Por segundo ano consecutivo e tras analizar máis de 1500 universidades
O ránking QS 2025 reconfirma a UVigo na franxa 901-950 das mellores universidades do mundo
A institución académica viguesa acada o posto 25 en España
A Universidade de Vigo consolida o seu posto na franxa 901-950 das mellores universidades do mundo, segundo a última edición do QS World University Rankings 2025, elaborado polo analista de educación superior global QS Quacquarelli Symonds. O ránking, que na súa vixésimo primeira edición analizou máis de 1500 institucións académicas de todo o mundo, sitúa á UVigo no posto 25 das universidades españolas, á cabeza das que se sitúa a Universidad Complutense de Madrid, seguida da Universitat de Barcelona e a Universitat Autònoma de Barcelona.
A UVigo, que nesta edición 2025 do ránking acada a mellor valoración no indicador de redes de investigación internacionais, seguido de sostibilidade e citas por facultade, repite no tramo 901-950 das mellores universidades do mundo por segundo ano consecutivo, logo de recuperar esta posición no ránking do 2024 e tras estar entre 2021 e 2023 na franxa 1001-1200.
O Massachusetts Institute of Technology (MIT) mantense no primeiro posto do ránking QS por decimo terceiro ano consecutivo, mentres que o Imperial College London sitúase no segundo posto, logo de subir catro posicións, e Oxford ocupa o terceiro posto da clasificación.
Puntuacións da UVigo no QS World University Rankings 2025
A Universidade de Vigo obtivo no ránking deste ano unha puntuación xeral de 13.2 e respecto dos indicadores que a clasificación avalía, producíronse cambios en relación coa edición de 2024. Así, este ano o aspecto mellor valorado é a rede internacional de investigación cunha puntuación de 79.9 puntos, que a sitúan no posto 325. O segundo ítem no que acada a mellor valoración é a sustentabilidade, onde a puntuación é de 39.8, ocupando o lugar 369, mentres que o terceiro é o referido ás citas por facultade, no que obtivo unha puntuación de 18.0 e o posto 583. O seguintes indicadores son reputación académica e reputación do empregador, nos que ocupa o lugar 601+.
Respecto do ránking do 2024, no que indicador con mellor valoración foi a sustentatibilidade, seguido de redes de investigación e citas por facultade, a Universidade de Vigo mellorou na clasificación de 2025 en redes de investigación internacionais (92), baixou (-24) en sustentabilidade e subiu (20) en citas por facultade.
O indicador da rede internacional de investigación é unha medida do compromiso global e, especificamente, sobre como as institucións crean ou manteñen asociacións de investigación que resultan en publicacións de coautoría internacional con outras institucións para colaborar na solución de desafíos do mundo e difundir investigacións relevantes a públicos máis amplos. A sustentatibilidade avalía o impacto social e ambiental e as citas por facultade é un ratio que mide o número medio de citacións obtidas polas facultades e é unha estimación do impacto e calidade da investigación científica.
Aspectos xerais do ránking
O ránking 2025 é o maior realizado na historia do QS World University Rankings, analizándose para a súa elaboración máis de 1500 universidades de 105 sistemas de educación superior. Estados Unidos é o país con maior representación, con preto de 200 institucións, seguido de Reino Unido con 90 e China con 71. Por decimo terceiro ano consecutivo, o Massachusetts Institute of Technology (MIT) mantense no primeiro posto da clasificación, mentres que o Imperial College London escalou catro postos ata acadar a segunda posición, mentres que as universidades de Oxford e Harvard acadaron o terceiro e cuarto posto, respectivamente.
Pola súa banda, a Universidad Complutense de Madrid é a primeira institución española das 35 avaliadas que aparece no ránking, no posto 164, seguida da Universitat de Barcelona no 165 e Autònoma de Barcelona no 175.