o que permitirá aos socios identificar retos comúns, compartir boas prácticas e harmonizar metodoloxías a nivel transnacional. “Ao reforzar a cooperación transnacional e a participación das partes interesadas, a reunión de Limoges constituirá un paso importante para RuralSilverHubS, reforzando o seu compromiso de desenvolver solucións innovadoras, inclusivas e sostibles que melloren a calidade de vida da poboación de idade avanzada e contribúan á revitalización das zonas rurais no espazo Sudoe”, comentan desde o proxecto.
