DUVI

Diario da Universidade de Vigo

RAGC

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Premios
  • Investigación
DUVI 21/01/2026

Premio á mellor investigación na categoría de Ciencias Básicas para un proxecto sobre unha nova diana terapéutica contra o cancro, e Premio á mellor investigación en Ciencias Sociais para un traballo dirixido a reducir o impacto ambiental do comercio electrónico, ambos liderados desde a Universidade de Vigo: un desde o Centro de Investigación en Nanomaterias e Biomedicina, CINBIO, por María Mayán, e outro desde a Escola de Enxeñería Industrial por Iria González. A Real Academia Galega de Ciencias e a Fundación Barrié acaban de facer públicas as propostas gañadoras dos Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC, galardóns destinados a recoñecer as mellores investigacións que se están a levar a cabo en Galicia en Ciencias Básicas, Técnicas e Sociais.

Nova opción terapéutica para diferentes tipos de cancro

O proxecto liderado desde o CINBIO por María Mayán, responsable do grupo de investigación Cellcom, Comunicación celular en cancro e en enfermidades asociadas á idade, foi desenvolto en colaboración con outros equipos nacionais e internacionais e nel foron quen de identificar unha nova diana terapéutica para abordar tumores con mutacións no xen BRAF, mutacións presentes no 8% de todos os tumores humanos e que os fai resistentes aos tratamentos. 

Este traballo identifica a proteína conexina 43 como unha potente diana terapéutica, capaz de frear o crecemento dos tumores e evitar a aparición de resistencia aos fármacos, ou mesmo revertela unha vez que se teña producido. O traballo revela por que as células tumorais se desfán desa proteína para poder sobrevivir e como, ao restaurala, os tumores poden ser conducidos á morte celular. Ademais, descubriron que este efecto multiplícase ao combinalo con fármacos que tamén danan o ADN das células tumorais. Con estes resultados, os investigadores desenvolveron e patentaron unha innovadora estratexia terapéutica baseada en ARN mensaxeiro para transportar a proteína conexina 43 ao núcleo das células tumorais. Os seus achados son de especial interese para o tratamento do melanoma, do cancro de mama e do cancro colorrectal, ao tempo que abre a porta para o desenvolvemento de novos terapias para outro tipo de tumores. 

Por unha última milla máis sostible no comercio electrónico

O premio na categoría de Ciencias Sociais foi para un equipo da Escola de Enxeñería Industrial que traballa na xestión sostible da denominada última milla no comercio electrónico. A súa coordinadora, Iria González Romero, integrante do grupo de investigación  de Enxeñaría de Organización, sinala que “é a fase final e máis crítica do proceso, o transporte do pedido desde o derradeiro centro de distribución ata a entrega ao cliente, clave para a satisfacción do mesmo e un dos máis custosos da cadea loxística, cun alto impacto ambiental”. 

A investigación, realizada en colaboración coa Universidade Libre de Bruxelas, a de Liverpool e a Politècnica de València, proporciona varias ferramentas e directrices para facilitar o deseño e posta en marcha de estratexias sustentables nesta fase do comecio electrónico. Os investigadores identificaron unha serie de innovacións respectuosas co medio como a correcta implementación de envases reutilizables, a recolocación do stock, o redeseño de rutas segundo a densidade da demanda, o redeseño da frota de vehículos ou o uso de puntos de recollida para a loxística inversa. “Os resultados son de interese para que minoristas online e compañías de transporte modifiquen as súas estratexias e aposten por unha última milla máis sostible” -indican-. 

Entrega de premios o día 28 en Compostela

Na categoría de Ciencias Técnicas o premio foi para o grupo coordinado por Cristina Gallego Rodríguez, do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais -CRETUS- da Universidade de Santiago de Compostela. O seu traballo aborda un dos grandes retos actuais da industria pesqueira: que facer cos enormes volumes de subprodutos que se xeran, como a pel do peixe. Propoñen un xeito innovador e máis sustentable de aproveitar este material, empregándoo para obter xelatina de alta calidade mediante o uso de disolventes eutécticos. 

A entrega de galardóns, dotados con 5000 euros para cada un dos proxectos gañadores, celebrarase o vindeiro mércores día 28 no Pazo de San Roque de Santiago, coincidindo coa apertura do curso académico da RAGC. Concedéronse, ademais, varios accésit en cada unha das tres categorías.