DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun obradoiro organizado pola Area de Emprego e Emprendemento

Queres aprender a facer un videocurrículo?

As persoas interesadas deben inscribirse antes de mañá xoves ás 14 h

Tags
  • Estudantes
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 18/11/2020

Baixo o título Comunícate, cativa e consegue emprego, a Área de Emprego e Emprendemento propón un taller gratuíto impartido por Eloy Gesto, experto en comunicación, e destinado a tituladas e titulados da Universidade de Vigo, así como a estudantado de grao e mestrado. A docencia, en liña, terá lugar o venres 20 de novembro en horario de tarde, e as persoas interesadas poderán preinscribirse a través da plataforma Bubela ata o xoves 19 de novembro ás 14 horas. 

Desde a Área de Emprego animan á comunidade universitaria a participar, xa que consideran que “as competencias informáticas e do mundo dixital son cada vez máis requiridas polas empresas”. Remarcando a necesidade de coñecer o panorama virtual, o curso quere incidir no concepto do videocurrículo, un novo modelo de presentación que, segundo afirman, “aproveita ao máximo as capacidades que o dixital pode ofrecer”.  

Presentación de resultados ante empresas galegas e portuguesas

O programa do obradoiro conta con tres fases nas que Eloy Gesto abordará a estrutura de discursos breves, ofrecerá consellos para conectar coas empresas e obter o impacto procurado e, por último, afondará no proceso de elaboración dun videocurrículo.

Despois da xornada do venres, Gesto orientará individualmente ás persoas inscritas que desexen construír e ensinar o seu currículo audiovisual a empregadores potenciais de institucións galegas e portuguesas. Deste xeito, sinalan desde a organización, “entrarán nos seus procesos de selección”, co que se facilitará o seu acceso ao mercado laboral.