DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os traballos estiveron financiados pola UVigo e a Deputación de Ourense

Unha publicación recolle os resultados de catro investigacións multidisciplinares relacionadas con Ourense

Abordan temas como a interpretación patrimonial, o enoturismo, a adicción ás redes sociais e a reuti

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 13/12/2021

Ao longo de 2020, grupos de investigación multidisciplinares do campus de Ourense desenvolveron catro proxectos de investigación ao abeiro da convocatoria de axudas INOU (financiada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense). Os seus traballos estiveron centrados na oferta e reputación dixital do enoturismo ourensán; a interpretación patrimonial de sitios con pintura rupestre esquemática da comarca de Monterrei; a análise e prevención de conductas aditivas e de risco nas redes sociais e o emprego de restos de podas de vide para a obtención de produtos de valor engadido. Unha publicación electrónica recolle agora os seus resultados.

O  libro, titulado Proxectos INOU 2020. Investigación aplicada na provincia de Ourense, está coordinado por Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense. No prólogo, explica que “nesta convocatoria continuamos a traballar na senda da colaboración entre grupos de investigación de diferentes ámbitos de coñecemento e o froito deste traballo conxunto configura os nove capítulos presentes neste libro”. Pondo de relevo as dificultades provocadas pola pandemia, a vicerreitora subliña que “o esforzo realizado fai que aquí se presenten traballos dunha gran calidade, que de certo van ser de moito proveito e interese para o público lector e para a nosa provincia”.

A meirande parte dos proxectos recollidos neste novo volume, subliña a súa coordinada, “entroncan con eixes principais do desenvolvemento da nosa provincia, como son o seu patrimonio artístico e cultural, o enoturismo, o aproveitamento dos residuos da industria vitivinícola, a sostibilidade ou a dixitalización”. Estes proxectos, engade, “contribúen a pór en valor o noso patrimonio cultural, natural e gastronómico, tres piares básicos da economía da nosa provincia” e complétanse con “proxectos que abordan problemas tan actuais como son os relacionados co uso e co abuso que fan das redes sociais os mozos e as mozas, analizando as condutas de risco da mocidade ourensá e desenvolvendo ferramentas dixitais para axudar a evitalas”. Nas investigacións recollidas participou un amplo abano de investigadoras e investigadores do campus de Ourense, encabezados por María Lorena Rodríguez, María Reyes Pavón e Manuel Alfredo Mosquera; Beatriz Comendador e Fátima Braña; Sandra Rivas e Beatriz Gullón e Rubén González e María Encarnación González.

Catro proxectos

O proxecto INOU 2020 máis amplo foi ORDEn: Oferta e Reputación Dixital do Enoturismo Ourensán e contou coa participación de persoal docente e investigador da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e da Escola Superior de Enxeñaría Informática. O seu desenvolvemento articulouse en tres subproxectos, un centrado na diagnose do nivel de congruencia na oferta enoturística da provincia de Ourense; outro dedicado á extracción e pre-procesamento de opinións sobre o sector enoturístico nesta provincia e un último de análise e modelaxe de opinións sobre o sector enoturístico ourensán.

Outra das iniciativas desenvolvidas e recollidas na publicación lanzada agora foi o Proxecto PRE-Media: Interpretación Patrimonial de Sitios con Pintura Rupestre Esquemática da Comarca de Monterrei. Nel, investigadoras das facultades de Historia e de Educación e Traballo Social traballaron na creación dunha contorna virtual para a interpretación patrimonial de sitios con pintura rupestre esquemática desta comarca e no estudo etnográfico do sitio con arte rupestre de Penedo Gordo.

O aproveitamento e valorización de residuos procedentes do agro na provincia de Ourense, concretamente o emprego de restos de podas de vide para a obtención de produtos de valor engadido, foi o obxecto de estudo doutro dos proxectos financiados, desenvolvido neste caso na Facultade de Ciencias. Nel traballouse arredor do aproveitamento e valorización de restos de podas de vide para a obtención de "compostos de base", útiles para a síntese de produtos químicos de interese industrial e biocombustibles, e na recuperación de compostos bioactivos procedentes de podas de vide mediante o uso de disolventes intelixentes.

Por último, tamén se poden ver na publicación os resultados do proxecto DIXITOU: Análise e Prevención de Condutas Aditivas e de Risco nas Redes Sociais. Intervención para o Uso Seguro de cara ao Benestar Dixital, realizado por persoal docente e investigador dos centros de Educación e Traballo Social e Enxeñaría Informática. Neste traballo afondouse na análise de condutas de risco nestas contornas e a influencia sobre a saúde do alumnado ourensán e desenvolveuse unha aplicación dixital para concienciar ao alumnado ourensán do uso das redes sociais.