DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O investigador da UVigo Adriano Sánchez é un dos autores dun estudo publicado en ‘The Lancet’

Que cada persoa aumente a súa actividade física en cinco minutos diarios podería reducir un 10% das mortes na poboación

A investigación parte da análise dos datos de 135.000 persoas adultas de catro países

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Investigación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 14/01/2026

Pequenos incrementos na práctica de actividade física diaria, como destinar a esta cinco ou dez minutos máis ao día, permitirían reducir substancialmente as mortes potencialmente evitables no conxunto da poboación. Esta é a principal conclusión dun estudo desenvolvido por unha vintena de investigadores e investigadoras de diferentes países, entre os que se atopa o integrante do grupo Well-Move da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da UVigo e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur Adriano Sánchez Lastra. Publicada na prestixiosa revista médica The Lancet, trátase dunha investigación liderada pola Escola Norueguesa de Ciencias do Deporte, que parte da análise dos datos de actividade física e sedentarismo de 135.000 persoas adultas de Noruega, Suecia, Estados Unidos e Reino Unido. Mediante modelos estatísticos, o equipo investigador achou que un incremento da práctica de actividade física de cinco minutos diarios na maior parte desta poboación asóciase a unha redución da mortalidade de preto do 10%; porcentaxe que se situaría no 15% se ese incremento fose de dez minutos ao día.

Publicado na revista que ocupa o primeiro posto na categoría de medicina xeral e interna no índice JCR, o autor principal deste artigo é o investigador da Norwegian School of Sport Sciences (NSSS) Ulf Ekelund e do equipo principal do estudo forman parte o tamén investigador deste centro Jacob Tarp; Knut Eirik Dalene, do Instituto Noruegués de Saúde Pública; Dig Ding, da Universidade de Sidney, e Morten W Fagerland, do Hospital Universitario de Oslo, xunto con Sánchez Lastra, que é investigador colaborador do Oslo Research Center for Physical Activity and Public Health, un centro colaborador da Organización Mundial para a Saúde, con sede no NSSS. O traballo contou ademais coa participación de investigadoras e investigadores das universidades de Uppsala, Harvard, Columbia, San Diego State, Alabama, da Artic University de Noruega e do Karolinska Institute e do Academic Primary Health Care Centre de Estocolmo.  

Non é unha “dose milagre”

Os resultados desta investigación, sinalan os seus responsables, poñen de relevo “o grande impacto” na saúde do conxunto da poboación que poderían ter pequenos cambios “realistas e alcanzables”, como aumentar en cinco ou dez minutos a práctica diaria de actividade física dunha “intensidade moderada a vigorosa”, como camiñar a unha velocidade de cinco quilómetros por hora. “Os nosos achados refírense a efectos a nivel poboacional, non a cambios directos no risco dunha persoa concreta”, subliña Sánchez Lastra, que incide en que a investigación non identifica unha “dose milagre individual”, senón que mostra como “pequenos cambios sostidos, adoptados de forma ampla por cada un de nós, poden reducir substancialmente a mortalidade global da poboación”. 

De feito, o obxectivo desta investigación era coñecer ese efecto global, non estudado previamente, de “cambios pequenos e alcanzables” a partir de datos reais sobre o tempo de actividade física e sedentarismo, obtidos con acelerómetros. Nomeadamente, a investigación susténtase nos datos dos seguimentos realizados, nunha media de oito anos, a sete cohortes de Noruega, Suecia e Estados Unidos, así como no Biobanco do Reino Unido. “O risco de mortalidade estímase mediante modelos estatísticos que teñen en conta múltiples variables, como a idade, o sexo, o tempo de seguimento e outros factores relacionados coa saúde”, explica o investigador do grupo Well-Move. A partir destes, o equipo investigador avaliou como varía ese risco con incrementos de cinco e dez minutos diarios de actividade física e reducións de 30 ou 60 minutos do tempo sedentario, “partindo sempre dos niveis reais de actividade física que observamos nos datos”. 

Maiores beneficios na poboación menos activa 

Esta análise, explica Sánchez, abordou “dous escenarios distintos” que responden “a lóxicas diferentes de prevención de saúde pública”, que pasarían por actuar de forma prioritaria sobre a poboación con maior risco ou tratar de chegar a maior parte da cidadanía. Este último escenario, que definen como “enfoque poboacional”, levounos a avaliar o que suporían estes incrementos no conxunto da mostra, coa excepción do 20% das persoas máis activas. Nese caso, un incremento da actividade física de intensidade moderada a vigorosa, á que destinan de media 17 minutos ao día, asóciase cunha redución da mortalidade do 10%, cando o aumento é de cinco minutos, e do 15% cando alcanza os dez minutos.

No chamado “enfoque de alto risco”, centraron a súa análise no 20% da poboación menos activa, que realiza de media dous minutos diarios de actividade física, sendo neste grupo no que se observou o “maior beneficio” dos cambios propostos. “Se só este grupo aumentase a súa actividade en cinco minutos ao día, estimamos que arredor dun 6% das mortes totais poderían evitarse a nivel poboacional”, salienta Sánchez Lastra; porcentaxe que ascendería ao 9% se o incremento fose de dez minutos. 

A investigación amosa tamén que reducir o tempo de sedentarismo en 30 minutos ao día no conxunto da poboación, agás no 20% máis activo, asóciase cunha redución do 7% da mortalidade, que ascende ao 13% se esta diminuíse nunha hora ao día. No caso do 20% das persoas menos activos, diminuír o sedentarismo reduciría o 3% das mortes no conxunto da poboación con media hora diaria e nun 6% cun descenso dunha hora. 

O equipo investigador realizou tamén estas análises unicamente cos datos do biobanco británico, cos que as estimacións dos efectos destes incrementos foron menores, “pero aínda así substanciais”, sinalan. 

Pequenos cambios con grandes beneficios para a saúde pública

“O que mostramos é que, se moitas persoas nunha poboación, especialmente as menos activas e máis sedentarias se moven un pouco máis, mediante pequenos incrementos realistas, o número total de mortes prematuras nesa poboación reduciríase substancialmente co paso do tempo”, salienta Sánchez Lastra. Nese senso, o “público principal” desta investigación son as e os responsables das “políticas de saúde pública”, dado que os seus resultados “apoian estratexias que faciliten pequenos aumentos de actividade física na vida cotiá, especialmente entre as persoas con maior risco”, sinala. 

Por outra banda, os investigadores inciden tamén na necesidade dunha maior investigación con dispositivos portátiles en países de ingresos baixos e medios, onde as idades da poboación, os seus niveis de actividade e os riscos en materia de saúde “poden diferir significativamente dos deste estudo”.