DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dun monográfico da revista científica da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

Unha publicación reúne un conxunto de experiencias para levar a innovación á práctica educativa

Coordinado pola catedrática Margarita Pino

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 24/06/2024

Contribuír a que as investigacións que se desenvolven no ámbito académico repercutan na práctica educativa nos diferentes niveis de ensino. Este é o obxectivo central de Aportaciones innovadoras desde la práctica educativa y comunitaria, un número monográfico da revista científica que edita a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Coordinado pola catedrática Margarita Pino, este volume reúne un conxunto de estudos que afondan en cuestións como as capacidades do deporte para integración social, a importancia da motivación na ensinanza de linguas estranxeiras, o uso de materiais para a educación en sostibilidade ou o desenvolvemento de competencias transversais a través da educación musical. Todos eles, explica Pino, foron seleccionados co obxectivo de promover “esa transferencia á escola” e de “facilitar os procesos de cambio e mellora nos centros educativos”. 

“Aínda que na escola hai experiencias innovadoras, non é algo xeneralizado”, sinala Pino, que pon o foco en que “a innovación é clave para manter a relevancia e a efectividade nos procesos de ensinanza-aprendizaxe”. De aí que “inspirar” o persoal docente “a probar novas técnicas e estratexias e adaptar os seus métodos de ensinanza ás novas demandas sociais e as características dos estudantes” sexa o obxectivo central deste monográfico da Revista de Investigación en Educación. Impulsada no ano 2003, trátase dunha publicación dirixida a dar visibilidade ás investigacións e innovacións que, desde un enfoque interdisciplinar, poñen o foco na educación, incorporada recentemente ao JCR (Journal Citation Reports), o índice de citas máis valorado polos organismos de avaliación da actividade investigadora. Ademais de publicar dous números anuais, esta revista incorpora outros de carácter monográfico dirixidos a “compilar investigacións e innovacións punteiras que poidan abrir o campo temático con achegas de diversas partes do mundo”, como sinala o seu editor xefe, Alberto Pazo. Neste 2024, este número monográfico permite ofrecer “información actualizada sobre tendencias educativas, investigación e enfoques pedagóxicos eficaces”, como salienta Pazo Labrador dun volume do que destaca “o seu carácter interdisciplinar”.

Inclusión, motivación e avaliación

Co obxectivo de promover experiencias innovadoras, “fundamentadas na evidencia científica”, tanto no ensino formal coma no comuntario, esta publicación pon o foco en “catro liñas que consideramos estratéxicas para o cambio e mellora das institucións educativas”, apunta Pino. Por unha banda, céntrase na inclusión social e na sostibilidade, mais tamén na motivación, posto que “antes de facer ningún deseño, tes que ter moi claro que nivel de motivación ten o alumnado para facer esa tarefa”, sinala a docente e investigadora do grupo GIES. O volume aborda tamén a educación para a sostibilidade e a avaliación dos proxectos e experiencias educativas realizadas, un aspecto clave, lembra, de cara a garantir a implantación de “estratexias efectivas”, que contribúan á adquisición de competencias.

Estruturado nesas catro liñas, o monográfico reúne estudos como o que Pedro Danilo Ponciano, da Universidad del Valle de Guatemala, e Iago Portela, da Universidad Isabel I, centran no uso do deporte como vehículo de desenvolvemento e inclusión social e comunitaria, a través da visión de xestores de organizacións xuvenís de Colombia. Outro dos artigos, asinado por Andreu Gutiérrez e Roberto García, do Instituto CRIIA, afonda no labor do profesorado das escolas familiares agrarias de Galicia; mentres que Margarita González, da Universidad del Atlántico Medio, e Beatriz López, da UNED, presentan os resultados dunha investigación sobre a influencia da motivación na aprendizaxe de linguas estranxeiras. 

Asinado por Mario Diz, da Universidade de Santiago de Compostela, a investigadora do grupo GIES da UVigo Sara Domínguez e a coordinadora deste monográfico, outro dos artigos recolle os resultados dun estudo realizado con 200 intérpretes de orquestras universitarias de diferentes países, no que se constata o valor desta actividade para o desenvolvemento de competencias transversais. En materia de sostibilidade, a tamén integrante do grupos GIES Eulalia Agrelo aborda o coñecemento que as futuras e futuros docentes teñen das potencialidades do libro-obxecto para a educación ambiental, mentres que os profesores da Universidade da Coruña Mirian Timiraos, Francisco Zayas, Álvaro Michelena e Elena Arce abordan a creación de laboratorios virtuais para a aprendizaxe a distancia en graos STEAM. O volume péchase cun estudo sobre a percepción respecto das súas necesidades formativas en diversidade e cidadanía global do alumnado de cinco universidades europeas, realizado polas investigadoras da UVigo María Mercedes Mareque, Elena de Prada e Margarita Pino.