DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A entidade presentou este venres en Santiago o seu último documento de análise

A Rede Localis urxe unha reforma catastral dos inmobles para mellorar os ingresos municipais

O profesor do campus Alberto Vaquero é un dos seus autores

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 25/11/2022

A Rede Localis, rede xestionada polo grupo de investigación GEN da Universidade de Vigo, fixo público este venres un novo documento de análise da situación económica-financeira dos concellos galegos titulado O imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana (IIVTNU): o problema inacabable do financiamento municipal. Nel urxen unha reforma catastral dos inmobles para mellorar os ingresos municipais.

Na presentación do traballo, que tivo lugar na sede de Abanca en Santiago de Compostela, participaron os seus autores: Alberto Vaquero, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense e codirector de Rede Localis, e Miguel Angel Santirso, tesoureiro provincial. Segundo indican en nota de prensa desde a rede, “o impacto económico e orzamentario da nova redacción dos artigos que regulan o IIVTNU é complexa pola ampla casuística dos potenciais feitos impoñibles e pola existencia dun dobre sistema de cálculo que dificulta determinar a incidencia final da reforma”. Aínda que se avanza en axustar o imposto a outros, como o IRPF, que gravan as plusvalías reais, os autores do documento sinalan que “é necesario ir máis aló” e apuntan que “se se quere manter este imposto potestativo, é necesario mellorar a construción da base impoñible e pensar en se as non subxeccións ao imposto son as axeitadas”.

Capacidade fiscal non aproveitada

Os expertos da Rede Localis consideran no documento “que existe unha importante capacidade fiscal non aproveitada no IIVTNU en Galicia” e que este imposto “presenta un gran potencial como instrumento financeiro nas poboacións de maior tamaño”. Así, sinalan, “unicamente está implantado no 36,6% dos concellos, mentres que a porcentaxe de media estatal de concellos de réxime común é do 49,2%. A súa implantación, detallan, é moi distinta segundo as provincias, oscilando entre o 13,4% de Lugo ou o 14,1% de Ourense e o 66,1% dos concellos de Pontevedra. Os concellos que aplican unha maior porcentaxe segundo o documento presentado son os da Coruña e Pontevedra e os que menos, Ourense e Lugo. Dadas estas cifras, os expertos da rede consideran urxente unha revisión catastral dos valores dos inmobles para mellorar a capacidade fiscal do IIVTNU (e doutros impostos, como o IBI). Unha actualización, subliñan, que “permitiría detectar posibles bolsas de fraude e melloraría a capacidade tributaria propia da administración local”.

En canto á liquidación e recadación do tributo, o estudo sinala que existen dificultades e custos engadidos e que as porcentaxes de cobros dos impagados son baixas debido á carencia de medidas legais adicionais ao aseguramento do pago do tributo distinto ao propio procedemento de apremio. Por iso, os expertos recomendan o deseño dunha resposta en relación co impago, propoñendo, en concreto, contar con algún tipo de afección do inmoble que se pretende transmitir. “Esta vía reduciría notablemente as altas cifras de ingresos non recadados por este tributo”, sinalan. Os autores do estudo tamén apuntan cara “unha simplificación da xestión, ademais dunha imprescindible xeneralización de convenios entre os concellos, a Axencia Estatal de Administración Tributaria e as Axencias Tributarias Autonómicas (a ATRIGA para o caso de Galicia). Finalmente, en canto aos resultados en materia de recadación tras a última reforma lexislativa, os expertos apuntan que non é posible avaliar correctamente o seu impacto, polo que haberá que agardar a contar con datos suficientes para a súa análise.