DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Por un método para minimizar o uso de mostras en nubes de puntos 

A RAGC outorga unha mención honorífica dos seus Premios de Investigación 2020 ao enxeñeiro da UVigo Jesús Balado

Os galardóns entregaranse o vindeiro 8 de outubro co gallo do Día da Ciencia en Galicia

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Premios
  • Investigar
DUVI 21/09/2020

O enxeñeiro do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da UVigo Jesús Balado recibirá unha das dúas mencións honoríficas que a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) outorga dentro dos seus Premios de Investigación Ernesto Viétez correspondentes ao ano 2020. A mención honorífica ao investigador sénior outorgada a Balado, recoñece o desenvolvemento dun método para minimizar o uso de mostras en nubes de puntos para o adestramento de redes neuronais capaces de clasificar dixitalmente obxectos urbanos como bancos, colectores de lixo ou semáforos, cun 99,5% de precisión. Este galardón polos seus estudos centrados nas nubes de puntos súmase ao que Balado recibira o pasado mes de xullo, o Premio Abertis 2019 sobre Seguridad Vial pola súa tese de doutoramento na que investigou a creación de mapas de peóns xerados a partir de nubes de puntos para calcular rutas seguras para as e os viandantes. 

Xunto ao investigador da UVigo, a mención ao investigador novo recaeu este ano en Esteban Suárez do CiQUS da USC por un estudo no campo dun tipo polímeros, denominados helicoidais sintéticos, que permite desenvolver novos nanomateriais cun comportamento multifuncional e propiedades aplicables á biomedicina e ás TIC, como encapsulación de substancias e desenvolvemento de sensores. Pola súa banda, o traballo científico distinguido co Premio Investigación 2020 da RACG, dotado con 6000 euros, recaeu en investigadores do CiMUS da USC polo descubrimento dunha ferramenta para a reprogramación celular que abre novas portas ao estudo e tratamento de enfermidades como o cancro e doenzas inmunes. Na categoría de investigadores novos o galardón, dotado con 2000 euros, foi para o investigador do CITIC da UDC Raúl Santoveña, que participou de xeito determinante no descubrimento das estrelas ricas en fósforo, descoñecidas ata agora.

A entrega de premios, que este ano acadan a súa 29ª edición, terá lugar durante a celebración do Día da Ciencia en Galicia, o vindeiro 8 de outubro.