O IV Trofeo Ría de Pontevedra terá lugar o xoves 16 na contorna do peirao das Corvaceiras
Unha regata de barcos dragón medirá o estudantado do campus e da Escuela Naval Militar
Inserida nas actividades da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio
Estudantes do campus de Pontevedra e da Escuela Naval Militar (ENM) medirán novamente as súas forzas na IV Regata Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio-Trofeo Ría de Pontevedra, que se disputará o vindeiro xoves 16 de abril, a partir das 16.30 horas, na contorna do peirao das Corvaceiras. A cuarta edición desta competición anual será unha regata de barcos dragón, unha modalidade de piragüismo orixinaria da China, e abranguerá un total de tres mangas. As dúas primeiras levaranse a cabo con embarcacións de doce tripulantes, disputándose tanto unha manga feminina como outra masculina, mentres que a última proba enfrontará equipos mixtos das dúas institucións, a bordo de barcos dragón de 22 tripulantes.
Organizada pola Vicerreitoría do Campus de Pontevedra e ENM, co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo, trátase dunha actividade inserida na programación da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio. Esta regata naceu no ano 2023 co obxectivo de converterse nunha cita anual que medise nas augas da ría o estudantado de diferentes facultades e escolas do campus e da Escuela Naval Militar, que alberga o Centro Universitario da Defensa (CUD), adscrito á UVigo.
Aquela primeira edición estivo protagonizada tamén polos barcos dragón, nos que compiten, segundo a modalidade, dez ou vinte piragüistas, aos que se suman unha persoa ao temón e un tripulante que leva o ritmo cun tambor. Nas dúas edicións seguintes, o Trofeo Ría de Pontevedra foi unha competición de remo, disputada en 2024 con bateis e en 2025 con embarcacións de nove metros, volvendo a optarse nesta edición polos barcos dragón.
Coa colaboración da Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra, da asociación Dragon Boat Galicia e do Gremio de Mareantes, a competición desenvolverase nun campo de regatas de 500 metros e dúas ceavogas. Nas dúas primeiras mangas, as embarcacións deberán completar unha distancia de mil metros, mentres que o enfrontamento entre os barcos de 22 tripulantes implicará un percorrido de dous mil metros, debendo realizar dúas voltas completas ao campo de regatas. As ceavogas atoparanse situadas nas proximidades do peirao das Corvaceiras e da ponte da Barca, coa idea de que a cidadanía “poida achegarse a ver a regata”, destaca Luis Torres, director da Área Adxunta da Vicerreitoría, que incide en que un dos obxectivos desta actividade é “darlle visibilidade tanto ao campus como á cátedra”.
Un trofeo que viaxa de sede en sede
Quen acade a vitoria nun maior número de mangas alzarase co Trofeo Ría de Pontevedra, ao que cada ano se incorpora unha placa co nome da institución gañadora, encargada de custodialo ata a seguinte edición da regata. De feito, tras a vitoria da UVigo nas dúas primeiras edicións, o trofeo permanece desde 2025 na ENM, vencedora da anterior edición desta regata, disputada con embarcacións de remo de 16 tripulantes na contorna deste centro con sede en Marín.
Esta competición pecha a programación no presente curso da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, impulsada en 1994 pola Armada e a Universidade de Vigo como órgano de relación institucional para temas culturais, científicos, técnicos, humanísticos e de interese común entre estas dúas institucións, ao abeiro do que se desenvolven diferentes conferencias e mesas de debate, xunto con outra serie de actividades, como esta regata ou o Concerto de Nadal da Unidade de Música da ENM.
