DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un coloquio virtual afondou nas oportunidades que poden achegar á difusión do idioma

As redes sociais como escenario para achegar o galego á mocidade

Coa participación da xornalista María Yañez e o ‘youtuber’ Mario Brión

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Lingua Galega
  • TIC
  • Cultura
DUVI Pontevedra 30/10/2020

A crise sanitaria converteu neste 2020 o Día das Redes Galegas, que a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación dedica cada ano a afondar na importancia das redes sociais dentro do sector da comunicación, nun ciclo de coloquios virtuais. Organizado polos profesores Alberto Dafonte e Andrés Fraga coa colaboración da Área de Normalización Lingüística (ANL) da Universidade de Vigo e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, o ciclo Redes Galegas celebrou na noite deste xoves a súa primeira sesión, protagonizada pola da xornalista María Yañéz e do youtuber Mario Brión. 

Previamente, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o decano en funcións de Ciencias Sociais e da Comunicación, Xosé Baamonde; o director da ANL, Fernando Ramallo, e Dafonte inauguraron unha actividade que “este ano ten máis sentido ca nunca”, como salientou García, quen puxo o acento no papel que as redes sociais poden xogar “na proxección e fomento do uso da nosa lingua, sobre todo en certas franxas de idade”. Nese mesmo senso, Ramallo subliñou que constitúen un “elemento central na promoción, mobilización e divulgación da lingua”, especialmente entre a poboación menor de 40 anos, “que está un pouco máis afastada do galego”. Baamonde, pola súa banda, sinalou que as e os profesionais que participarán nos tres coloquios que integran o programa, varios formados na facultade, “demostran que hai que ir máis aló da queixa e propoñer e elaborar contidos en galego”. 

Un espazo para as culturas non hexemónicas

Un deses egresados é Mario Brión, quen achegou ao coloquio moderado por Andrés Fraga a súa experiencia na canle olaxonmario. Ademais de incidir en como as plataformas dixitais teñen contribuído a aumentar o consumo de contidos en galego, “que non tanto o uso diario”, Brión puxo o acento en como a “democratización da cultura sen precedentes” que implica o mundo dixital “ofrece a posibilidade de que culturas non hexemónicas poidan ter o seu espazo e incluso crear o seu propio mercado”. No caso do galego, a pesares de existiren proxectos que “están a gañar audiencias considerables, sobre todo entre a rapazada”, as iniciativas que se están a desenvolver, sinalou, “son dispersas e faltas dunha liña estratéxica concreta para optimizar o contido en función dos requirimentos das audiencias”. Nese senso, Brión subliñou a importancia de buscar “vías de diferenciación para achegar algo e atractivo e distinto do que as grandes multinacionais anglo e hispano falantes ofrecen”. A rede, como engadiu María Yañez, fai posible que "teñamos cada día máis contidos en galego", que fan precisos "novos intermediarios que creen esa audiencia". Nese senso, a xornalista relatou neste coloquio a súa experiencia á fronte de Vinte, un medio dixital dirixido as novas xeracións.

Tras esta primeira xornada, Redes Galegas contará o 5 de novembro coa participación da ex-alumna Adriana Villamisar, directora de arte na axencia Nasas, e da profesora Pilar Ponte, impulsora da iniciativa 21 días co galego. A última sesión, o 12 de novembro, reunirá aos tamén egresados David Sousa, director creativo en Mustache, e María Reimunde, responsable de márketing dixital de captación en Campus Training.