DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Conformado por oito sesións, nas tardes dos venres de outubro, novembro e xaneiro

A relación do ser humano co medio ambiente centra o novo ciclo de cine da Vicerreitoría 

A programación arranca esta semana co filme ‘O incidente’ 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 15/10/2024

Desde o rexistro dos fenómenos atmosféricos e das súas consecuencias, á denuncia do impacto da acción humana sobre os ecosistemas, pasando pola ideación de futuros distópicos. A relación entre o ser humano e o medio ambiente foi abordada desde múltiples ópticas e perspectivas ao longo da historia do cine. Amosar algunhas das rutas escollidas por cineastas de diferentes épocas para abordar estas cuestións é o obxectivo de Sobre vivir, o ciclo de cinema de outono da Vicerreitoría do campus. Promovido coa colaboración do Concello de Pontevedra, oito proxeccións, que terán lugar na Casa das Campás nas tardes dos venres e que se verán complementadas por un coloquio, integran a programación que se desenvolverá nos meses de outubro, novembro e xaneiro.

Con entrada libre ata completar a capacidade da sala e proxeccións programadas para as 19.00 horas, este ciclo busca presentar unha escolma de filmes cos que afondar nesa “aproximación aos conceptos de medio ambiente e ecosistema", que, con frecuencia, "o ser humano entende como algo externo a el", como sinala o seu coordinador, Suso Novás. A través de longametraxes de diferentes épocas, esta programación busca amosar esa relación como un elemento "transversal, que vai máis aló dos xéneros e que pode abranguer reflexións de natureza política, ideolóxica ou mesmo apocalíptica”, engade o tamén codirector do festival Novos Cinemas.

Oito citas entre outubro e xaneiro

A programación arranca este venres 18 con O incidente (2008), un filme de ciencia ficción no que M. Night Shyamalan aborda os efectos sobre a humanidade dunha toxina liberada polas plantas. Á semana seguinte poderá verse As aventuras de Jeremiah Johnson (1972), de Sydney Pollack, "unha película de aventuras sobre un home que deixa a civilización para vivir no medio da natureza”, apunta Novás.

Xa en novembro, o venres 8 proxectarase Fillos dos homes (2006), de Alfonso Cuarón, “unha aproximación distópica a unha sociedade na que a sociedade ten prohibida a reprodución”, coa que reflexionar sobre a cuestión da superpoboación. Á semana seguinte exhibirase A illa das almas perdidas (1932), de Erle C. Kenton, a primeira adaptación ao cinema da novela A illa do doutor Moreau, de H.G. Wells, coa que afondar na “fronteira entre animal e home”, apunta Novás. O ciclo continuará o 22 de novembro con Inferno baixo a auga (2019), de Alexandre Aja, unha historia coa que debater sobre “que sucede cando varías o ecosistema”; mentres que sete días máis tarde poderá verse Naves misteriosas (1972), de Douglas Trumbull, un filme de ciencia ficción “que fálanos de preservar o medio ambiente nun contexto no que a vida na terra está practicamente extinta”. 

A programación interromperase en decembro e retomarase en xaneiro coas proxeccións de O incrible home minguante (1957), de Jack Arnold, e Os valentes andan sós (1962), de David Miller. A primeira, unha historia ambientada “na psicose nuclear da Guerra Fría”, poderá verse o venres 10, mentres que o día 17 pechará o ciclo “un clásico do western moderno” que permitirá falar dos efectos da acción humana sobre os territorios e sobre as persoas que optan por vivir á marxe da sociedade.