DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Xunta dará agora traslado ao Ministerio de Universidades para a súa inscrición no RUCT

Publicado no DOG o decreto de creación das facultades de Deseño, Dirección e Xestión Pública e Relacións Internacionais 

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 02/08/2022

Novo paso adiante para a materialización das facultades de Deseño, Dirección e Xestión Pública e Relacións Internacionais da UVigo coa publicación hoxe no DOG do 
Decreto 133/2022, do 7 de xullo, polo que se aproba a creación destes centros no campus de Pontevedra, nos dous primeiros casos, e no de Ourense no de Relacións Internacionais. Unha vez acordada a creación dos centros, a Xunta de Galicia dará traslado ao Ministerio de Universidades para os efectos da súa inscrición no Registro de Universidades, Centros y Títulos (RUCT).

O decreto lembra que a UVigo, en sesión ordinaria do Consello de Goberno do 27 de xullo de 2021, aprobou a creación da Facultade de Deseño, da Facultade de Dirección e Xestión Pública e da Facultade de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, e o pleno do Consello Social, reunido o 29 de xullo de 2021, emitiu informe favorable á súa creación. En relación coa Facultade de Deseño, especifica o decreto publicado hoxe no DOG que, “este centro vén poñer as bases dunha formación integral que permita desenvolver estudos especializados no campo do deseño a todos os niveis, principalmente a partir da proposta de implantación da titulación de grao en Deseño dentro dos acordos alcanzados no SUG relativos á implantación de novas titulacións de grao”. O centro poderá albergar tamén futuras titulacións, tanto de grao coma de mestrado, relacionadas co ámbito do deseño. Dada a especificidade destes estudos, ausentes ata o momento no SUG, decídese a creación dun novo centro que ofreza unhas garantías de crecemento futuro para completar os diferentes niveis de formación no ámbito do deseño e os potenciais beneficios achegados ao ámbito socioeconómico da comunidade. 

No caso da creación da Facultade de Dirección e Xestión Pública, o decreto sinala que “permitiría albergar as dúas titulacións que se están a impartir actualmente na Facultade de Ciencias Sociais, nas súas modalidades presencial e virtual, que concentran na Comunidade Autónoma galega os estudos sobre xestión e administración pública e liderado institucional, fomentando a súa unidade e, simultaneamente, a súa idiosincrasia identificativa para os/as estudantes que queiran formarse nas ditas disciplinas”. Tamén se destaca neste caso,  que a posta en marcha, absolutamente nova nos estudos de grao do SUG, dunha modalidade exclusivamente virtual, require dunha dirección, coor dinación e xestión específicas que entronquen co seu carácter diferencial e claramente identificativo.

A Facultade de Relacións Internacionais

En canto á  creación da Facultade de Relacións Internacionais, o decreto publicado este martes polo DOG, sinala que “responde á necesidade de mellorar a singularidade da oferta no campus de Ourense e complementar a oferta de titulacións existentes na devandita rama do coñecemento”. O novo centro, sinálase ademais, contribúe a achegar a oferta á demanda social e ás previsións profesio nais e laborais, ademais de que “cómpre ter en conta que, ao contrario da súa crecente importancia, as relacións internacionais non existen como tal dentro da Comunidade Autónoma de Galicia. A especialización que se implantará no novo centro abre unha porta ampla para afondar na internacionalización do tecido produtivo galego e nacional, a través do fomento da eco nomía social e a formación no desenvolvemento e na xestión de proxectos e de empresas internacionais”, detalla o Decreto 133/2022, do 7 de xullo.