A Vicerreitoría promove este mércores unha homenaxe que poderá seguirse a través da rede
Reflexións e música para rememorar a Rosalía
O acto inclúe unha conferencia de María Reimóndez e unha actuación musical
O campus de Pontevedra sumarase este mércores 24 á conmemoración do Día de Rosalía, a través dun acto de homenaxe, promovido pola Vicerreitoría do campus, que abranguerá un relatorio da escritora e investigadora María Reimóndez, a actuación musical de Susana Blanco e a lectura do manifesto que cada ano promove con motivo desta efeméride a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (Aelg). Debido ás limitacións de aforo ás que obriga a pandemia, este acto de homenaxe, que se desenvolverá na sede da Vicerreitoría a partires das 19.30 horas, non estará aberto ao público, que poderá non obstante seguilo a través de Campus Remoto.
“Desde a Vicerreitoría apoiamos todos aqueles actos que significan pór en valor a figura de mulleres sobranceiras da cultura galega e non podíamos deixar de festexar a Rosalía de Castro, muller principal dentro da cultura e das letras en Galicia”, salientou o vicerreitor do campus, Jorge Soto. Nese mesmo senso, a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo, destacou que con esta iniciativa a Vicerreitoría busca “sumarse aos actos que diferentes entidades e institucións celebran en Galicia arredor da figura de Rosalía”, co propósito de “visualizar toda a súa creación literaria, como tamén o seu legado, que non deixa de ser tamén un capital social”.
Rosalía e o feminismo
O acto abrirase, ás 19.30 horas, coa intervención da escritora, tradutora, intérprete e doutora pola Universidade de Vigo María Reimóndez, que impartirá un relatorio “que nos aproximará á figura e ao papel de Rosalía de Castro en relación coa muller”, afondando, como explica Agrelo “nese vínculo entre o seu discurso literario e os feminismos máis actuais”.
Trala súa intervención, chegará a quenda da música, da man da violonchelista Susana Blanco, integrante do grupo Son Trío, que “interpretará unhas pezas poéticas de Rosalía de Castro”, pechándose o acto coa lectura do manifesto da AELG, a cargo da alumna da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Zeltia Pino.
O acto poderá seguirse a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo, a través do seguinte enlace; campusremotouvigo.gal/access/public/meeting/999218868, debendo empregarse o acceso para estudantado e o contrasinal Ky8fRT.