DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 30 de xuño en horario de 09.00 a 14.00 horas

Regresa ao edificio Redeiras a exposición itinerante ‘100 lunas cuadradas’

Composta por fotografías feitas no Observatorio do Teide, do Instituto de Astrofísica de Canarias (I

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
  • Divulgación
  • Cultura
DUVI 19/05/2022

Tras pasar polos campus de Ourense e Pontevedra, xa pode visitarse no edificio Redeiras a exposición itinerante 100 lunas cuadradas, composta por nove fotografías feitas no Observatorio do Teide, do Instituto de Astrofísica de Canarias, imaxes que abranguen practicamente todo tipo de obxectos astronómicos e algúns descubrimentos relevantes en astrofísica como sistemas exo-planetarios, estrelas adolescentes, fósiles cósmicos, lápidas fugaces ou grupos galácticos.

Esta non é a primeira vez que esta mostra visita o edificio Redeiras. Fixérao xa o pasado verán da man do seu comisario Antonio Ferriz, coincidindo coa inauguración do edificio, se ben daquela apenas puido visitarse ao non estar aínda estas instalacións abertas ao público en xeral. Agora todas as persoas que o desexen poderán visitala ata o vindeiro 30 de xuño en horario de 09.00 a 14.00 horas.

O nome da mostra, que xa pasou por lugares como o Instituto Cervantes de Tokio, varias universidade xaponesas e a Galería Nacional da capital nipoa, débese a que as dimensións de cada unha das nove fotografías que a compoñen son dez veces por cada lado o tamaño aparente da lúa, que se emprega como unidade de medida, o que supón en total unha área de 100 lúas cadradas. 

Esta actividade forma parte do plan anual de actividades da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade (UCC+i) Ciencia de ida e volta, iniciativa que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología-Ministerio de Ciencia e Innovación.