DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia das profesoras da UVigo Alumeda Otero e Marta Estévez

Relacións Internacionais afonda nas orixes do 8M a través das figuras de Clara Zetkin e Rosa Luxemburg

Alumnado do centro tamén realizou unha intervención reivindicativa

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Estudantes
DUVI Ourense 10/03/2025

A Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense e o seu alumnado sumáronse este luns aos actos organizados estes días co gallo do 8M, Día Internacional da Muller. Así, o centro celebrou a conferencia Unha ollada ás orixes do 8M: Clara Zetkin e Rosa Luxemburg, ofrecida por Almudena Otero e Marta Estévez, da Área de Filoloxía Alemá da Universidade de Vigo. 

Antes da celebración do acto, que estivo organizado pola enlace de Igualdade da Facultade de Relacións Internacionais, a catedrática María Lameiras, na entrada do edificio Xurídico-Empresarial, alumnado desta facultade realizou ademais unha intervención reivindicativa sobre a igualdade. Nela, entre outras accións, a alumna Ainhoa García tocou ao violonchelo fragmentos de cancións destacadas no eido feminista, concretamente La puerta violeta, de Rozalén; I will survive, de Gloria Gaynor, e Flowers, de Miley Cyrus.

Igualmente, a súa compañeira Carme Tomé leu un manifesto co que “desde a Facultade de Relacións Internacionais queremos unirnos ao esforzo colectivo en favor da igualdade efectiva e real para todas as nenas e mulleres do mundo. Hoxe e sempre”. No manifesto destacouse que “a desigualdade entre homes e mulleres é o maior desafío do noso tempo, nun momento no que afrontamos ameazas que criamos superadas e ataques desde novas frontes. Superalos é o maior reto que enfrontamos xa que o futuro común a nivel global depende da igualdade, depende do empoderamento de todas as nenas e mulleres”.

Facendo memoria

Tras a intervención, a actividade continuou coa conferencia de Almudena Otero e Marta Estévez, que son tamén profesoras na Facultade de Relacións Internacionais. Sobre as figuras elixidas para a conferencia, destacaron que “Clara Zetkin e Rosa Luxemburg foron dúas das figuras máis sobranceiras do movemento obreiro alemán a principios do século XX. As dúas foron, ademais, amigas e autoras dun abondoso intercambio epistolar”.

Sobre Clara Zetkin, comentaron que “estivo moi implicada no movemento das mulleres“. Así, detallaron, loitou pola igualdade de dereitos e o sufraxio feminino e entre 1891 e 1917 editou o xornal Die Gleichheit (A Igualdade), no que tamén colaborou Rosa Luxemburg. “Foi ela quen en 1910 presentou na Conferencia Internacional das Mulleres a proposta de establecer un Día da Muller Traballadora, que en marzo do ano seguinte comezou a celebrarse en Alemaña, Suíza, Austria e Dinamarca”, afirmaron.

Pola súa banda, Rosa Luxemburg, militante como Clara Zetkin do Partido Socialista de Alemaña, foi autora dunha extensa obra teórica no ámbito do marxismo. Nada en Polonia, sinalaron as relatoras, opúxose a que os deputados do Partido Socialista votaran no parlamento alemán a favor dos créditos para financiar a Primeira Guerra Mundial. Formou parte xunto con outros militantes críticos (entre os que se atopaba tamén Clara Zetkin) do chamado Grupo Espartaquista, que máis tarde constituiría o Partido Comunista de Alemaña. “A súa postura pacifista fixo que tivese que cumprir longas penas de prisión durante a guerra. Foi asasinada en Berlín durante o chamado levantamento espartaquista, en xaneiro de 1919”, apuntaron as profesoras da UVigo.