DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O 21 de abril na praza do Berbés, logo do éxito da primeira edición na que participaron 400 persoas

Regresa a feira ‘A ciencia que vén ten nome de muller’ para amosar á  sociedade o traballo das investigadoras da UVigo 

Medio ambiente, saúde, tecnoloxía e patrimonio serán as liñas temáticas da segunda edición

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • HRS4R
  • Transferencia
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 13/04/2023

A expo-feira A ciencia que vén ten nome de muller abrirá as súas portas, por segundo ano consecutivo, o vindeiro 21 de abril na praza do Berbés, estendendo as súas actividades ao edificio Redeiras, onde se celebrará unha conferencia, e ao planetario do Instituto Marítimo Pesqueiro, onde se desenvolverá unha visita guiada. Logo do éxito acadado na primeira edición, na que tomaron parte 400 persoas, o recinto da feira, que se instalará na praza do Berbés, coa finalidade de fomentar as vocacións científicas e investigadoras, dando a coñecer á sociedade o traballo desenvolvido nas universidades, nomeadamente o das investigadoras da UVigo, acollerá este ano unha ducia de postos, 10 sobre proxectos, grupos e centros de investigación da universidade, un da Unidade de Igualdade da UVigo e outro informativo sobre a Deputación de Pontevedra. 

Na presentación da expo-feira, celebrada este mediodía no edificio Redeiras, as vicerreitoras de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, e de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, incidiron no carácter lúdico da iniciativa, coa que a UVigo pretende seguir achegando a ciencia á sociedade dun xeito accesible e divertido. “Neste tipo de eventos, dirixidos a un público familiar, tamén queremos poñer cara ás nosas investigadoras menos recoñecidas e amosar o que a UVigo está a facer”, explicou Valderrama, que animou á cidadanía a participar na feira “tocando e experimentando”. Neste sentido, Belén Rubio lembrou que a Ley de la Ciencia contempla especificamente no seu artigo 37 unha referencia á ciencia aberta, co obxectivo de “que a xente saiba que facemos na universidade”.

Ambas as dúas vicerreitoras destacaron o impacto que accións como a expo-feira A ciencia que vén ten nome de muller teñen no grao de coñecemento que a sociedade ten a Universidade de Vigo. “Estes labores de difusión levan anos e esta feira celebrará a semana que vén a súa segunda edición, moi centrada no papel da muller na ciencia que é moi importante. Pero esta é unha carreira moi longa”, dixo Rubio, que tamén destacou a importancia de traballar coas nenas desde que son pequenas para fomentar a vocacións científicas, amosándolles referentes, a través de iniciativas como as charlas que investigadoras da UVigo imparten en centros de primaria e secundaria de toda Galicia. “As influencers non son científicas, aínda que xa hai algunhas que o están a facer”, sinalou Mónica Valderrama, que lembrou outras iniciativas postas en marcha desde a UVigo, como as publicacións da colección Quero ser investigadora, as xornadas de portas abertas dos centros de investigación e iniciativas pioneiras como a docencia cero para o PDI que se reincorpora á actividade logo dunha baixa de maternidade.

Saúde, medio ambiente, patrimonio e tecnoloxía, liñas temáticas da expo-feira

De Galicia ao espazo; Realidade virtual e realidade aumentada ou A importancia das algas microscópicas mariñas son os títulos dalgúns dos obradoiros que entre as 16 e as 19.30 horas se desenvolverán na praza do Berbés, que ademais contra o mediodía recibirá a visita de escolares e 5º e 6º de primaria dun centro educativo da contorna. Tanto o alumnado, como o público que pola tarde visite a expo-feira poderá somerxese, da man das e dos investigadores da UVigo, a través de obradoiros e experimentos en ámbitos como o medio ambiente, a saúde, a tecnoloxía ou o patrimonio, as liñas temáticas elixidas para estas edición do evento.

As actividades de A ciencia que vén ten nome de muller completaranse coa conferencia que a partir das 19.15 horas impartirá a investigadora en evolución do cancro do Cinbio da UVigo, Nair Varela Rouco, que fará un percorrido por historias de mulleres relevantes no campo da investigación. Pola súa banda, o Instituto Marítimo Pesqueiro organizará, a partir das 16.00 horas, unha visita ao planetario, guiada polo capitán da Mariña Mercante Adolfo García Campos. Esta actividade ten un aforo limitado a 40 persoas, polo cómpre que os interesados realicen unha reserva.

A expo-feira insírese no programa de actividades 2022-2023 de Ciencia de ida e volta, o plan anual da Unidade Cultura Científica (UCC) da UVigo, que conta cun orzamento de 128.000 euros sufragado con fondos propios e cunha achega da FECYT de 11.000 euros, o que supón un incremento do 29% con respecto ao orzamento de 2021/2022. Formación para o PDI ou as actividades desenvolvidas o 11F co gallo do Día Internacional da Muller e a Nena e a Ciencia, son algunhas das accións que xa se levaron a cabo este curso ao abeiro do programa Ciencia de ida e volta