DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está coordinada polo catedrático de Filosofía do Dereito Pablo Raúl Bonorino

Unha publicación explora o impacto dos nesgos cognitivos nas argumentacións xurídicas e decisións xudiciais

O libro enmárcase nas actividades dun proxecto estatal sobre esta cuestión liderado pola UVigo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 16/11/2022

Sesgos, argumentación y decisión judicial. Este é o título da nova publicación coordinada polo catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade de Vigo e profesor da Facultade de Dereito do campus de Ourense Pablo Raúl Bonorino. Nela especialistas de diferentes universidades abordan o impacto das crenzas tácitas ou inconscientes no eido xurídico, dedicando especial atención á perspectiva de xénero.

Publicado pola editorial Aranzadi, o libro enmárcase na actividade do proxecto estatal Nesgos Cognitivos e Discrecionalidade Xudicial, dirixido polo propio Pablo Raúl Bonorino, con financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación, e no que participan, entre outros, especialistas das universidades de Vigo, Santiago de Compostela e León. Ademais, a publicación, comenta o seu responsable, pretende recoller de xeito ampliado as contribucións presentadas polos especialistas que participan neste proxecto e outros expertos internacionais nunha mesa de traballo sobre esta temática dirixida por el mesmo no Congreso Mundial de Filosofía do Dereito, que tivo lugar en Romanía no mes de xullo. Os contidos da obra foron tamén protagonistas e debatidos a pasada semana na Xornada sobre Nesgos, Argumentación e Decisión Xudicial, celebrada na Facultade de Dereito de Ourense.

“Nesta publicación explórase a incidencia dos nesgos cognitivos na argumentación xurídica e o seu impacto na toma de decisións xudiciais”, indícase na obra, que quere ser “unha introdución a un tema de grande actualidade para os xuristas teóricos e prácticos”. Con este obxectivo, os distintos capítulos abordan a cuestión dos nesgos cognitivos no campo da interpretación xurídica, a valoración da proba, a xustiza transicional e a adopción dunha perspectiva de xénero na aplicación do dereito.

Influencia silenciosa

Cando se poñe sobre a mesa o problema dos nesgos cognitivos, detalla Pablo Raúl Bonorino, “o primeiro problema sempre é en filosofía determinar que é nesgos cognitivos, e non soe haber acordo á hora de definilo”. Porén, e dun xeito simplificado para facilitar a súa comprensión, indica que os nesgos cognitivos poden considerarse “crenzas que se manteñen de forma tácita ou inconsciente cando a xente toma decisións pero que inflúen nesas decisións”. O máis grave, engade, “é que na maioría dos casos inflúen para dar como resultado unha decisión errónea” e que “se trata dunha influencia silenciosa, o propio axente pode non ser consciente desa influencia”. Por todo iso, subliña o académico, “é importante detectar estes nesgos e sometelos a discusión”.

Segundo explica o profesor da Facultade de Dereito, os nesgos cognitivos poden ser moi xerais, como por exemplo e desde a psicoloxía, quedarse coa primeira idea que vén á cabeza para explicar algo e non facer caso aos feitos que poidan xurdir despois. Porén, subliña, “no dereito interésannos especialmente os nesgos ideolóxicos”, pondo como exemplo a perspectiva de xénero e “as crenzas que sobre o sexo e o xénero ten o suxeito de forma tácita ou inconsciente: o suxeito non é consciente de que as ten pero inflúen nas súas decisións, sexa de interpretación da lei, de aplicación, de valoración das probas, etc”. A persoa, indica o experto, “en ocasións incorpora durante a súa socialización estes nesgos e non os somete a crítica e entón poden influír negativamente nas súas decisións”. Aínda que os nesgos de xénero “están á orde do día porque están na axenda de discusión e son dos que máis prexuízo producen en ocasións”, o xurista destaca que hai outros nesgos problemáticos á hora de argumentar, valorar e tomar decisións, tal e como recolle a publicación.

Así, no libro as e os diferentes autores, “autoridades nos distintos temas abordados”, van analizando a incidencia dos nesgos cognitivos nas tarefas xurídicas. Os dez capítulos que o conforman abordan a pragmática e interpretación xudicial; as preconcepcións e inferencias pragmáticas na motivación de sentencias; a interpretación xurídica sen nesgos e os nesgos, discrecionalidade xudicial e valoración da proba. Tamén se abordan os nesgos da función xudicial sobre a muller que sofre violencia de xénero; os nesgos de xénero na custodia de menores e no divorcio; a decisión xudicial no marco da xustiza transicional; a liberade de expresión en relación a esta temática e os fundamentos xurídicos romanos do comercio mundial. A publicación recolle achegas de Victoria Iturralde, Joaquín Rodríguez- Toubes, María Concepción Gimeno, Sonia Esperanza Rodríguez, Inés Celia Iglesias Canle, Ana Isabel González, Clara Isabel Fernández, Xosé Manuel Pacho, Rosa María Ricoy e Guillermo Suárez, ademais do propio Pablo Raúl Bonorino.