DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Logo da aprobación da concesión, este martes, por asentimento do Consello de Goberno 

O químico ruso Nicholas A. Kotov converterase no 29º doutor honoris causa pola UVigo 

O reitor avanzou o inicio da tramitación da desascrición dos centros de Enfermaría

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 24/01/2023

A Universidade de Vigo sumará nos vindeiros meses un novo doutor honoris causa, que se converterá no número 29 da institución académica viguesa. A proposta dos profesores Luis Liz Marzán e Miguel Correa Duarte, aprobada por unanimidade en setembro do ano pasado polo Departamento de Química Física da UVigo, recibiu este martes o respaldo, por asentimento, dos membros do Consello de Goberno da UVigo, que recoñecen coa concesión do grao de honoris causa ao químico Nicholas A. Kotov os seus logros en materia de nanoestruturas biomiméticas, que permitiron importantes avances tecnolóxicos, así como a súa colaboración, desde hai anos, con investigadores e investigadoras da UVigo. “É un exemplo de como a ciencia básica pode ter aplicacións de grande interese”, sinalou a vicerreitora de Investigación da UVigo, Belén Rubio, en relación con Kotov, a quen o reitor, Manuel Reigosa definiu como “unha persoa sinxela, que será un grande activo na UVigo como doutor honoris causa”. 

A aprobación da concesión do grao de honoris causa a Nicholas A. Kotov, nado en Moscova e nacionalizado estadounidense, foi un dos asuntos que este martes se abordou na sesión ordinaria de Consello de Goberno, na que tamén se deu luz verde a un total de 76 premios extraordinarios de grao e doutoramento que serán entregados o vindeiro venres no acto de celebración de San Tomé. Así mesmo, as e os integrantes do órgano de goberno da UVigo tamén aprobaron por asentimento as declaracións de interese de modificación e verificación de títulos de grao, mestrado e doutoramento, entre os que destaca como novidade a luz verde ao Máster en Enfermaría, que estaría adscrito á Facultade de Fisioterapia do campus de Pontevedra, ata que non se cree a Facultade de Enfermaría. Neste sentido, o reitor avanzou conversas coa Consellería de Sanidade para iniciar o trámite de desascrición dos tres centros adscritos de Vigo, Ourense e Pontevedra. “A desascrición será progresiva, de xeito que os centros vaian desaparecendo, incorporándose a unha única facultade, con docencia nos tres campus e ligado aos complexos hospitalarios de cada unha das tres cidades”, explicou o reitor, que tamén confirmou o recente nomeamento dun decano comisario, Rafael Durán Barbosa, para un proceso, que lembrou será longo, “aínda que é unha aposta que ten que saír o antes posible”, dixo Reigosa.

Quen é o próximo doutor honoris causa da UVigo? 

Recoñecido internacionalmente polos seus descubrimentos fundacionais no campo das nanoestruturas biomiméticas, Nicholas A. Kotov é docente e investigador da Universidade de Michigan, que no ano 2020 lle outorgou o recoñecemento Irving Langmuir Distinguished University Professor of Chemical Sciences and Engineering, un dos máximos honores que concede esta institución. Ademais dos seus grandes logros científicos no campo das nanoestruturas biomiméticas, que transcederon a numerosas disciplinas, desde a enxeñaría química ata a ciencia dos materiais, Kotov tamén destacou pola súa capacidade para recrear no seu laboratorio o proceso universal mediante o que ten un lugar a ensamblaxe de estruturas biolóxicas moi complexas, así como o descubrimento das vías que utiliza a natureza para crear estes materiais complexos. Con esta visión, o químico, nacido en Moscova no ano 1965, sintetizou un gran número de materiais con propiedades extraordinarias que previamente se consideraban inalcanzables. 

Moitos dos descubrimentos realizados por Nicholas A. Kotov contaron coa colaboración de investigadores da UVigo, como é o caso, desde 1997, de Luis Liz Marzán, e o entón estudante de doutoramento e agora catedrático do Departamento de Química Física Miguel Correa Duarte. No seu traballo conxunto, aplicaron o método de ensamblaxe capa-por-capa para controlar a estrutura na nanoescala de nanocompostos biomiméticos magnéticos e fotoluminiscentes, dando como resultado un importante número de publicacións. Pola súa banda, durante a elaboración da tese da profesora Isabel Pastoriza, identificáronse as propiedades plasmónicas e biolóxicas esenciais de diversos nanocompostos autoensamblados. Varios destes estudos resultaron fundamentais para o desenvolvemento do campo dos materiais biomiméticos e bioinspirados, permitindo avances tecnolóxicos relacionados coa electrónica, tecnoloxías enerxéticas, descubrimento de fármacos, implantes biomédicos e robótica.

Kotov publicou más de 370 artigos nas revistas de maior prestixio, un 20% deles en Science, Nature ou Journal of the American Chemical Society, tres das revistas científicas do mundo no ámbito da química máis importantes. O seu impacto académico revela un índice h de 138, con máis de 70.000 citas, un dos máis elevados do seu campo. Recoñecido polo Departamento de Defensa de EEUU, a American Chemical Society ou a Royal Society of Chemistry, Kotov tamén converteu ao longo da última década a súa investigación en seis empresas start-up, todas elas relacionadas coas tecnoloxías biomiméticas.

Logo da aprobación hoxe, por parte do Consello de Goberno, da concesión do grao de honoris causa a Nicholas A. Kotov, o químico converterase no 29º honoris da UVigo, sucedendo a Jacquelyn C. Campbell, profesora da Universidade Johns Hopkins de Estados Unidos, investida, no ano 2018, polos seus pioneiros estudos de xénero e considerada na actualidade unha das máis sobresaíntes académicas no escenario internacional en materia de violencia contra a muller, especialmente nas relacións de parella. 

Premios extraordinarios de grao e doutoramento

Un total de 76 estudantes da UVigo (42 mulleres e 34 homes) recibirán o vindeiro venres no acto de celebración de San Tomé, logo da súa aprobación hoxe polo Consello de Goberno, os premios extraordinarios de grao e doutoramento do curso 2021-2022. 54 (24 do campus de Vigo, 13 de Ourense, 9 de Pontevedra e 8 de centros adscritos) son as persoas galardoadas cos premios extraordinarios de grao, dos que 30 mulleres e 24 homes. Pola súa banda, 22 (12 mulleres e 10 homes) recibirán os galardóns extraordinarios de doutoramento do curso 2021-2022, dos que 4 corresponden ao ámbito arte e humanidades; 8 ao de ciencias; 4 ao de enxeñaría e arquitectura e 6 ao xurídico-social. 

No acto de celebración do patrón da universidade tamén se entregarán os Premios Egeria que convoca a Unidade de Igualdade da UVigo co obxectivo de fomentar a introdución da perspectiva de xénero nos estudos e na investigación, e que este ano distinguiron a seis alumnas da Universidade de Vigo polos seus traballos fin de grao e fin de mestrado nas diferentes ramas do coñecemento. 

Verificación e modificación e de titulacións

Cara ao curso 2024-2025, o Consello de Goberno aprobou hoxe por asentimento as declaracións de interese de tres novos PCEO (Programación Conxunta das Ensinanzas Oficiais) en Enxeñaría Agraria e Ciencias Ambientais, en Enxeñaría Agraria e Ciencia e Tecnoloxía do Alimentos e en Comunicación Audiovisual e Publicidade e Relacións Públicas. “Son boas novas, porque os PCEO son unha boa ferramenta para atraer a alumnado con altas capacidades”, asegurou o reitor, que lembrou que a UVigo é neste momento a universidade do SUG con menos titulacións deste tipo. 

Neste mesmo punto da orde do día, o Consello non aprobou a verificación dos graos en Enxeñaría de sistemas conectados intelixentes e o dual en Enxeñaría da información, ao contar ambos con informe desfavorable por non estar aberto o mapa de titulacións de grao do SUG. Pola contra, si se aprobou a declaración de interese de verificación de 10, dun total de 11 mestrados, entre os que se atopan o de Enfermaría e o de Avogacía e procuradoría, que se prevé implantar xa o vindeiro curso 23/24. Pola súa banda, a declaración de interese de verificación do Programa de doutoramento en Contabilidade foi aprobado e a verificación do Programa de doutoramento en Xornalismo, comunicación audiovisual, publicidade e relacións públicas non se aprobou, ao contar con informe desfavorable do comité de dirección da EIDO, que considera  que a proposta presenta unhas liñas de investigación moi desagregadas e recomenda canalizar a oferta formativa nunha modificación do actual Programa de doutoramento en Comunicación.

Na sesión deste martes, tamén se deu luz verde á modificación das normas para a contratación de profesorado axudante doutor, “un cambio das xa existentes, nas que se incorpora dentro da carga docente básica as correspondentes aos másteres G2030 e os correspondentes ao ámbito de ciencias da saúde”, explica Alfonso Lago, vicerreitor de Profesorado, Docencia e Titulacións. Relacionado con este punto, tamén se aprobaron os criterios de elaboración da programación docente anual (PDA) para o vindeiro curso e as bases para a selección de áreas de coñecemento para a convocatoria de prazas correspondentes ao 15% reservado para persoal investigador nas ofertas públicas de emprego da UVigo. “Basicamente son as mesmas, incorporándose unha actualización de datas, porque o Ministerio abriu unha convocatoria de axudas para incentivara consolidación investigadora no ano 2022  e é necesario incorporar a prioridade na adxudicación das prazas do 15% ás persoas cuxo proxecto nesta convocatoria sexa aprobado, posto que conlevan un compromiso de estabilización”, detalla Lago. No ámbito de profesorado, na sesión tamén se aprobou un teito de horas de 14.000 destinado a actividades de xestión e apoio nos centros/campus para o vindeiro curso.

Persoa pertencente á comunidade universitaria e persoa vencellada á UVigo

Outro dos puntos da orde do día aprobados hoxe polos membros do Consello foi a modificación sobre a consideración de persoa pertencente á comunidade universitaria e de persoa vencellada á UVigo, en relación coas actividades de extensión. “Son cambios menores que propoñemos porque pensamos que é máis equilibrado. Pasan do grupo C ao B as persoas xubiladas da UVigo (PAS e PDI) (estaban en igualdade de condicións que as persoas xubiladas en xeral). E por outra banda, retiramos da proposta as persoas tituladas que non teñen vinculo coa universidade e que poden telo facéndose Alumni (están no grupo B)”, detalla a vicerreitora de Extensión, Susana Reboreda. 

Noutra orde de cousas, tamén se aprobou a modificación da cláusula oitava do modelo de convenio específico de colaboración para a realización de traballos de fin de estudos (grao ou mestrado), en relación á propiedade intelectual e industrial dos traballos. “A cláusula  actual do convenio tipo é moi ríxida coa propiedade intelectual dos TFM e TFG realizados en empresas e as empresas solicitaban modificar a redacción desa cláusula para axustala aos traballos que ía ofertar ao alumnado,  co que debía ir a Asesoría Xurídica calquera mínima modificación. Así que Asesoría nos recomendou poñer unha cláusula xenérica, que é a mesma que está nos convenios de cooperación educativa, que remite á normativa xeral na materia e que, por suposto, garante os dereitos do estudantado”, detalla a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini.