DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está desenvolvido polo Grupo de Investigación Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos

O proxecto Tec-SosVal explora a obtención de biomoléculas a partir de restos de melón e pataca

Nel empréganse tecnoloxías emerxentes de vangarda respectuosas co medio ambiente

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 07/04/2021

O Grupo de Investigación Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos, con sede na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, está a desenvolver un proxecto que baixo o nome de Tec-SosVal explora a obtención de biomoléculas a partir de subprodutos do procesado do melón e da pataca. Financiado pola Xunta de Galicia, o seu obxectivo é valorizar estes restos empregando tecnoloxías emerxentes de vangarda respectuosas co medio ambiente.

O equipo que leva a cabo Tec-SosVal, que arrancou en 2020 e continuará ata 2024, está liderado por Beatriz Gullón e composto por Gil Garrote, Remedios Yáñez, Xiana Rico, Pablo García, Beatriz Rodríguez, Fernando Rodríguez e Alba Pérez. “Tec-SosVal é unha proposta científica multidisciplinar que pretende dar solucións a dous importantes desafíos da nosa sociedade actual: satisfacer a crecente demanda dos consumidores de produtos funcionais de orixe natural, desenvolvendo novas tecnoloxías que se poderían implementar a nivel industrial, e á vez dotar de valor engadido aos residuos procedentes do procesamento de alimentos, mellorando así a sostibilidade e competitividade da industria alimentaria”, indican desde o proxecto.

Buscando valor engadido

A industria agroalimentaria, explican os responsables da iniciativa, é un dos principais motores da economía galega cun crecemento anual medio do 5% na última década. “Con todo, a pesar da importancia deste sector, a súa cadea de subministración é ineficiente, xerando cantidades significativas de residuos. Concretamente, os subprodutos procedentes da industria de procesamento de froitas e verduras representan arredor dun 40% do seu peso”, sinalan. O actual sistema de xestión destes residuos, engaden, “causa importantes problemas ambientais derivados do seu depósito en vertedoiros e perdas económicas como consecuencia do seu uso en aplicacións de baixo valor engadido”.

Porén, comentan desde Tec-SosVal, estes subprodutos conteñen unha ampla gama de compostos bioactivos valiosos que poden ser recuperados mediante tecnoloxías verdes e sostibles permitindo a súa reincorporación a procesos produtivos como materias primas. “Espérase que a adopción destas estratexias de valorización contribúa á transición gradual desde unha economía lineal a unha economía circular baseada na filosofía de cero residuos, o que permitiría lograr un desenvolvemento sostible en liña coas prioridades recollidas na Axenda 2030”, afirman.

Recuperación de biomoléculas

Neste contexto, Tec-SosVal pretende explorar tecnoloxías emerxentes de vangarda (microondas e ultrasóns) respectuosas co medio ambiente en combinación co uso de líquidos eutécticos profundos naturais (NaDESs) para a recuperación de biomoléculas con importantes biofuncionalidades a partir de materias primas alternativas abundantes. Máis especificamente, Tec-SosVal céntrase en extraer biomoléculas valiosas como nutracéuticos (compostos funcionais baseados en polifenois e pectooligosacáridos) e 'platform chemical' (acedo biosuccínico) a partir dos subprodutos do procesado do melón e da pataca, cunha ampla gama de aplicacións no sector alimentario, farmacéutico e químico.

Os compostos bioactivos someteranse a secuencias de purificación e concentración co fin de obter extractos de alta pureza que poidan ser incorporados na formulación dunha matriz alimentaria cárnica como ingredientes funcionais. Determinarase a estrutura e composición química dos concentrados obtidos, así como as súas diferentes bioactividades. A produción de acedo biosuccínico por vía biotecnolóxica permitirá, segundo explican as e os investigadores participantes, un aproveitamento integral dos subprodutos e o seu interese radica na súa aplicación como monómero para a síntese de polímeros plásticos biodegradables, axudando así a reducir a dependencia do uso dos recursos fósiles na súa produción. “Este proxecto pretende contribuír ao desenvolvemento de biorrefinerías multiproduto en cascada para a valorización integral de subprodutos da industria agroalimentaria, o que reverterá nunha mellora deste importante sector na nosa comunidade autónoma”, conclúen os responsables do proxecto.