DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto 'Scientists meet Artists' presenta esta tarde os seus resultados á sociedade

Redeiras empápase de arte e ciencia mariña

O traballo conxunto de artistas e científicos transformouse nun calendario para 2022

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 22/12/2021

Xurdido en pleno confinamento para atender a demanda das familias que buscaban en internet material didáctico, como láminas para colorear, para as nenas e os nenos, o proxecto Scientists meet Artists presenta esta tarde á sociedade o material elaborado ao longo dun ano, desta volta en forma de calendario para o 2022. Unha ducia de científicos e científicas do Campus do Mar, pertencentes ás universidades de Santiago, Minho e Vigo e ao Instituto Español de Oceanografía, xunto con outros tantos artistas crearon man a man 12 láminas interactivas sobre o medio mariño destinadas a nenos e nenas e ás súas familias, nas que ciencia e arte se mesturan para achegar á sociedade o medio mariño e os seus segredos.

No evento Comunicar o Océano que se celebrará a partir das 18.00 horas no edificio Redeiras de O Berbés, “entregarase material informativo adicional en forma de calendario conmemorativo da actividade. Os propios artistas colorearon as láminas orixinais, unha para cada mes do ano, acentuando aínda máis as diferenzas nos seus estilos creativos, nunha acción extraordinariamente xenerosa. O calendario contén unha breve reseña do científico e do artista que creou a lámina, á que se pode acceder para descargala a través de códigos QR”, explica Daniel Rey, director do Campus do Mar e do Centro de Investigación Mariña da UVigo. Rey, será xunto ás vicerreitoras de Comunicación e Relacións Institucionais e Investigación, Mónica Valderrama e Belén Rubio, o encargado de presentar o acto, no que a técnica de I+D+i da UVigo- Campus do Mar, Noelia Estévez, presentará os detalles do proxecto, e que se completa cun faladoiro, titulado Comunicado o océano coas participantes en Scientists meet Artists. O evento rematará cunha entrega de agasallos ás persoas asistentes.

Balance positivo dun proxecto que explora a súa continuidade 

O proxecto no que científicas e artistas traballaron de xeito coordinado para xerar alternativas similares, pero ao tempo, afastadas da ilustración científica tradicional, ao tempo que servise para impulsar un mellor coñecemento de mares e océanos, o que se coñece como alfabetización oceánica (ocean literacy) da sociedade, amosa, segundo Daniel Rey, un balance claramente positivo. “O balance é extraordinariamente positivo, tanto profesionalmente, como pola posibilidade que abriu para as familias para sentarse  xuntos á calor dunha lámina, non só para colorear, senón tamén para falar e responder ás sempre enxeñosas preguntas dos nenos mentres colorean”, explica o director do Campus do Mar e do Centro de Investigación Mariña da UVigo.

En relación cunha posible continuidade do proxecto, Rey confirma que é unha previsión que se quere explorar continuando coa celebración de máis eventos e “o que é máis desexable, estendéndoo a outras artes, como música, vídeo ou artes urbanas. Para isto, no evento de hoxe tamén se debaterá o impacto cos e coas representantes das partes interesadas: artistas, científicos e científicas e familias coa finalidade de facer balance do impacto acadado ata este momento”, detalla Rey.

Nenas e nenas gañadores do concurso Océanos que Unen visitaron a Ecimat

A Ecimat acolleu o 23 de decembro unha visita guiada para as nenas e nenos gañadores do I Concurso de Debuxo e Fotografía (Océanos que Unen) celebrado o ano 2020 e que por mor da pandemia non se puido levar a cabo naquel momento. Seis dos nove clasificados nos tres primeiros postos do concurso, acompañados por adultos, puideron coñercer durantes unhas horas as instalacións e os traballos que se desenvolven na estación mariña da UVigo.