DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dos traballos beneficiarios da convocatoria de axudas Inou 2024

Unha publicación recolle os resultados de oito proxectos de investigación centrados no desenvolvemento de Ourense

Financiados a través do convenio de colaboración entre a UVigo e a Deputación de Ourense

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 22/06/2026

Xa está dispoñible en Internet a publicación Proxectos Inou 2024. Investigación aplicada na provincia de Ourense. Nela recóllense os resultados de oito proxectos beneficiarios da convocatoria de axudas Inou, levados a cabo por equipos do campus que, dende distintos ámbitos de coñecemento, “comparten un obxectivo común: contribuír ao avance científico e á mellora da sociedade ou da economía na provincia de Ourense a través da innovación, o rigor metodolóxico e o traballo colaborativo”.

A convocatoria Inou finánciase a través do convenio de colaboración anual existente entre a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo. A publicación, dispoñible en formato electrónico, está coordinada pola Vicerreitoría do campus de Ourense. No seu prólogo, Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor deste campus, subliña que “a investigación no eido universitario constitúe un dos piares fundamentais sobre os que se sustenta o progreso científico, tecnolóxico e social” e que o compromiso da institución académica coa xeración e transferencia de coñecemento concrétase neste caso “nun conxunto de proxectos que reflicten a diversidade, a calidade e a proxección da actividade investigadora desenvolvida ao longo do ano 2024 no noso campus”.

Os traballos foron realizados por equipos de diferentes grupos de investigación do campus de Ourense, estando como líderes dos proxectos Uxía García, Matías García, Guillermo Guada, Fernando Veiga, Rosana Martínez, Lorena Otero, María Paz Otero, Martín Pérez, Iria Souto e Carla María Míguez. “A Vicerreitoría do campus de Ourense xunto coa Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo queremos agradecer o apoio da Deputación Provincial de Ourense, así como o esforzo realizado polas investigadoras e investigadores que participaron nesta nova edición dos premios Inou. O compromiso das persoas investigadoras implicadas, a súa capacidade de innovación e o seu esforzo por transferir coñecemento útil á sociedade son a mellor expresión do valor da universidade como motor de progreso e transformación”, sinálase no prólogo da publicación. 

Do tecnolóxico ao social

A aposta pola tecnoloxía e a vangarda científica vese reflectida na publicación en varios proxectos, como un centrado na implementación dunha estación terrea para o seguimento de satélites no campus de Ourense e outro sobre a integración de sistemas IMU e GNSS para a estimación do estado do firme, orientada á mellora das infraestruturas e da seguridade viaria. No eido ambiental, son varios os traballos recollidos no libro, como o proxectos Vigour, da vixilancia e o control de especies invasoras na Galicia ourensá, e Difra, dedicado á detección de infraccións en franxas de protección mediante o uso de drons, exemplificando ambos o uso das novas tecnoloxías ao servizo da sostibilidade e da protección do medio natural. Ao longo das páxinas da publicación, as e os lectores tamén poden coñecer un estudo sobre a obtención de compostos fenólicos de follas de vide (Vitis vinifera L.) mediante extracción líquida presurizada, iniciativa que quere promover a valorización dos recursos naturais locais e impulsar unha economía máis sostible e circular. 

Outros proxectos incorporan unha dimensión social e educativa de “gran relevancia”, tal e como se indica  na publicación. Así, hai un traballo de análise do sexting e do acoso e abuso sexual baseado nas imaxes entre adolescentes ourensáns, que “ofrece unha aproximación científica a un problema emerxente vinculado ás dinámicas dixitais e á violencia de xénero”. Outro estudo céntrase nas culturas antigas e a educación actual, propondo unha reflexión enriquecedora sobre o papel das humanidades clásicas na formación contemporánea. Finalmente, tamén se realizou ao abeiro da convocatoria Inou 2024 un estudo sobre a aplicación da intelixencia artificial á detección e análise de mostras biolóxicas en imaxes microscópicas, no que se “evidencia o potencial das tecnoloxías de aprendizaxe automática en todos os ámbitos, reforzando o carácter interdisciplinar e innovador da investigación universitaria ourensá”, tal e como se indica na publicación.

“Estes oito proxectos amosan, en conxunto, a vitalidade e a excelencia da investigación desenvolvida no campus de Ourense, así como a súa contribución decisiva ao desenvolvemento científico, económico e social da provincia e de Galicia”, indican por último desde a Vicerreitoría do campus de Ourense, lembrando que moitos destes proxectos tamén se vinculan co Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense financiado e acreditado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia.